Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
O seu alto prezo limita o abuso dun produto moi calórico, rico en colesterol e purinas
O foie é unha delicia para o padal e unha tortura para o peto. A súa agradable consistencia, untuosa e suave, e o seu apetitoso sabor e aroma convertérono nun alimento moi apreciado ao longo da Historia. Agora ben, trátase dun produto caro (o seu prezo anda entre os 70 euros e os 230 euros por quilogramo) e o seu consumo circunscríbese a celebracións e comidas especiais, como as que teñen lugar nestas datas. O carácter ocasional do seu uso é recomendable tanto dende o punto de vista da economía familiar como da saúde, debido á abundancia de graxa, colesterol e calorías que o caracterizan, en especial para persoas con problemas de ácido úrico, hipercolesterolemia ou hipertensión.
O foie gras é un termo francés que se aplica ao fígado graxo que desenvolven parrulos e gansas mediante unha alimentación forzada que xera unha hipertrofia -agrandamento do tamaño do órgano- e engraxamento dos seus fígados.
CONSUMER EROSKI comprobou a etiquetaxe, composición nutricional, presenza de sal e mais de aditivos, o estado hixiénico-sanitario e a especie cárnica utilizada en seis marcas diferentes de foies enteiros. O foie enteiro elabórase cunha peza enteira de fígado graxo sen golpes, sen hematomas e desveado á man e acompañado de sal, especias, un licor -Armagnac, Oporto...- e de aditivos autorizados. Cinco deles foron semiconservas elaboradas con fígado de parrulo (Ibardin, Martiko, Delicass, Zubia e Goiburu) e o sexto foi unha conserva de fígado de gansa (Rougie). Os seus formatos oscilaron entre os 75 e os 200 gramos e os prezos variaron dende os 69,41 euros por quilogramo de Martiko ata os 228,75 euros de Rougie.
Segundo as etiquetas dos seis foies analizados, cinco deles (Ibardin, Martiko, Delicass, Zubia e Goiburu) din estar elaborados con fígado de parrulo, mentres que o sexto (Rougie) se anuncia como de gansa. CONSUMER EROSKI comprobou, tras unha análise de DNA, que o reflectido na etiqueta corresponde á realidade. Pero a sorpresa chegou con Martiko, que no canto de utilizar fígado de parrulo, tal e como declara, empregou fígado de gansa, un produto máis caro, polo que non se considerou como unha fraude ao consumidor. Non obstante, isto non o exime de incumprir a norma de etiquetaxe por non coincidir o declarado co realmente envasado.
Así e todo, esta non foi a única irregularidade detectada na etiquetaxe. Na súa lista de ingredientes, Delicass omite un aditivo (ácido ascórbico, un antioxidante) presente no produto. Rougie, ao contrario que Delicass, declara aditivos (un antioxidante e un conservador) que non aparecen no produto final. Para rematar, Goiburu non indica o peso neto do produto, polo que incumpre a norma.
Malia estas deficiencias, a análise amosou un estado hixiénico-sanitario correcto das seis mostras estudadas. Agora ben, en España, a diferenza de en Francia, non se conta cunha lexislación específica que regule o tipo e proporción dos ingredientes que pode engadir, nin o proceso de elaboración, máis alá dunhas liñas xerais. Parece clara, polo tanto, a necesidade dunha lexislación máis detallada e específica sobre estes produtos.
O foie gras é un alimento graxo e de alto valor enerxético, o que explica o seu elevado poder saciante. A análise dos produtos incluídos neste comparativo deu unha media de 517 quilocalorías por 100 gramos de foie gras.
En todos os casos, o contido de graxa, macronutriente maioritario, superou o 40% do alimento. A menor presenza atopouse en Martiko (un 44%) e en Rougie (45%), e a maior correspondeu a Goiburu, o único en superar o 60% (alcanzou un 62%). Trátase basicamente de graxa monoinsaturada (58%), cunha proporción relevante de ácidos graxos saturados (41%), os menos saudables, moi por riba dos poliinsaturados, que quedaron no 1%.
O seu nivel de colesterol (255 miligramos por 100 gramos) é claramente superior ao da maioría das carnes máis consumidas (polo, 110 mg; año, 78 mg; porco, 72 mg ou vacún, 65 mg). No tocante ao seu valor proteico, as proporcións foron dende o 5,6% de Ibardin e o 5,8% de Goiburu ata o 9,8% de Rougie. Tamén contén unha cantidade alta de purinas, substancias que no organismo se transforman en ácido úrico.
Dos seus minerais salientan o ferro, o fósforo, o cinc e, por suposto, o sodio. Este último (uns 700 mg/100 g) débese ao engadido de importantes cantidades de sal como conservante e para acadar un mellor sabor. Constatáronse diferenzas entre as mostras estudadas. O menos salgado foi Rougie, o único de gansa e en conserva, con solo 0,4 g/100 g. No outro extremo, e cunha cantidade case catro veces superior polo menos salgado, atópase Martiko, con 1,5 gramos de sal por cada 100 gramos de foie enteiro de parrulo. Catalógase como excesiva a cantidade de sal nun alimento cando alcanza os 1,8 gramos por cada 100 gramos, cantidade que ningún dos foies alcanzou.
Das súas vitaminas destacan as do grupo B -en especial a B9 e a B12- e, en especial, a vitamina A, xa que cunha inxestión de tan só 10-15 gramos de foie conseguiriamos a porción diaria recomendada (RDI) desta vitamina liposoluble, necesaria para o desenvolvemento do sistema nervioso e para a visión nocturna.
CONSUMER EROSKI tamén estudou a presenza de tres dos aditivos máis habituais nestes produtos; nitratos e nitritos (ambos os dous conservadores) e ácido ascórbico (un antioxidante). Rougie e Goiburu foron os únicos nos que non se detectou ningún dos tres. En Delicass tampouco se atoparon nitratos nin nitritos. Si se atoparon en Ibardin, Martiko (a menor cantidade) e Zubia, aínda que en ningún momento por riba dos máximos permitidos.
O ácido ascórbico (ou vitamina C), un antioxidante que como principal función ten evitar que a graxa se torne rancia, apareceu en Martiko (255 partes por millón ?ppm-, a menor cantidade), Delicass (465 ppm) e Ibardin (500 ppm, a maior cantidade). Delicass utilízao na súa elaboración, aínda que non o declara na etiqueta.
Na análise sensorial participaron 30 consumidores habituais deste tipo de produtos. Realizaron unha cata cega das mostras e avaliaron a aparencia, sabor, percepción do produto na boca e sabor residual. A mellor nota correspondeu a Ibardin (6,6 puntos sobre 9), produto que os catadores diferenciaron con claridade de Delicass (5,2 puntos), Rougie (5,4 puntos, o único de gansa) e Goiburu (4,4 puntos). Zubia (6,1) e Martiko (5,8) situáronse nunha zona intermedia.
De media, un quilo de foie de parrulo custa arredor duns 92 euros, mentres que o de gansa ascende ata case os 230 euros o quilo. Na mostra, o máis barato foi Martiko (69,41 euros/quilo) e o foie de parrulo máis caro foi Ibardin (111,54 euros/quilo), seguido por Goiburu (108 euros/quilo). Non obstante, o foie máis caro do estudo foi o Rougie de gansa (228,75 euros o quilo, máis do dobre ca o foie de parrulo máis caro).
A mellor relación calidade-prezo da mostra correspóndelle a Zubia: ofrece un produto intermedio en todas as características analizadas; cata (6,1 puntos), prezo (91,33 euros/quilo) e composición nutricional correcta.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI