Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A presenza no automóbil de chaves, alicates, desaparafusadores, tesoiras, lanterna, luvas e cinta illante pode salvar ó condutor de máis dun apuro
Unha manta, un xoguete esquecido, un peite, unha botella de auga medio baleira, algúns cd e un par de desaparafusadores envoltos nun trapo cheo de graxa son algúns dos pasaxeiros permanentes dos maleteiros que acompañan, silandeiros, e case invisibles, ós condutores e ás súas familias nos seus traxectos. A tradicional e pesada caixa de ferramentas -sempre presente no coche ata hai algúns anos- foi substituída por algún que outro alicate e pouco máis. A masiva introdución da electrónica nos automóbiles e a súa maior fiabilidade motivaron que os condutores e condutoras deleguen nos mecánicos profesionais os seus coidados básicos, como o cambio de aceite e revisión do motor. Con todo, os expertos aconsellan a presenza no automóbil dunha serie de ferramentas coas que facerlles fronte ós incidentes menores, como a caída dun foco ou dalgún parafuso, ou a necesidade de mudar unha lámpada.
Se as ferramentas se empregan periodicamente, os técnicos aconsellan adquirir unha caixa que inclúa poucas ferramentas, pero de calidade, evitando así o seu desgaste prematuro. Pola contra, se se usan pouco, é importante mercar un maletín que non sexa excesivamente grande, que pese pouco e que non "engaiole" pola gran cantidade de pezas, porque estas poden ser moi pequenas e de dubidosa calidade. Os prezos das caixas de ferramentas oscilan entre os 17 euros e os 95 euros. Tamén se poden mercar as caixas baleiras por 15 euros, en función do material, e completala a gusto do usuario con ferramentas, iso si, con mango de plástico, porque illan fronte á corrente eléctrica e protexen ante posibles descargas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI