Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Chuvia ácida: Pingas de corrosión

Peixes mortos, fragas danadas... Estes son algúns dos efectos dun tipo de contaminación atmosférica causada principalmente pola industrialización

 O fenómeno da chuvia ácida converteuse nunha das iconas da degradación do medio natural provocada pola industrialización. Prodúcese cando o dióxido de xofre (SO2) e os óxidos de nitróxeno (NOx) reaccionan co osíxeno atmosférico e se disolven na auga da chuvia, formando os ácidos sulfúrico e nítrico. O vento pode provocar que estes corrosivos elementos percorran miles de quilómetros antes de se precipitaren a xeito de chuvia, xeada, sarabia, neve ou brétema, e mesmo a xeito de gases e de partículas ácidas, o que se coñece como "deposición seca". Aínda que a natureza tamén xera estes gases, por exemplo a partir do magma volcánico, os principais responsables deste problema ambiental son as emisións causadas polos medios de transporte, as centrais térmicas que queiman combustibles fósiles, as plantas industriais e o amoníaco do esterco das explotacións gandeiras intensivas.

Efectos nocivos

Os efectos sobre o medio natural son notables. A auga tórnase máis ácida, o que pode provocar a desaparición da vida animal e vexetal de lagos, canais e ríos. Diversas especies de peixes, liques, musgos e fungos, algúns esenciais para a masa forestal, e mais os organismos acuáticos pequenos son os máis afectados. A diminución da presenza arbórea aumenta ademais a posibilidade de avalanchas e de corrementos de terra, pondo en perigo as poboacións próximas.

O proceso de acidificación tamén pode reducir a fertilidade dos solos e liberar metais que poden danar os microorganismos da terra, así como a paxaros e a mamíferos superiores da cadea alimenticia, e mesmo ó ser humano.

Do Partenón ó Prado

As emisións de SO2 e de NOx tamén atacan a edificios antigos e novos, en especial se se construíron con materiais facilmente degradables, como a pedra calcaria e mais a pedra de gra. Por exemplo, o Partenón sufriu máis o efecto da erosión nos últimos 30 anos ca durante os 2.400 anteriores. En España, o tesouro pictórico do museo do Prado viu acelerada a súa deterioración por mor desta contaminación.

Os contaminantes que causan a acidificación poden incidir noutros problemas ambientais. O exceso de nitróxeno na auga serve de nutriente para un crecemento rápido das algas e doutras plantas verdes. Este fenómeno, coñecido como eutrofización, conduce a un empobrecemento en osíxeno de ríos e mares, provocando un declive da biodiversidade. Doutra banda, os óxidos de nitróxeno poden reaccionar con diversos compostos orgánicos volátiles, en maior medida en lugares soleados, formando ozono troposférico, un gas nocivo para o medio natural e para a saúde.

Con todo, a chuvia ácida pode ter tamén un efecto positivo. Investigadores da Open University de Inglaterra suxerían recentemente nun estudo que o SO2 reduce o gas metano, o que contribuiría a diminuír o efecto invernadoiro.

Xénese e desenvolvemento

O concepto de chuvia ácida foi acuñado en 1852 polo químico británico Robert Angus Smith, aínda que pasou máis dun século ata que se recoñeceu a súa incidencia a nivel mundial. Foi grazas a un estudo do goberno sueco, presentado en 1972 na Conferencia de Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente Humano, no que se constataba que os ecosistemas do país nórdico sufrían este fenómeno, provocado polos refugallos das instalacións industriais, en especial polos procedentes das centrais térmicas británicas.

Na actualidade, a industria e o transporte seguen a producir millóns de toneladas destes nocivos gases, polo que o problema segue a corroer o medio natural de todo o planeta. Así e todo, o maior rendemento da combustión e a eliminación máis eficaz das partículas permitiron frear este tipo de contaminación.

Os problemas da China

A China, A India e Xapón son os países que máis sofren as inclemencias corrosivas da chuvia ácida. Na China, en concreto, trátase do problema ambiental máis grave. Recentemente, a Administración Estatal de Protección Medioambiental, equivalente a un Ministerio de Medio Ambiente, recoñecía que afecta a máis da metade das cidades do país; e mesmo nalgunhas rexións toda a chuvia que cae é ácida. O principal causante desta situación é o carbón, que nutre o 70% das necesidades enerxéticas do xigante asiático. En Europa, os países nórdicos, xunto con Holanda e o Reino Unido, son os que padecen en maior medida a chuvia ácida. Pola súa banda, os Estados Unidos e Canadá son outros dos dous grandes afectados por este tipo de polución.

Chuvia ácida en España

En España este fenómeno afecta principalmente a Galicia, País Vasco, Murcia e a algunhas zonas de Cataluña, motivado en boa parte polas centrais térmicas máis contaminantes, como a de Compostilla (León), a de Andorra (Teruel) ou a das Pontes (A Coruña). As centrais térmicas españolas exceden cada vez máis o nivel de emisións mínimo fixado pola UE en 1991. As 73 instalacións de fuel, carbón e petróleo de España emitiron o ano pasado 288.117 toneladas de óxidos de nitróxeno, superando en 11.000 toneladas o permitido.

Para tratar de paliar esta situación, o Ministerio de Industria elaborou un plan de peche, ó que se acolleron 23 centrais, que irán diminuíndo a súa produción entre o 2008 e o 2015.

Medidas preventivas

 A chuvia ácida é un problema que se pode solucionar por medio de varias medidas:

  • Utilización de técnicas de neutralización da acidez das augas, como o agregado de substancias que actúen de base ou a colocación de filtros. Así e todo, trátase de técnicas caras que só poden servir para solucionar o problema a curto prazo.
  • Diminución da emisión dos gases nocivos. En definitiva, trataríase de cortar o problema de raíz, reducindo o uso do petróleo, do gas e do carbón e apostando polas enerxías renovables na industria e no transporte.
  • Mellora das tecnoloxías. O uso máis eficiente e racional da enerxía, e mais a aplicación de mellores sistemas de limpeza dos gases desprendidos, contribuiría tamén a reducir o problema.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto