Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A asunción adecuada dos fracasos persoais é fundamental, porque a súa presenza na nosa vida, en maior ou menor grao, é inevitable
Estamos preparados para asumirmos os fracasos e para reaccionarmos axeitadamente ante eles? Tanto os pesimistas como os optimistas, os ledos e os melancólicos deben afrontar na súa vida grandes ou pequenas apostas falidas. Cantas parellas se fan e se desfán? Cantas iniciativas empresariais non se consolidan? Escollemos ben a nosa profesión? É moi común que nos intentos que facemos por cambiar malos hábitos, como fumar, comer sen orde ou mellorar o noso comportamento, acumulemos tentativas infrutuosas.
Dun xeito ou doutro, o fracaso acompáñanos durante toda a vida á vez que o fan os triunfos. Non obstante, non estamos preparados para aceptalos. Nin a pedagoxía social, nin a escolar, nin a familiar, nos adestra de maneira adecuada para asumirmos os erros (tampouco os éxitos) que cometemos. A consecuencia: non aprendemos a responsabilizarnos deles.
Probemos a converter, como fan os científicos, os fallos en motores de cambio. Sen erros non hai avance. Aprendamos, polo tanto, a reaccionar de maneira que tamén poidamos tirar proveito dos momentos menos satisfactorios.
A longo prazo, son mellor consideradas aquelas persoas que non tiveron ningún inconveniente en recoñecer publicamente os seus fracasos e puntos débiles cando esa manifestación se fixo de maneira equilibrada: sen agachalo e sen presumir.
A distancia que hai entre o que un cre que é e o que realmente é representa o enfrontamento entre o verdadeiro eu e o súper eu. Este desencontro é a evidencia de que non aprobamos a principal materia da vida: o coñecemento de un mesmo e das súas potencialidades reais. Só co paso dos anos, a medida que se vai acadando unha certa madurez, e coa resignación propia de quen ve que non chegou nin chegará a acadar os ideais pretendidos, se vai adquirindo a convición persoal de que un é "normaliño", sen máis. O importante é que esa constatación non sexa unha decepción, senón unha autoaceptación.
A aceptación da propia persoa asegura a serenidade propia das persoas maduras, a daquelas que logran con elegancia e sen preocupación afirmar: "isto é o que hai", "acéptome co que son e co que teño e quen me queira que me reciba tal cal".
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI