Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Son os gramos de proteínas por quilo de peso e día que precisa o organismo de calquera persoa adulta sa. Por exemplo, un adulto de 70 quilos de peso precisaría arredor de 60 gramos de proteína ó día. Medio litro de leite (16 g de proteína), un filete de 120 gramos de carne para xantar (24 g de proteína) e 140 gramos de peixe (25 g de proteína) na cea abondaría. A inxestión de máis cantidade de alimentos proteicos -carnes, peixes, ovos e lácteos- tradúcese en proteínas de máis para o organismo, que se ve obrigado a realizar un maior esforzo para eliminalas.
A castaña é un froito cunha composición máis próxima á dos cereais cá dos froitos secos, dos que se distingue por ter máis hidratos de carbono complexos -36 gramos por cada 100 gramos- e menos graxas -2 gramos por cada 100 gramos-. Isto explica que o seu valor enerxético, aínda que elevado -175 calorías por 100 gramos-, sexa ata tres veces inferior ó da maioría de froitos secos. Polos seus nutrientes, a castaña pódese considerar un complemento ideal para a dieta de nenos, estudantes e deportistas, a quen lles proporciona entre horas unha achega de enerxía extra. Dado o seu carácter estacional, calquera pode gozar do seu sabor durante os meses do outono.
Crúas, asadas ou cocidas son as maneiras máis habituais de comer castañas. Tamén se empregan en repostería e pastelería, sendo o ingrediente principal do marron glacé, un doce elaborado con castañas confeitadas. En puré, achegan o contrapunto perfecto a diversas receitas, sobre todo de carne de caza e aves. As castañas consérvanse sas nun lugar fresco e seco. Se se conxelan, pódese dispor de castañas durante 6 meses.
Se é das persoas que non ten tempo para preparar a comida con antelación, ou non lle agrada cociñar, ou resulta que os seus coñecementos culinarios son máis ben escasos e bota man constantemente das verduras e dos legumes en conserva, se cadra preguntouse algunha vez se este xeito de comer vexetais é un hábito saudable.
Preparar un prato con alimentos en conserva resulta sinxelo, práctico e rápido. Para que este costume sexa san, convén escoller as conservas vexetais que están simplemente cocidas; aclaralas baixo o chorro de auga para eliminar os conservantes, escorregalas ben e acompañalas dun sofrito sinxelo e caseiro. Porque as conservas que xa veñen cociñadas -fabada, potaxe de garavanzos, de lentellas, etc.- teñen bastantes máis aditivos, amais de máis graxa, sal e calorías, porque normalmente levan chourizo, morcilla, touciño ou outros ingredientes graxos. Por iso adoitan resultar tamén máis indixestas. Así e todo, pódese alixeirar o menú se se acompañan estes pratos cociñados de ensalada e froita.
Teína e cafeína son o mesmo composto químico. Emprégase unha denominación ou outra segundo se fale de té ou de café, plantas nas que abunda. É un alcaloide estimulante do sistema nervioso central e do corazón con efectos diuréticos. De maneira natural, tamén o conteñen a herba mate, a noz de cola e o guaraná.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI