Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Usuarios satisfeitos coa atención médica pero descontentos coas esperas

Os pacientes aproban con nota o servizo médico e mais o trato persoal que reciben. Os ambulatorios atópanse en bo estado, pero a información ó usuario é deficiente. O tempo medio de cada consulta é curto, só dez minutos

Médicos que escoitan e responden

 A enquisa a 4.700 usuarios evidenciou un nítido grao de satisfacción co funcionamento dos ambulatorios, como revelan os 7,5 puntos de media global que concederon a estes centros e ó servizo que neles reciben. As variables sobre as que opinaron foron doce: o tempo dedicado polo médico ós pacientes, o coñecemento do seu historial, as explicacións e consellos do médico, a información sobre os seus problemas de saúde, a capacidade de escoitar do médico, a proximidade do centro de saúde, o horario de atención ó público, o trato do persoal administrativo e das enfermeiras, a facilidade para conseguir cita e o equipamento e medios do centro. As cualificacións medias máis baixas recolléronse en Guipúscoa e Alacante (5,8 e 6,3 puntos de media), mentres que os usuarios máis satisfeitos foron coruñeses, murcianos, rioxanos e sevillanos (arredor dos 8 puntos de media).

Os aspectos mellor valorados foron os vinculados ó trato dispensado polos facultativos ós pacientes, entre eles a información que o médico lle ofrece ó paciente sobre o seu estado de saúde e as explicacións acerca de determinadas enfermidades (en ambos os casos, unha media de 7,7 puntos). Ademais, os médicos saben escoitar, unha característica determinante na mellora da comunicación e da calidade asistencial. Só o 10% dos pacientes suspendeu a capacidade dos médicos para escoitalos e atendelos, mentres que un 33% catalogouna como excelente. A isto hai que engadir que só un 4% se queixou da escasa claridade das explicacións sobre o uso de medicamentos. A valoración positiva estendeuse tamén ó trato ofrecido por enfermeiras e enfermeiros, valorado por un de cada tres usuarios como excelente. Idéntica proporción outorgoulle a máxima puntuación á situación dos Centros de Saúde de Atención Primaria.

A dificultade de lograr unha cita

Visto xa o bo, abordemos o menos eloxiable. Sen ir máis lonxe, a dificultade de conseguir día e hora para acudir ó ambulatorio. Un de cada cinco usuarios asegurou que nos centros "tardan moito en coller o teléfono". E tampouco o trato do persoal administrativo xerou entusiasmo entre os usuarios: un 13% deles considera que non merece nin sequera un aprobado. Ademais, nin o tempo de espera (un de cada seis usuarios indicou que nalgunha ocasión agardara entre media hora e unha hora) e o tempo de duración da consulta resultaron totalmente satisfactorios.

Menos de dez minutos por consulta

A visita dos técnicos de CONSUMER EROSKI ós 162 ambulatorios constatou, cronómetro en man, que a duración media da consulta (desde que entraban os usuarios ata que saían) é pouco menos de dez minutos. A metade dos 3.250 usuarios controlados por esta investigación permaneceron polo menos 10 minutos na consulta. Pola contra, a case un de cada tres os seus médicos despacháronos en menos de 5 minutos e apenas un de cada dez permaneceu na consulta máis de 15 minutos. No positivo, destacaron os ambulatorios de Granada, un 86% das consultas superou os dez minutos, e os de Guipúscoa e Valencia, onde tres de cada catro alcanzaron ese tempo de atención facultativa. Non obstante, só unha de cada 14 consultas en Biscaia e unha de cada sete en Córdoba superaron os 10 minutos.

Catro minutos de espera en Madrid, media hora en Alacante

O tempo medio de atraso na atención ó paciente por parte do médico de cabeceira foi de case 14 minutos, aínda que as diferenzas entre unhas provincias e outras foron substanciais. A media en Alacante superou a media hora (32 minutos), en Murcia chegou a case 28 minutos e en Asturias, Zaragoza e Sevilla andou arredor dos 20 minutos. Agora ben, nos centros de saúde de Madrid os pacientes apenas tiñan que agardar 4 minutos e medio desde a hora en que estaban citados ata que finalmente eran atendidos, mentres que en Biscaia, Guipúscoa e na Coruña o tempo de atraso andou arredor dos 6 minutos de media.

Dos 3250 pacientes sobre os que se realizou o seguimento, só un de cada seis (o 17%) conseguiu que o atendesen á hora en que estaba citado, mentres que un 43% se viu obrigado a agardar ata un cuarto de hora. Así e todo, para case dous de cada dez pacientes a espera alongouse entre os 15 minutos e a media hora; e, o que é peor, no 13% dos casos o atraso entre a cita e o momento real da consulta superaba a media hora. Pero houbo rechamantes e non pouco numerosas excepcións: un de cada 12 usuarios accederon á consulta antes da hora prevista.

Os atrasos na atención facultativa ó paciente tamén se controlaron en función dos treitos horarios en que estaban citados. O atraso acumulouse na mañá (máis de un cuarto de hora de atraso medio nos pacientes citados entre as 8 e as 10 de mañá, e 16 minutos e medio para os citados desde as 10 ás 12.30 horas). O tempo de espera medio comeza a baixar ó mediodía (13 minutos entre as 12.30 e as 15 horas), para acabar nos apenas 7 minutos de atraso entre as 15 e as 20 horas.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto