Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Moi diferentes en prezo e en prestacións, cada sistema de adherencia para neve convenlle a un tipo de usuario
A Dirección Xeral de Tráfico recomenda que entre os meses de novembro e marzo os condutores leven sempre no seu vehículo dispositivos especiais que aumenten a adherencia e que melloren a seguridade activa, é dicir, a que evita que se produzan accidentes. Os sistemas máis coñecidos son as populares cadeas de ferro convencionais, pero non son os únicos. Dun tempo a esta parte é habitual atopar distintos sistemas que melloran o agarre das rodas, como as cadeas ríxidas (tipo 90 araña), as fundas téxtiles ou mesmo os pneumáticos especiais que substitúen os convencionais e que se usan unicamente durante o inverno.
Leváronse ó laboratorio e probáronse nun circuíto pechado nove modelos de suxeición para a neve de catro tipos distintos: tres cadeas de ferro convencionais (de fixación simple, dobre tensor e auto-axustables), dúas cadeas ríxidas, dúas fundas téxtiles e outros dous xogos de pneumáticos de inverno que custan desde os 20 euros das cadeas de ferro de Carpriss ata os 355 euros das cadeas ríxidas de Centrax. É difícil indicar unha única mellor relación calidade-prezo: cada sistema está indicado para un público distinto, polo que convén coñecer as súas características para facer a elección adecuada. En termos xerais destacaron positivamente as cadeas de ferro con autotensado Protech, tanto polo seu prezo intermedio (132 euros) como por demostraren o mellor comportamento en firmes esvaradíos. As cadeas de Michelin, tamén eficaces, son sensiblemente máis baratas (66 euros), se ben son as que máis tempo leva montar.
O tamaño do maleteiro (o lugar no que se van gardar os equipos durante a maior parte do tempo) pode ser determinante na elección dun sistema. As fundas de Autosock son as que precisan menos espazo (25x22x7 cm), seguidas polas cadeas de ferro Carpriss (27x29x6 cm). As que máis ocupan son as dúas cadeas tipo araña: Centrax (67x22x23 cm) e Spikes (59,3x53x9,5 cm). No tocante ó seu peso, as fundas téxtiles son as máis liviás: as dúas fundas analizadas pesan 1,8 quilos. Pola contra, os equipos máis pesados son as cadeas de ferro de Michelin (8,8 quilos), seguidos por Protech e Spikes, que andan arredor dos 8 quilos.
É habitual que estes sistemas haxa que instalalos en condicións climáticas adversas, baixo a neve, a chuvia, o vento ou o frío. Por iso, a facilidade e rapidez da súa colocación son fundamentais. Para comprobar cal era máis sinxelo, catro persoas practicaron con cada sistema ata que adquiriron a soltura necesaria, como debería facer un usuario antes de montalas por primeira vez baixo a neve. Despois, cronometrouse canto lle levaba a cada usuario colocar cada equipo, iso si, nun garaxe, polo que en condicións reais é previsible que cumpra algo máis de tempo. Os pneumáticos de inverno quedan fóra deste test, xa que a súa instalación realízana especialistas, e, en calquera caso, só se fai unha vez ó ano. As máis rápidas de montar foron as cadeas tipo araña Spike Spider Compact (só 27 segundos, unha vez montado o soporte co que se debe circular en inverno), seguidas das fundas téxtiles Fix&Go (59 segundos) e Autosock (1 minuto e 23 segundos, o mesmo cás cadeas de ferro máis rápidas: Protech). As máis complicadas foron as cadeas de ferro Michelin (2 minutos e 20 segundos).
Para valorar a eficacia destes nove modelos probáronse no mesmo coche sobre unha calzada con neve nun circuíto pechado. Os ensaios fixéronse co control de estabilidade (ESP) desconectado, xa que non todos os vehículos dispoñen del e non é compatible coa maioría de sistemas de agarre. Autosock é o único que recomenda circular co ESP conectado.
A proba de aceleración mide canto leva percorrer 50 metros arrincando en parado, tanto sobre neve dura como sobre neve húmida. As que mellor se desenvolveron foron as cadeas convencionais (Michelin, Protech e Carpriss, por esta orde), mentres que as dúas fundas téxtiles e os pneumáticos de inverno Michelin Pilot Alpin obtiveron resultados inferiores. O test de freada, tamén sobre ambas as dúas superficies, cronometra o tempo preciso para deter un vehículo que circula a 40 km/h (30 km/h na proba de neve dura) co pedal de freo pisado a fondo. Os resultados foron semellantes ós da proba de aceleración: as fundas son claramente peores có resto, por non disporen de elementos que se chanten na neve.
A proba de tracción en pendente é a máis esixente e a que esixe un maior esforzo dos dispositivos de agarre. Nas fundas de Fix&Go e nas cadeas araña de Spikes Spiders produciuse certa rotación entre a roda e o equipo de suxeición, é dicir, a roda xiraba algo máis lixeira có equipo. As mellores volven ser as cadeas de ferro, mentres que a funda Fix&Go é significativamente peor.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI