Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Bolería industrial: Mellor un bocadillo, unha torrada ou cereais de almorzo

A grande achega calórica e mais a súa abundante graxa -boa parte dela saturada- fan que o consumo frecuente de magdalenas, sobados e croissants non sexa saudable

 A bolería industrial constitúe unha doce tentación para cativos e grandes, pero o seu consumo habitual non é, desde logo, un hábito saudable. A composición nutritiva destes alimentos, moi calóricos e con abundante graxa (boa parte dela saturada ou Trans, as menos saudables) aconsella limitar a súa presenza na dieta dos máis cativos a un día á semana, ben no almorzo ou ben entre horas. E este consello pódese estender ós adultos que inxiren este tipo de alimentos.

Catro son os ingredientes básicos que compoñen a bolería industrial: fariña, graxa, azucre e ovos. Son eles os que determinan a súa composición enerxética e nutritiva. Para coñecérmolos polo miúdo analizáronse tres magdalenas (Casado, La Bella Easo e Bimbo), tres croissants (La Bella Easo, Dulcesol e Bimbo) e outros tantos sobados (La Cavada, Bimbo e Vega de Pas).

Calidade e composición nutricional

A fariña de trigo é o ingrediente principal e, xa que logo, os hidratos de carbono son o seu nutriente predominante. De media, representan a metade do alimento (uns 50 g/100 g) e o 50% destes hidratos son azucres que se engaden para tornar máis doces estes produtos de bolería, que, pola contra, non destacan na súa achega proteínica (unha media de 5,1% do produto nas magdalenas, do 5,4% nos sobados e dun 7,9% nos croissants). No tocante ó estado hixiénico-sanitario, as análises microbiolóxicas demostraron que era satisfactorio nas nove mostras. Doutra banda, a análise específica de transxénicos revelou que ningún destes produtos de bolería contiña ingredientes modificados xeneticamente.

As magdalenas, mellores

As magdalenas (de media, 3,16 euros/quilo) son máis baratas cós sobados (4,65 euros/quilo), e estes cós croissants (5,10 euros/quilo, de media). Segundo os resultados da análise (as magdalenas son máis saudables: o seu contido en graxas saturadas é moi inferior ó de sobados e croissants), a mellor relación calidade-prezo correspóndelles ás magdalenas máis baratas, La Bella Easo, que saen a 2,97 euros/quilo.

Importante: coñecer o tipo de graxa

A proporción de graxa sitúase entre o 21,5% das magdalenas La Bella Easo e o 30,4% dos croissants Dulcesol, valores moi elevados se se comparan con outros alimentos incluídos no grupo de cereais (pan branco: 1%, pan de molde: 4,5%, cereais, 0,8%).

Pero tan importante é a cantidade de graxa como a súa calidade, é dicir, o tipo de ácidos graxos que a compoñen. A análise demostrou que as magdalenas, desde un punto de vista nutricional e dietético, son mellores, polo seu alto contido en ácidos graxos insaturados, os máis saudables. De feito, representan o 82% dos ácidos graxos en Casado e La Bella Easo e ata o 88% da achega lipídica en Bimbo. Nos croissants e nos sobados máis da metade da graxa corresponde a graxa saturada e a graxa Trans, as menos saudables.

Graxas Trans, que son?

 O exceso de graxa saturada contribúe ó aumento dos niveis de colesterol-LDL, o colesterol malo, e dos triglicéridos no sangue, o que prexudica a saúde do corazón e das arterias. Os efectos dos ácidos graxos Trans son aínda peores, xa que non só incrementan o colesterol malo, senón que tamén reducen o colesterol bo ou HDL. Pero vexamos qué son estas graxas Trans. As graxas Trans fórmanse no proceso industrial (hidroxenación), que converte o aceite vexetal líquido nunha graxa sólida e untuosa, pensemos nas margarinas, por exemplo. En España, non se implantou regulación ningunha sobre o uso desta substancia tan pouco saudable, pero Dinamarca ten establecido un límite legal: menos dun 2% de graxas Trans nos alimentos industriais. E Estados Unidos obriga a que se especifique a cantidade de graxas Trans na etiqueta dos envases.

As tres mostras de magdalenas e os sobados Vega de Pas presentaron a menor proporción destes ácidos graxos (as magdalenas Bimbo só tiñan un 0,05%). No outro extremo, os sobados La Cavada contiñan un 1,42% de graxa Trans e os croissants Dulcesol un 1,58%, ambos os dous por baixo, pero relativamente preto, do máximo fixado por Dinamarca (2%).

Moito azucre e demasiada graxa

Estes produtos de bolería achegan, de media, 460 calorías cada cen gramos. Os máis calóricos son os croissants Dulcesol (497 cal/100 g) e os menos calóricos os croissants Bimbo (426 cal/100 g). Unha ración anda arredor dos 50 gramos, polo que achega unhas 230 calorías, e as graxas e os azucres son os nutrientes máis abundantes, xusto os menos saudables de se consumiren en exceso. No tocante ó sal, as magdalenas son a opción máis conveniente. A súa presenza variou, nas magdalenas, desde os 40 mg de sal cada 100 gramos de La Bella Easo ata os 90 mg/100 g de Bimbo, pasando polos 60 mg/100 g de Casado. Os croissants foron os máis salgados: Dulcesol chega ata 730 mg/100 g (oito veces máis cá magdalena máis salgada), ségueo Bimbo, con 650 mg/100 g, e La Bella Easo queda en 300 mg/100 g. Os sobados quedan, en contido de sal, nunha posición intermedia: desde os 120 mg/100 g de Bimbo ata os 280 mg/100 g de La Cavada. Así e todo, ningún destes produtos se pode considerar moi salgado. De feito, considérase que un alimento ten unha cantidade excesiva de sal cando alcanza os 1.800 miligramos/100 g.

Etiquetaxe

Tres das novas mostras incumpren a norma de etiquetaxe: os sobados Vega de Pas non indican no mesmo campo visual toda a información requirida; ademais, as magdalenas La Bella Easo ("azucre rigorosamente seleccionado") e as de Casado ("magdalenas con ovo") non cuantifican na súa lista de ingredientes a cantidade dos ingredientes que salientan nas súas etiquetas. A información nutricional (non obrigatoria, pero sempre desexable en produtos tan graxos e calóricos) viuse en sete das nove mostras; os sobados La Cavada e Vega de Pas foron os únicos que non a ofrecían.

Mellor un bocadillo de xamón e ata pan con chocolate

 Se calculamos o valor enerxético e nutritivo dun bocadillo caseiro e o comparamos cun produto de bolería industrial como os aquí estudados, comprobaremos como, aínda que a diferenza de calorías non é substancial, si é evidente a mellor calidade dos nutrientes da primeira opción. Un bocadillo de xamón -50 gramos de pan e dúas lascas de xamón- achega unhas 220 calorías, das que as máis delas proceden de hidratos de carbono complexos (23,5 g/100 g) e dunha boa ración de proteínas (14 g/100 g), con apenas 8 g/100 g de graxa, é dicir, a metade ou mesmo tres veces menos de graxa cá bolería.

A mesma cantidade de pan acompañada de 25 gramos de chocolate con leite contén entre tres e catro veces menos graxa saturada e a metade de azucre cás magdalenas, croissants e sobados industriais. Tamén se pode substituír a bolería industrial por produtos de repostería caseira, que, malia o seu gran contido calórico, se poden preparar con graxas saudables, como aceite de oliva ou xirasol, e incluír ingredientes tan recomendables como froita, froitos secos ou lácteos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto