Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Acupuntura: Agullas saudables, pero con limitacións

Milenios de coñecemento plásmanse nunha técnica con múltiples aplicacións terapéuticas, aínda que ás veces non pode substituír a cirurxía ou os antibióticos

 A acupuntura representa unha das máis importantes achegas da medicina chinesa. Malia atesourar milenios de coñecemento e estar cada día máis espallada nos países occidentais, arrastra aínda críticas que a acusan de pseudociencia e de paramedicina, mentres se suceden os estudos científicos que certifican ou desautorizan a súa acción.

Unha cuestión de enerxía

Para entendermos a acupuntura cómpre coñecermos as bases da medicina tradicional chinesa, que parten da idea de que as doenzas son o resultado do desequilibrio da enerxía vital, chamada qui, que circula polo noso organismo a través de canles. Para os occidentais, a enfermidade recoñécese e trátase cando aparecen os síntomas, pero para os chineses o período máis importante é o que precede á manifestación da doenza, o de menor resistencia por mor do desequilibrio enerxético. O labor do acupunturista consiste en establecer o diagnóstico exacto, en determinar os lugares nos que se alterou o fluxo de enerxía e intervir sobre eles restablecendo o seu equilibrio.

Puntos e meridianos

Os puntos de acupuntura no corpo humano clasifícanse en 14 grupos. A liña que une os puntos de cada grupo chámase meridiano. Deles, 12 son bilaterais, é dicir, 6 localízanse na parte dereita do corpo, e outros 6 na esquerda, mentres que outros 2 quedan na liña media. Cada meridiano ten un traxecto definido que segue dúas vías: a interna, que ten a súa orixe nun órgano e que percorre o corpo conectándose á segunda vía, a externa, que remata na terminal do punto de acupuntura e que se conecta á interna levándoa de volta ao órgano de orixe, o que converte o meridiano nunha especie de circuíto pechado. Cada meridiano denomínase segundo o seu órgano de orixe: o do pulmón, o do intestino groso, o do bazo, o do corazón, etc.

Acción sobre o sistema nervioso

Os meridianos non teñen correspondencia con estruturas anatómicas coñecidas, pero si hai probas de que son reais: as medicións da resistencia eléctrica da pel e os estudos da estrutura microscópica dos tecidos e células dos puntos confirman que estas zonas son diferentes do resto.

Doutra banda, se ben aínda se descoñece o seu funcionamento exacto, sábese que a acupuntura actúa sobre o sistema nervioso, estimulando a actividade de substancias analxésicas como as endorfinas e as células do sistema inmunolóxico. Algúns estudos evidenciaron que a acupuntura altera a química cerebral, pois inflúe na liberación de neurotransmisores e hormonas e incide en partes do sistema nervioso relacionadas coas sensacións e funcións involuntarias do organismo (reaccións inmunolóxicas, fluxo sanguíneo, presión arterial...), pero aínda non se descifraron os mecanismos íntimos polos que actúa no organismo.

Coñecemento e habilidade manual

A práctica da acupuntura require un coñecemento profundo da materia, unha grande habilidade manual e moita experiencia, polo que cómpre sermos moi cautos se tomamos a decisión de pórmonos en mans dun acupuntor. O bo acupuntor debe, ademais, ser honesto co paciente sobre as posibilidades de éxito porque, como acontece en todas as terapias, non é un remedio universal, e tamén ten as súas indicacións e limitacións.

Eficacia contra a dor

As aplicacións terapéuticas son múltiples, pero hai que ter claro que a acupuntura non pode substituír, na maioría dos casos, a cirurxía nin os antibióticos ou vacinas. A ninguén se lle ocorrería tratar unha apendicite ou unha colecistite aguda con acupuntura, pero hai outras afeccións, como a ciática, a cefalea ou a sinusite, nas que se obteñen bos resultados. Tamén actúa positivamente nas enfermidades alérxicas, en disfuncións endócrinas, no síndrome premenstrual, na dismenorrea...

Un eido importante de aplicación é o das dores. A acupuntura amosouse eficaz neste campo e nos últimos anos estase utilizando na anestesia. Nos casos de lumbalxia, a acupuntura parece funcionar ben, aínda que os seus beneficios non quedan tan claros nas dores de costas, onde a electropuntura -uso de correntes eléctricas con agullas- acadou maior eficacia.

En cefaleas ou dores de cabeza, os resultados son bos, mesmo nas cefaleas de orixe muscular. Nos casos de xaquecas, os resultados son controvertidos: hai algún estudo que cuestiona a súa eficacia, pero hai outros que a consideran eficaz para reducir o número de crises. É moi útil para aliviar as dores postoperatorias. Nas artroses son varios os estudos que avalan a súa eficacia, especialmente en xeonllos e cadeiras. Non parece efectiva na artrite reumatoide. Na fibromialxia hai un estudo que cuestiona a acupuntura como terapia, pero algúns acupuntores refiren bos resultados.

Aceiro ou metais preciosos

Os instrumentos de traballo son agullas de formas e tamaños distintos, polo xeral de aceiro, se ben se poden utilizar de metais preciosos, aos que se lles atribúen distintos efectos terapéuticos. Na actualidade, úsanse desbotables para evitar a transmisión de enfermidades infecciosas como a hepatite, a sida...

De un a seis centímetros

Decote introdúcense de un a tres centímetros, se ben nalgúns meridianos se pode profundar máis, ata cinco-seis centímetros. Despois, a agulla pode ser manipulada: érguese ou báixase, faise vibrar ou xírase, en función da enfermidade ou síntoma sobre o que se actúa.

A aplicación da agulla pode durar minutos ou horas. En España, o normal é que se teña uns minutos. É o que algúns denominan acupuntura rápida, o que a miúdo precisa dunha aplicación profunda da agulla. O número de sesións depende tamén da doenza e pode ir desde 6 ata 15 ou 20.

Un pouco de historia

A acupuntura é case tan antiga coma a propia China. A súa orixe remóntase a uns 4000 anos antes de Cristo, e cara ao século VI da nosa era introduciuse no Xapón e en Corea. Os coñecementos chineses en medicina eran daquela moi avanzados: coñecían ben os órganos e as súas funcións, a cirurxía estaba moi desenvolvida e, sorprendentemente, utilizaban preparados hormonais preparados por químicos xa no século X da nosa era. Non estabamos, xa que logo, ante meigos, xamáns ou ignorantes. A súa bagaxe de coñecementos xustifica un respecto pola medicina tradicional chinesa e aconsella non a tachar sen máis de medicina alternativa ou desautorizala en función da ausencia de estudos científicos que a avalen ou que expliquen os seus éxitos polo chamado efecto placebo.

No terreo da medicina, as contribucións da ciencia chinesa á occidental foron importantes. Como exemplos, podemos mencionar a utilización da reserpina, principio activo da Rauwolfia, para o tratamento da hipertensión, o uso dos baños fríos para a febre, inicio da hidroterapia, e, en especial, a inmunización con virus atenuados de varíola que se usaron na China moito antes ca en Europa.

Riscos mínimos

  No tocante aos riscos da acupuntura, cómpre sinalar que son mínimos, practicamente excepcionais, e que cando se producen están asociados a unha mala práctica por manipulación incorrecta das agullas que poden lesionar estruturas veciñas (nervios, tendóns...). O contaxio de enfermidades é nulo cando se utilizan agullas desbotables. Así e todo, non se recomenda en pacientes con marcapasos e hai puntos contraindicados durante o embarazo.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto