Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Marmeladas e confeitos de amorodo: Enerxía doce sen exceso de calorías

Amorodo e azucre son os principais compoñentes dun produto que proporciona unhas 50 calorías por ración de consumo

O sabor doce mantense como o rei dos almorzos nos fogares españois grazas, entre outros produtos, ás populares marmeladas e confeitos. Compañeiros tradicionais de torradas ou galletas e contrapunto perfecto ao toque salgado dunha rebanda de pan con queixo ou manteiga, hainos para todos os gustos: de pexego, albaricoque, ameixa, framboesas, laranxa amarga e unha chea de sabores máis.

As marmeladas e confeitos constitúen un bo complemento do almorzo, grazas a que proporciona azucres -hidratos de carbono simples- e enerxía coa que afrontar desde a mañá á noite a xeira cotiá. Aínda que hai quen coida que se trata de alimentos moi calóricos, o certo é que por cada 20 gramos, como moito, se inxiren 50 calorías -cantidade inferior á que achegan 3 terróns de azucre-, no caso dos confeitos, e 35 nas marmeladas. É dicir, pódeno tomar persoas sas de todas as idades.

Que diferenza a marmelada e os confeitos?

Compóñense basicamente do tipo de froita seleccionada, de azucres e de auga. Ambos produtos teñen en común que proceden da cocción de froita en xarope -solución de auga e azucre-. Son varias as razóns que xustifican a súa diferente denominación: a marmelada elabórase con pezas de froita enteiras, en cachiños ou trituradas, cun contido mínimo dun 30% de froitas. Se é igual ou superior ao 50%, adquiren o cualificativo de"Extra". O confeito, a diferenza da marmelada, elabórase coa polpa ou puré da froita, é dicir, é unha mestura de consistencia xelatinosa, elaborada con azucres, polpa ou puré da froita e auga. A cantidade debe ser, como mínimo, do 35%, e se o contido é igual ou superior ao 45% pódese cualificar como"Extra".

Analizáronse cinco marmeladas de amorodo (La Vieja Fábrica, Bebé, Helios, Anko e Ligeresa -esta última light-) e dous confeitos tamén de amorodo (Hero y Bonne Maman). Os sete comercialízanse en botes de cristal e en formatos desde 330 ata 370 gramos de peso neto. A mostra máis barata é o confeito Hero (sae a 3,48 euros o quilo) e a máis cara, outro confeito, Bonne Maman, a 5,18 euros o quilo).

A mellor relación calidade-prezo correspóndelle á marmelada de amorodo Helios, a segunda con máis froita, e, ademais, non engade aditivos e ocupa unha posición intermedia no prezo e mais na cata. Entre os confeitos, Hero, o máis barato de toda a mostra, é a mellor elección. Precisamente, Hero foi un dos produtos máis destacados na cata (6,9 puntos), xunto a La Vieja Fábrica (6,6 puntos) e o confeito Bonne Maman (6,3 puntos). As menos valoradas foron as marmeladas Bebé (4,8 puntos) e Anko (5,2 puntos).

Proporción de froita e azucres

Agás as dúas marmeladas La Vieja Fábrica e Anko, que non indican nada neste sentido, todas as mostras afirman pertencer á categoría Extra, o que obriga os fabricantes a elaboraren os seus produtos cun mínimo dun 50% de froita no caso das marmeladas, e dun 45% nos confeitos, requisito que cumpren segundo reflicte a súa etiqueta.

Nos sete produtos estudados, os amorodos encabezan a lista de ingredientes. O segundo compoñente en cantidade é o azucre, procedente da propia froita e mais do que se engade na fabricación destes produtos, o xarope. Os azucres máis abundantes son a frutosa, o xarope de glicosa e a sacarosa ou azucre común (as sete conservas utilízano). Nas marmeladas, a cantidade de azucres varía desde o 40% de Bebé ata o 47% de La Vieja Fábrica, mentres que na única tipo light (Ligeresa), a cantidade descende ata un 37%. Nos confeitos, a cantidade de azucre é superior á das marmeladas; Hero presenta un 56% e Bonne Maman, a máis azucrada, un 59%. En ningún caso o contido real de azucres superou o declarado nos envases.

Desde 160 ata 190 calorías cada cen gramos

No noso estudo, cada 100 gramos de marmelada achegan entre 160 e 190 calorías; mentres que na light(Ligeresa) a cifra é de 147 calorías. Os confeitos, ao levaren máis azucre, teñen unha achega calórica lixeiramente superior. En concreto, os dous confeitos analizados achegan 222 calorías/100 gramos, no caso de Hero, e 237 cal/100 g, en Bonne Maman, o máis calórico da análise. Malia todo, se tomamos como referencia a ración habitual de consumo -20 gramos-, a diferenza entre as marmeladas e os confeitos, tanto en calorías como en azucres, é pouco relevante.

Nas marmeladas e confeitos tipo light ou diet, o terceiro compoñente que adoita aparecer na lista de ingredientes é a auga, presente en maior cantidade ca nas convencionais. O seu fin é reducir así o seu contido en azucres e, polo tanto, a súa achega calórica. A quen sofre de diabetes -asociada ou non a exceso de peso- ou hipertrigliceridemia, convéñenlle aquelas marmeladas que substitúen os hidratos de carbono simples por edulcorantes non calóricos -ciclamato sódico, sacarina, aspartame e similares-, e que cumpren verdadeiramente coas recomendacións referentes aos produtos light.

Os amorodos contribúen a enriquecer estes produtos en vitaminas e minerais. Así e todo, a cocción destrúe boa parte das vitaminas da froita fresca, que son sensibles á calor e, ademais, hai que ter en conta que as cantidades de consumo son relativamente baixas, polo que a súa contribución á dieta nestes nutrientes é pouco significativa.

Como elixirmos unha boa marmelada ou confeito?

Na elección dunha ou doutra marca comercial, convén reparar na denominación de venda -marmelada normal ou extra, confeito normal ou extra, tipo light-, na proporción de froita e de azucres, na lista de ingredientes -hai diferenza dunhas a outras, en particular no tocante ao uso de aditivos-, e tamén na súa aparencia -presenza ou non de cachos de froita, cor...-, no prezo por quilo, etc. Convén lembrar que o brillo ou unha intensa cor vermella non implica unha maior calidade do produto, e que tampouco a presenza de anacos de amorodo grandes, nin sequera de amorodos enteiros, se corresponde cunha maior cantidade de froita. Ademais, naquelas que indican ser light ou diet, haberá que comprobar que son o que din ser. Para rematar, non hai que se deixar enganar polos envases que teñen unha aparencia máis"caseira ou artesanal", xa que non implica que sexan de mellor ou peor calidade ca o resto.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto