Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O carbón está chamado a ser unha das principais fontes de enerxía no século XXI, polo que o seu emprego eficiente e ecolóxico resulta esencial
Nun mundo dominado polo petróleo, o carbón asóciase a algo obsoleto, propio doutra época. Así e todo, este mineral pódese converter nun dos principais recursos enerxéticos nos anos vindeiros. De feito, o carbón, lonxe de estar xubilado, comeza a vivir unha segunda mocidade. Os expertos aseguran que nos próximos 25 anos o consumo de carbón a nivel mundial se vai triplicar, por mor do encarecemento do petróleo e do gas. A Asociación Española da Industria Eléctrica (UNESA) estimou que no 2030 as centrais térmicas seguirán sendo as principais produtoras de enerxía, polo que o carbón vai ser cada vez máis importante.
Esta estimación está vinculada con dous datos. Dunha banda, quedan preto de 40 anos de petróleo barato e 60 anos de gas natural, segundo o Instituto Nacional do Carbón (INCAR), mentres que o carbón se podería seguir consumindo durante máis de dous séculos. Doutra banda, o petróleo e o gas teñen as súas principais reservas nuns poucos países, polo xeral en zonas conflitivas que supoñen un perigo crecente para o abastecemento mundial. O carbón, pola contra, está repartido por todo o planeta e os seus prezos son máis baixos e estables. Ademais, supón unha fonte de riqueza e de creación de emprego.
Desde a década dos 80 véñense desenvolvendo as denominadas "tecnoloxías limpas de carbón", guiadas por un dobre desafío: o de producir enerxía de maneira económica e o de respectar o medio natural. Neste esforzo sitúase a "gasificación integrada con unidades de fraccionamento de aire. Este sistema pon o carbón en contacto con vapor e osíxeno, xerándose un gas combustible, composto principalmente por monóxido de carbono e hidróxeno, que cando se queima pode ser usado para turbinas de gas.
Este proceso logra unha eficiencia enerxética do 80% na transformación do carbón, reduce nun 75% a emisión de CO2 e elimina case na súa totalidade o resto de contaminantes químicos. Pola súa banda, algúns sistemas de "ciclo combinado híbrido", que unen as mellores características das tecnoloxías de gasificación e combustión, acadan eficiencias maiores do 50%.
Outro exemplo das tecnoloxías limpas no uso deste mineral son as "centrais de combustión de leito fluído". Nelas, o carbón quéimase aplicando unha corrente de aire sobre un leito de partículas inertes, como, por exemplo, de pedra calcaria, mellorando o rendemento da combustión do carbón e diminuíndo o impacto ecolóxico.
A longo prazo, as tecnoloxías de captura e almacenamento de CO2, que evitan a expulsión á atmosfera deste gas de efecto invernadoiro, teñen un enorme potencial. Tanto é así que o carbón podería converterse nun elemento fundamental dunha economía futura baseada no aproveitamento enerxético do hidróxeno.
As investigacións arredor dos combustibles líquidos a partir de carbón, que xa se realizan en Suráfrica, nos Estados Unidos e en varios países europeos, tamén representan opcións de futuro.
A Unión Europea é consciente do valor estratéxico do carbón. O Executivo de Bruxelas financia proxectos para este tipo de tecnoloxías e para este ano prevé axudas por valor de case 12 millóns de euros.
Algúns países europeos comezan a tomar cada vez máis en serio o carbón. En Alemaña é o principal xerador de electricidade e nalgúns países como Gran Bretaña estase volvendo ver con interese tras as repetidas subidas do petróleo, mentres que Italia está pasando ó carbón algunhas das súas plantas alimentadas por petróleo. En España, as centrais térmicas de carbón manteñen unha tecnoloxía anticuada, o que obriga a lle ceder o protagonismo ó petróleo e ó gas.
China é o país que con maior firmeza aposta por este mineral. Trátase do maior produtor e consumidor de carbón do mundo -o 70% da enerxía que alimenta o país-. Para tratar de se asegurar a subministración enerxética, o goberno chinés anunciou para os vindeiros 15 anos investimentos de case 4.000 millóns de euros na exploración das súas reservas carboníferas.
As autoridades chinesas enfróntanse ó reto de aproveitaren as súas ricas reservas de carbón e de cumpriren como asinantes do protocolo de Kyoto -China é o segundo maior emisor de gases contaminantes, despois dos Estados Unidos-. Por iso, desde o goberno apóiase o desenvolvemento de tecnoloxías propias e a participación en proxectos internacionais para dar aproveitado o carbón de maneira máis limpa e barata.
No 2004, o Instituto Mundial do Carbón publicaba o informe "Carbón limpo: Creando un futuro a través da tecnoloxía", no que expuña que as tecnoloxías de carbón limpo están aumentando para satisfacer os retos ambientais do sector.
O informe aseguraba que hai unha tecnoloxía diferente para cada situación específica, se ben recoñece que as tecnoloxías que resultan factibles nun país desenvolvido poden non o ser nos países en vías de desenvolvemento. O informe tamén afirmaba que hai tecnoloxías que melloran o rendemento ambiental das centrais eléctricas de carbón de calquera país, independentemente do seu desenvolvemento económico.
Ademais, recomendaba avanzar cunha serie de medidas, entre as que se inclúen:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI