Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Canles de EROSKI CONSUMER
O desenvolvemento intelectual, emocional e social dos nenos depende da interacción do labor de pais e docentes
A educación non se xera a través de compartimentos estancos. Son precisas canles de comunicación e unha acción coordinada para que os nenos se desenvolvan intelectual, emocional e socialmente nas mellores condicións. Por iso, a suma do esforzo dos dous alicerces dese proceso, a familia e a escola, é, segundo os expertos, o camiño que se debe seguir. A sintonía entre os dous eidos vitais do cativo, amais de xerar confianza entre pais, nais e mestres, estimulará a idea de que se atopa en dous espazos diferentes pero complementarios.
Estudos sobre a participación de pais e nais na vida escolar sinalan que unha implicación activa se materializa nunha maior autoestima dos nenos, nun mellor rendemento escolar, en mellores relacións proxenitores-fillos e en actitudes máis positivas dos pais cara á escola. Os efectos repercuten tamén nos propios mestres, xa que pais e nais consideran que os máis competentes son os que traballan coa familia. Por iso é tan necesaria a comunicación entre ambos: axuda a ter a información de cales son os obxectivos que se queren acadar, dos métodos que se empregan e do xeito en que se desenvolven os procesos formativos e educativos. Na medida en que os centros escolares e as familias comparten, ó seu xeito e cos seus propios sistemas, o traballo na instauración dos valores, pódese pensar en que se xuntan esforzos para acadar o fin común, o que se traduce na formación de rapaces e rapazas responsables, maduros e capaces de absorber, cada un de acordo coas súas capacidades, os coñecementos que lles ofrece a escola.
Os expertos están de acordo en que o sistema educativo ten unha maior responsabilidade na transmisión de coñecementos académicos, como as matemáticas, a linguaxe, as ciencias sociais e naturais, pero tamén coinciden en que a educación en valores é función principal da familia. Aínda que a escola pode e debe participar de modo complementario nesta angueira, nunca poderá exercela por si soa.
Cambiou a familia, o sistema educativo transformouse e evolucionaron as relacións que manteñen a familia e a escola.
Novos modelos de familia. A familia actual ten un carácter máis urbano. Produciuse un incremento importante de familias monoparentais, como consecuencia dos divorcios ou por libre elección da nai. Moitas mulleres incorporáronse ó mundo laboral, o que supón que ambos os dous proxenitores están menos tempo no domicilio familiar. Aumenta o número de garderías e de persoas alleas á familia que coidan dos fillos de idades temperás. En definitiva, os fillos mándanse antes ás aulas, o que implica que no primeiro proceso de socialización dos nenos xa non intervén preferentemente a familia e a escola ten un protagonismo moito maior.
As relacións entre a escola e a familia. A medida que a escola foi cambiando, tamén se modificaron as maneiras nas que se vinculou coa institución familiar. Ó longo da historia sucedéronse importantes transformacións neste vínculo. Así, as primeiras escolas mantiñan unha estreita unión coa comunidade. A comezos do século XX, comezaron a distanciarse; o labor pedagóxico foise especializando e facendo cada vez máis complexo, e os mestres ensinaban materias e utilizaban métodos afastados da experiencia dos pais e nais, que pouco tiñan que dicir acerca do que acontecía no interior das aulas.
Comezou a considerarse que as responsabilidades de familia e escola eran distintas, e víase con bos ollos que así fora. Os pais debíanlles ensinar ós seus fillos boas maneiras, mentres que a responsabilidade dos mestres era o ensino da lecto-escritura, cálculo, etc. Proxenitores e profesores comezaron a perseguir obxectivos independentes, o que en ocasións derivaba en conflitos. Esta perspectiva foi substituída nos últimos anos pola idea de que escola e familia teñen influencias superpostas e responsabilidades compartidas, polo que ambas as institucións deben cooperar na educación. Pais e profesores teñen que redefinir as súas relacións e substituír o conflito pola colaboración.
Para que a tarefa de educar os fillos frutifique, a familia e a escola deben traballar de maneira coordinada:
Ensinanza de valores, normas e costumes
Ensinar a rexeitar as discriminacións por razóns de sexo, raza, estatus social ou discapacidade.Desenvolvemento de habilidades para a vida
Educación en destrezas básicas para a aprendizaxe
Transmisión de normas e responsabilidades
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI