Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Aerofaxia e meteorismo: Gases pouco edificantes

A deglución excesiva de aire ou a acción intestinal poden xerar molestos eructos crónicos, inchazón abdominal ou flatulencia

As convencións sociais limitan ao ámbito da máis estrita privacidade determinadas funcións fisiolóxicas. Non está ben visto, e pode producir situacións embarazosas e pouco agradables, que unha persoa eructe ou expulse gases en público. Con todo, por veces non é posible evitalo, en especial cando se sofre aerofaxia ou meteorismo, problemas vinculados co exceso de aire ou gases que provocan eructos crónicos, inchazón abdominal ou flatulencia, con consecuencias, polo xeral, non demasiado relevantes para a saúde, pero si para a vida social.

Todas as persoas teñen no seu tubo dixestivo unha certa cantidade de aire, de gases, que se orixinan tanto no intestino, en especial o groso ou colon, pola acción na dixestión das encimas, dos fermentos e das bacterias, coma polo aire que se traga ou deglute. A esta segunda fonte correspóndelle entre o 30 e o 60% de gas intestinal.

Normalmente, este gas intestinal é ben tolerado, pero hai casos nos que pode orixinar molestias como eructos repetidos, sensación de plenitude e inchazón abdominal, dor máis ou menos intensa, sensación opresiva en zonas do abdome, ruídos intestinais, retorzóns, expulsión de gases polo recto, etc.

Carbono, hidróxeno e metano

Unha fonte relevante de gas é a acción fermentativa sobre os hidratos de carbono e as proteínas das bacterias intestinais situadas no colon. Os principais gases producidos son dióxido de carbono e hidróxeno, ademais de cantidades mínimas de gases odoríferos como o indol, escatois e compostos de xofre. Na parte superior do intestino delgado tamén se produce dióxido de carbono cando o ácido clorhídrico procedente do estómago ou os ácidos inxeridos son neutralizados polo bicarbonato. Case un terzo dos adultos crea cantidades apreciables de metano no colon, e isto parece responder a un trazo familiar sen relación coa inxesta de alimentos concretos.

A inxesta de certos alimentos como os legumes e algúns cereais, con cantidades significativas de hidratos de carbono non absorbibles, proporciona un substrato idóneo para a formación de gas pola acción bacteriana, prodúcese un incremento na produción de gas nas paredes intestinais que é o causante da distensión abdominal, inchazón e flatulencia. De forma excepcional, o aumento de gas pode deberse a unha colonización bacteriana anormal do intestino delgado ou a unha infección por Giardia lamblia.

Síndrome do globo gástrico

Se se traga moito aire que non expulsamos cun eructo, pasa para o estómago, onde se acumula e pode causar sensación de plenitude e inchazón, ás veces moi molesta. Este aire gástrico pode verse nunha simple radiografía; denomínase "burbulla gástrica" e produce uns síntomas coñecidos pola "síndrome do globo gástrico". O aire queda atrapado logo dunha inxestión copiosa e sen posibilidade de ser eructado. A distensión gástrica pode provocar unha dor aguda que en ocasións pode simular unha anxina de peito, debido a que a dor aparece na zona cardíaca. Tamén o aire deglutido pode pasar para o intestino e quedar atrapado na denominada flexura esplénica, orixinando a chamada "síndrome da flexura esplénica", caracterizado por unha sensación de plenitude e opresión no hipocondrio esquerdo, que se irradia polo hemitórax esquerdo. Tras a defecación ou a expulsión de gases adóitase aliviar a dor. Unha simple radiografía de abdome pode mostrar grandes cantidades de aire na flexura esplénica.

A comida, mellor e máis pausada

Na actualidade, a ausencia de tempo marca unhas comidas rápidas e baseadas en produtos precociñados. No caso das persoas que padecen meteorismo e aerofaxia excesiva, comer axeitadamente é fundamental para evitar estes e outros problemas dixestivos.

Para comer axeitadamente:

  • Sente relaxadamente e intente esquecer as súas preocupacións
  • Non realice ningún traballo mentres come, apague o móbil
  • Non discuta durante a comida
  • Coma amodiño, en pequenos bocados, e mastigando moi ben: a dixestión empeza na boca.
  • Durante a comida beba cantidades moderadas de líquido. Se bebe moito, o estómago é como unha piscina onde aboian os anacos de alimento, é máis doado que o aire quede atrapado e ademais dificúltase moito a dixestión.
  • Cando beba, evite os ruídos deglutorios, indican que pasa moito aire.

Eluda os seguintes alimentos e substancias:

  • Bebidas con gas: gasosas, augas carbónicas, colas e refrescos gasificados, cervexa e cavas
  • Verduras e legumes: col, coliflor, brócoli, fabas, chícharos, feixóns, lentellas, garavanzos
  • O leite, se ten intolerancia

E ademais:

  • Evite suspiros e inspiracións profundas frecuentes e respire normalmente polo nariz
  • Se ten problema de obstrucción nasal, coa dentadura ou coa prótese dental, intente solucionalo
  • Non fume
  • Evite os medicamentos efervescentes
  • Non utilice laxantes

Por veces será conveniente utilizar fármacos -a base de clebopride, simeticona, etanol, metoclopramida, dimeticona, glucosa, celulosa microcristalina?- como tratamento nos casos máis problemáticos. Tamén a fitoterapia é unha axuda útil para o meteorismo e hai preparados eficaces nas farmacias, parafarmacias e herboristarías.

Tragar demasiado aire

As persoas afectadas de eructos crónicos ou repetitivos achacan as súas molestias á formación de gases no estómago. Con todo, a súa causa vincúlase á aerofaxia ou deglución do aire e non á produción no tubo dixestivo. Estudouse ben este fenómeno e constatouse que polo xeral cada eructo vai precedido dunha deglución de aire. En todas as personas hai un certo grao de aerofaxia, pero algunhas tragan aire en exceso por ansiedade crónica, comidas moi rápidas, consumo de bebidas con gas, uso de gomas de mascar, mala adaptación de próteses dentarias, obstrución nasal, tabaquismo? Todas estas circunstancias favorecen a deglución de aire que descende polo esófago e logo se regurxita, expúlsase como un eructo.

Malia a crenza estendida de que as sensacións de inchazón e plenitude abdominal están ocasionadas por cantidades excesivas de gas intestinal, estudos recentes comprobaron que a cantidade de gases nestes casos é normal, e que a principal anomalía é un trastorno da mobilidad intestinal.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto