Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Desodorizantes roll-on e spray: Os roll-on son máis eficaces

Ningún aerosol deste estudo consegue a máxima calidade global e non son mellores ca os roll-on en ningún apartado

 

Os 1.300 mililitros que o ser humano transpira diariamente apenas cheiran. Son as bacterias da superficie da pel as que descompoñen e fermentan as materias orgánicas da suor xerando ácidos volátiles que, ao se evaporaren, producen o desagradable cheiro. A auga con xabón elimina as substancias fedorentas e impide o crecemento bacteriano. Por iso a suor que se produce ao saírmos da ducha é inodora. Para alongar o efecto dunha hixiene axeitada hai desodorizantes que combaten o cheiro eliminando a secreción de suor, reducindo a súa cantidade, enmascarando o seu olor, absorbendo o que xa produciu ou impedindo o desenvolvemento bacteriano. Pero transpirar é necesario. Por medio deste fenómeno fisiolóxico (que en casos extremos chega ao litro por hora) o corpo elimina impurezas e mantén unha temperatura corporal estable que rolda os 36 ºC. A eliminación do mal olor non debería interferir coa secreción da suor.

Analizáronse oito desodorizantes, catro deles roll-on en envase de 50 mililitros e outros catro que se dosifican mediante aerosol (spray) de 200 mililitros. Todos queren ser antitranspirantes (reducen a secreción de suor), agás os dous de Sanex. As diferenzas de prezo entre eles non foron elevadas: o máis barato dos roll-on (Sanex: 2,33 euros) só custa 33 céntimos menos ca o máis caro (Dove: 2,64 euros) e o máis barato dos spray (Nivea: 3,08 euros) vale 43 céntimos menos ca o máis caro (tamén Dove: 3,51 euros). A mellor relación calidade-prezo é Sanex roll-on, o máis barato e cunha calidade global moi boa. Para os que prefiren o desodorizante en spray, a mellor opción é Rexona; o máis barato dos spray que conseguen o "ben".

Composición

Os desodorizantes roll-on están compostos (ademais de polas consabidas substancias desodorizantes) por auga, perfume (enmascara o cheiro corporal e dan sensación de frescura), aceite (evita que seque), emulsivos, espesantes, así como por outros axentes específicos como as substancias hidratantes, suavizantes ou calmantes, secuestrantes, antioxidantes, humectantes, axustadores de pH e disolventes (que facilitan a súa eliminación na ducha). Os aerosois substitúen a auga dos roll-on por un gas propulsor e por un líquido portador no que se transporta o resto de elementos.

O pH dos desodorizantes, sobre todo se conteñen sales de aluminio, tende a ser ácido. Neste ensaio ningún o é excesivamente e as diferenzas neste apartado non son significativas: entre o 4,1 de Sanex aerosol e o 4,6 de Nivea roll-on.

Nestes desodorizantes atópanse tres activos desodorizantes, cada un cun papel específico: os antitranspirantes, os bactericidas e os absorbentes do olor. Os elementos antitranspirantes son, principalmente o circonio e os sales de aluminio, que pode chegar ao 5% do produto. A función dos sales de aluminio é frear o fluxo de suor precipitando as proteínas e estreitando as glándulas sudoríferas sen suprimir a transpiración. Poden manchar a roupa, pechar os poros e irritar a pel, polo que os usuarios con pel sensible non deben usar desodorizantes que as inclúan. Os roll-on contan cunha maior proporción desta substancia ca os sprays (excepto en Rexona, onde é semellante). Os roll-on de Sanex e Dove inclúen un 4% de sales de aluminio (nos roll-on das mesmas marcas non pasa do 1,2 en Dove e do 0,1 en Sanex).

Substancias absorbentes e bactericidas

A principal substancia absorbente é o talco, que actúa sobre a suor xa formada. Estes pos, presentes nos dous Sanex, ofrecen unha tolerancia cutánea óptima, pero limítanse soamente a absorber a suor, polo que a súa función só é complementaria: non teñen propiedades desodorizantes. As substancias antiencimáticas actúan contra as bacterias que causan o mal cheiro de xeito indirecto, xa que acaban coas encimas que estas precisan. O alcohol tamén ten un alto poder para acabar coas bacterias e inhibe a descomposición da suor. O problema é que pode causar dermatites alérxicas en persoas coa pel sensible, quizais por iso ningún destes oito desodorizantes o incluían. As substancias propiamente bactericidas son o triclosan e o farnesol. Neutralizan a flora bacteriana local e bloquean o mecanismo de descomposición da suor. A súa eficacia aumenta se se utilizan inmediatamente sobre a pel limpa.

Os axentes específicos son substancias que aínda que non lle afectan directamente á función principal destes produtos (eliminar o cheiro) si complementan a súa acción. Nivea roll-on destaca por engadir chitosan (hidratante) e "Persea Gratissima" (aceite de aguacate, que é suavizante e tamén se atopa en Nivea aerosol). Os roll-on de Dove e Rexona inclúen "Helianthus Annuus" (aceite de xirasol, suavizante). Dove e Sanex roll-on inclúen glicerina, unha substancia moi apreciada polas súas calidades hidratantes (en ambos os casos rolda o 3%). Sanex roll-on ofrece ademais allantoine con propiedades cicatrizantes e Nivea aerosol contén tocopheryl acetate (vitamina E acetato: suavizante, hidratante e antioxidante).

Os desodorizantes e antitranspirantes poden producir, en persoas de pel moi sensible, efectos secundarios como eccemas, dermatite, hiperpigmentación ou urticaria. Para comprobar o seu poder irritante realizouse o coñecido como "patch test", que consiste en aplicar uns gramos de produto puro baixo un parche oclusivo nas costas de voluntarios adultos. Ao cabo de 48 horas apréciase se hai algunha reacción da pel. Un dermatólogo comprobou que ningún dos desodorizantes analizados era irritante.

Calidade global

Neste estudo, a calidade final dos desodorizantes definiuse ponderando as diferentes probas deste xeito: a ausencia de cheiro corporal, a ausencia de suor e a porcentaxe de aluminio contan un 20% cada un, seguidos pola persistencia do perfume ao cabo de 24 horas (15%), a ausencia de residuos (10%) e a facilidade de aplicación (10%) e, para rematar, a cantidade de glicerina (5%).

O mellor resultado ("moi ben") é para os roll-on de Sanex e Dove. Ambos os dous contan cunha gran cantidade de substancias activas e apenas deixan residuos sobre a pel; o primeiro destaca ademais pola durabilidade do seu perfume e o segundo pola ausencia de humidade ás 12 e 24 horas debaixo das axilas. Os roll-on de Nivea e Rexona e os spray de Dove, Rexona e Sanex conseguen o "ben". Nivea roll-on encádrase neste grupo polos seus resultados nun test tan importante coma a ausencia de humidade ás 12 e 24 horas. Nivea spray non pasa do "aceptable" polos seus moi discretos resultados en todas as probas.

Os consumidores opinan

Dez consumidores probaron cada desodorizante durante un día nunha soa axila para poder valorar a súa eficacia comparando coa outra, na que non aplicaran o produto. Igual ca en todas as outras análises comparativas de CONSUMER EROSKI, a proba fíxose sen que os consumidores soubesen que produto estaban probando.

No parámetro máis importante, o que mide a capacidade para eliminar ou reducir a produción de suor logo de 12 horas, os máis efectivos foron Dove roll-on e Sanex en spray, mentres que os máis discretos foron os dous de Nivea. Ao cabo de 24 horas, aos bos resultados de Dove roll-on e Sanex en spray engadíronselles os de Sanex roll-on e os dous de Rexona (facendo bo o seu slogan "non te abandona") e os peores, de novo, os de Nivea e Dove spray. O perfume dos roll-on de Nivea e Sanex foi o que mellor soportou o paso do tempo.

Sanex é o roll-on máis complicado de dosificar. Os aerosois de Dove e Sanex son os que contan cunha difusión máis homoxénea e a presión do vaporizador de Dove e Rexona é a máis axeitada. Unhas das características máis desagradables destes produtos é que, polo menos antigamente, deixaban residuos sobre a pel ou sobre a roupa. Os oito tiveron un bo comportamento neste apartado, aínda que Rexona roll-on e Nivea en spray si deixaron algún residuo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto