Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Ensaladas en conserva: Prácticas e saudables

Os ingredientes principais son atún, chícharos, cenoria, pemento vermello e cebola. Algunhas ensaladas conteñen tamén millo, olivas, espárragos e soia.

Os alimentos preparados que apenas requiren elaboración para seren consumidos ocupan cada vez maior espazo na nosa bolsa da compra, non en van cada vez dedicamos menos tempo a cociñar. E a tendencia chegou tamén ás ensaladas, un dos pratos que mellor representa a dieta mediterránea, moi eloxiada nos últimos anos porque axuda a reducir a probabilidade de sufrir enfermidades tan do noso tempo coma as cardiovasculares, as dexenerativas e o cancro. Entre as moitas virtudes das hortalizas, constituíntes fundamentais das ensaladas, cómpre destacar o seu elevado contido en fibra e en vitaminas e minerais, o seu baixo poder calórico e a súa valiosa contribución para manter o organismo hidratado. Malia tantas vantaxes, no noso país o consumo de hortalizas e vexetais non chega sequera á metade da cantidade diaria recomendada (400 gramos).

Incluír as ensaladas na nosa dieta habitual pode axudarnos a cumprir co consumo aconsellado desta familia de alimentos. O mercado, atento aos novos costumes e necesidades, ofrece varias opcións de ensaladas xa listas para consumir. Unha delas é a das ensaladas esterilizadas, presentadas en tarro de cristal ou ben en lata ou cunca. Os ingredientes envásanse en recipientes aos que se lles engade o líquido de cobertura (auga, aceite, vinagre...) e péchanse hermeticamente, o que impide que penetren no produto outros contaminantes. A esterilización á que se someten posteriormente é un tratamento de altas temperaturas que destrúe os microbios que puidesen conter os ingredientes. Despois, etiquétanse e almacénanse a temperatura ambiente, porque non precisan frío ao xa estaren esterilizados.

 

Esta análise estudou seis mostras de Ensalada "Mediterránea", todas en conserva. Isabel, Rianxeira, Calvo e Miau comercialízanse en lata ou cunca, empregan aceite no aliño e declaran entre 150 e 180 gramos de peso neto. Bonduelle e Carretilla, en tarro de cristal, carecen de aceite e indican un peso de 530 e 345 gramos. Os ingredientes destas ensaladas en conserva son atún (excepto en Bonduelle, que non ten), chícharos, cenoria, pemento vermello e cebola. Algunhas engaden millo, olivas, espárragos e soia. Os prezos ían desde os 5,74 euros por quilo escorrido de Bonduelle ata os 8,63 euros/quilo de Carretilla.

Mellor en lata ou en frasco?

Ambos os formatos (lata ou cunca e frasco de cristal) carecen de aditivos e conservantes, teñen unha longa vida útil e non precisan frío para a súa conservación. Agora ben, as ensaladas en lata ou cunca teñen unha vantaxe de uso: están aliñadas non só con vinagre e sal senón tamén con aceite, o que fai posible o seu consumo directo e sen necesidade de extraela do seu envase, abonda cun garfo. Ademais, os formatos en lata ou cunca son máis pequenos (uns 150 gramos), o que facilita que tras o consumo non sobre nada. Por outra banda, as ensaladas en frasco son máis voluminosas, conteñen unha mestura de auga con vinagre e sal que será retirada para despois aliñar os ingredientes con aceite e, se é o caso, vinagre.

Peso e ingredientes, ben

Nas seis mostras o peso neto real foi superior ao declarado, mentres que o neto escorrido (unha vez eliminado o líquido de cobertura) só o indicaban Miau, Bonduelle e Carretilla, que o ofrecían en cantidades superiores ás declaradas.

Por outra banda, as seis ensaladas conteñen os ingredientes que anuncian, aínda que algúns presentan máis atún ca o indicado na etiqueta. Ese é o caso de Miau (45%), Isabel (35%), Calvo (35%) e Rianxeira (32%), que sinalan atún nunha proporción do 25%, cando a superan amplamente, mentres que Carretilla se axusta ao 8% declarado. Bonduelle é a única sen atún.

 

Ademais de atún, os compoñentes da ensalada de Carretilla son principalmente cenoria (35%) e millo (33%). En Bonduelle predominan gromos de soia (25%) e millo (28%). En Calvo, chícharos (31%) e cenoria (24%) mandan sobre pemento vermello (6%) e cebola (4%). O mesmo sucede en Miau, aínda que as diferenzas son menores. En Rianxeira víronse as maiores discrepancias: asegura que o atún é maioritario, cando en realidade o seu 32% é superado polos chícharos (41%). No resto de ensaladas, as diferenzas foron pouco significativas.

As catro ensaladas en lata ou cunca, teñen os mesmos ingredientes: atún, cenorias, chícharos, pemento vermello e cebola. En cambio, as dúas que se comercializan en frasco difiren na súa composición. Carretilla opta polo atún, a cenoria, os espárragos, as olivas negras e verdes e o millo, mentres que Bonduelle prefire decantarse polas cenorias, o pemento vermello, os gromos de soia, o millo e as espigas de millo.

O sal é un ingrediente que sempre cómpre ter en conta nos alimentos procesados. O produto menos salgado (sen contar o líquido de cobertura) foi Miau, cun 0,6%, mentres que no outro extremo figurou a ensalada Bonduelle (1,3%). O resto contiñan arredor do 1% de sal.

As ensaladas en lata ou cunca están inmersas en aceite vexetal, vinagre e sal; a de Isabel contén tamén azucre. Por outra banda, Bonduelle e Carretilla, as dúas en tarro de cristal, non teñen aceite: o seu mollo consta de vinagre, azucre, sal e auga. Comprobouse que, tal e como o declaran, Rianxeira e Isabel utilizan aceite de oliva, mentres que o de Miau é de xirasol e o de Calvo, de soia. Os catro son aceites vexetais saudables nos que os ácidos graxos insaturados predominan sobre os saturados.

Como era de esperar nun alimento en conserva, a análise microbiolóxica, que establece a calidade hixiénico-sanitaria dos alimentos, non presentou problema ningún: todos os datos foron correctos.

Vitaminas, minerais e fibra

Posto que a maior parte destas ensaladas son hortalizas, achegan abundantes vitaminas do grupo B, C e, grazas ás cenorias, pro-vitamina A. Iso si, o tratamento térmico que sofren estas hortalizas reduce lixeiramente o contido de vitaminas, especialmente as do grupo B e a vitamina C. Entre os minerais, destacan o potasio, o magnesio e o ferro -grazas ao atún-, así como o sodio do sal. Outros nutrientes das ensaladas son a fibra e os antioxidantes. Os fabricantes reducen ao máximo o tempo do tratamento térmico e a intensidade da calor para que as perdas de nutrientes sexan mínimas. Un xeito de mellorar esta achega de vitaminas e minerais é combinalos con hortalizas crúas como a leituga, a escarola, etc.

O consumo de ensaladas protexe a pel

Os raios solares agriden a pel e son causa do seu envellecemento prematuro e do desenvolvemento de melanomas. O consumo de ensaladas achega nutrientes para manter a pel en bo estado. As hortalizas de cores intensas (cenoria, remolacha, pementos, tomate, col lombarda, leituga lollo vermello) achegan beta-caroteno que se transforma en vitamina A e renova a pel e as mucosas, e vitamina C, que mellora a produción de coláxeno, proteína que mantén a pel tersa e prevén a formación de engurras. Se as ensaladas se enriquecen con aguacate ou froitos secos e se condimentan con aceite de oliva virxe introdúcense no organismo ácidos graxos insaturados que axudan a manter unha pel estruturada e hidratada, e tamén vitamina E, que frea a aparición de manchas na pel.

Etiquetas mellorables

Catro das seis mostras incumpren a normativa. Rianxeira non indica a porcentaxe dalgúns ingredientes cando si os representa con imaxes, non ofrece no mesmo campo visual toda a información e a súa lista de ingredientes non figura en orde decrecente de composición. Isabel destaca o aceite (oliva), pero non indica a súa proporción nin o peso escorrido do produto. Miau indica que a cenoria, os chícharos, os pementos e a cebola se atopan "en proporción variable", cando a cenoria e os chícharos pesan o dobre ca o pemento; debería indicar a porcentaxe de cada ingrediente. Acontece o mesmo con Calvo. Tampouco Bonduelle indica esta proporción, pero ao comercializarse en tarro de cristal permítelle ao consumidor facerse unha idea do contido de cada un. A única mostra con etiquetaxe correcta é Carretilla.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto