Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Emparellármonos e compartirmos a vida con outra persoa responde á necesidade que temos de sermos amados e recoñecidos, de comunicármonos afectivamente e vinculármonos con alguén.
Escoller con quen facelo é importante, e escoller ben fundamental. Ao fixármonos en alguén estamos respondendo a un estímulo de atracción. Fisicamente gústanos, aínda que iso é só o primeiro elo dunha cadea de calidades e factores que se van tecendo, ata que se formaliza o vínculo. Pero hai que ter moi presente que ese vínculo será máis san e maduro cando "a nosa relación" con nós mesmos sexa boa. Isto é, para elixir parella, atoparémonos nun punto de partida máis adecuado se nos coñecemos, se a nosa autoestima non está polo chan, se somos máis ou menos conscientes dos nosos límites e, xa que logo, gozamos de liberdade para decidir.
O encontro coa outra persoa terá dificultades para prosperar se antes non nos consideramos libres, responsables e únicos. Se non é así, o máis probable é que se establezan dependencias insás debido ás nosas carencias afectivas.
Se non nos amamos, será máis difícil que aceptemos o amor que nos ofrecen. Acontece como cando se recibe un piropo: quen non está a gusto co seu corpo non o agradecerá nin o crerá, e mesmo non o tolerará.
Se non nos mostramos como somos e non nos comunicamos, a outra persoa non pode saber da nosa existencia real e lernos o pensamento, e só logrará devolvernos a invisibilidade que proxectamos.
Se non nos recoñecemos con dignidade e dereito a respecto, dificilmente pediremos ser tratados como merecemos.
Se non coñecemos os nosos límites, potencialidades e ritmos, viviremos desdebuxados, invadindo o espazo do outro e permitindo invasións no noso espazo íntimo e persoal.
Hai persoas con maior predisposición a equivocarse e caer nunha dependencia insá nas súas relacións de parella. En xeral, estas persoas responden a un perfil concreto no que se evidencia un baixo nivel de autoestima. Fallan no coñecemento persoal, en recoñecerse fisicamente e en saber qué queren, pensan e senten. Tenden a establecer comparanzas nas que sempre se cualifican de maneira negativa, e non se aceptan nin se queren, e valóranse pouco.
Chegar a descubrir que se sofre este baixo nivel de autoestima non é doado. Recoñecelo é un paso de xigante. Para empezar, podemos repasar os seguintes síntomas. Se sumamos máis de tres, a autoestima pode estar nunha situación delicada.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI