Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

CDs virxes gravables e regravables: Moi diferentes en prezo, pero non en calidade

A súa durabilidade case non difire, polo que o prezo e a velocidade á que poden ser gravados son claves na súa elección

 O primeiro medio de almacenamento dixital masivo, o Compact Dics (CD) cumpriu o seu primeiro cuarto de século. O que comezou sendo un sistema para almacenar música (o primeiro que permitía reproducir sen pausas a Novena sinfonía de Beethoven), serve hoxe para gardar calquera información dixitalizable, desde fotografías ata películas enteiras. E non perde vixencia: mesmo os sistemas chamados a substituír o DVD (Blu-ray e HD-DVD) comparten co DC tamaño e forma e, o que é máis importante, os seus reprodutores len sen problemas os xa veteranos CDs. O motivo desta lonxevidade pouco habitual no mundo tecnolóxico? A pesar do 'exiguo' da súa capacidade (seis veces menos ca un DVD) os gravadores e discos compactos virxes son moi económicos e a súa capacidade de almacenamento resulta abonda para a maioría dos usos domésticos.

Analizáronse no laboratorio dez discos gravables (isto é, que só poden ser gravados unha vez, coñecidos polas siglas CD-R) e outros dez regravables (pódese borrar e volver a gravar neles, CD-RW). Os que só admiten unha gravación custan practicamente a metade que os segundos. As diferenzas de prezos entre eles son significativas: nos CD-R desde os 0,40 euros de E.com e ThinkXtra ata os 1,10 euros de Philips e nos CD-RW desde os 89 euros de TDK e Super Max2000 ata o 1,50 euros de Emtec. A mellor relación calidade prezo dos gravables (CD-R) é Verbatim, que supera todas as probas e é un dos máis baratos (0,45 euros). Entre os regravables (CD-RW), é TDK, o máis barato e cunha boa calidade global.

Máis ca datos e audio

Aínda que algúns compactos afirman estar indicados para "datos" e outros para "datos" e "audio" o certo é que os vinte gardan a información que desexemos: ben sexa música, documentos ou vídeo. O laboratorio comprobou que a capacidade dos vinte é, polo menos, de 700 megabytes (o que afirmas nas súas etiquetaxes, o cal equivale a 80 minutos de música se se grava como un compacto de música convencional).

As gravadoras de CD evolucionaron ata permitiren gravar a unha velocidade moi superior á que reproducen, pero non todos os CDs virxes soportan estas velocidades (se se forzan os compactos poderían non soportar o número de revolucións e esnaquizarse dentro da unidade). A velocidade de reprodución dun CD de música convencional coñécese como 1x, e a velocidade de gravación indícase polo múltiplo desa velocidade. Así, unha gravadora 24x gravará 24 veces máis rápido que o que tarda de reproducirse un compacto de música. Super Max2000 omite o dato da velocidade de escritura recomendada. A velocidade dos gravables móvese entre valores moi similares: 48x e 52x. Entre os regravables (regravar leva máis tempo ca gravar) a velocidade oscila entre os 4x de Sony, Fujifilm e Maxel e os 24x de Memorex. Todos gravan axeitadamente á velocidade recomendada nas súas etiquetas.

O tempo de gravación dun disco depende de diversos factores (moitos dos cales afectan ao propio ordenador ou ao programa utilizado). Por iso, o laboratorio gravou estes CDs baixo condicións idénticas, seguindo as directrices que recomendan nas súas etiquetas. Entre os CD-RW as variacións no tempo que necesitaron para a gravación foron significativas: desde os case 22 minutos de Fujifilm, Sony e Maxel ata os pouco máis de seis minutos de Memorex. Entre os CD-R as variacións non foron tan grandes. Mx Onda necesitou 4 minutos e 38 segundos para a gravación completa do disco e Emtec, o que máis tardou, un minuto máis.

A calidade destas gravacións mediuse cun programa que realiza un diagnóstico de erros no disco, mesmo dos fallos menores que non afectan á calidade da súa reprodución. Nos CD-R de Philips, Sony, Memorex, Ecom e Maxell e os CD-RW de Super Max2000, Emtec e Fujifilm producíronse erros na fase final de gravación, pero non afectan ao seu uso. Tamén se comprobou (mediante sucesivas gravacións e borrados) que funcionan de igual maneira coas aplicacións de gravacións máis comúns.

As cores

A capa de pintura superior é branca, agás en TDK que é turquesa. A tintura inferior é verde nos CD-R e gris nos CD-RW, se ben ningún compacto indica nas súas etiquetas de que tintura orgánica se trata. Moitos usuarios confiren a esta cor unha importancia excesiva para definir a calidade do CD, se ben os expertos indican que en condicións normais as diferentes tinturas funcionan igual de ben, sendo tan só en condicións extremadamente desfavorables cando se aprecian as diferenzas.

A durabilidade dun disco óptico depende da luz solar, a humidade, a temperatura e, por suposto, dos accidentes que poida sufrir. O laboratorio comprobou como se desenvolvían ante condicións climáticas extremas sometendo dúas mostras de cada produto (unha vez gravados) a baixas temperaturas (-20ºC) durante 24 horas e a altas temperaturas (60ºC) outras 24 horas. O regravable de Memorex foi o único compacto en non superar a proba, ao perder a información trala proba de quentamento. Para comprobar a incidencia do Sol expuxéronse polas dúas caras durante 72 horas aos raios directos. Memorex tampouco superou esta proba.

Ante a posibilidade de que o usuario derrame café ou refresco sobre os compactos, comprobouse como reaccionaban ante o contacto con estes líquidos. Someteuse os CD a unha impregnación de alcol e a outra con refrescos, tras o cal limpáronse con auga enxaboada e un produto multiusos. Os vinte seguiron funcionando tras este test. É coñecida a fraxilidade destes discos que carecen de carátula que os protexa (a diferenza das casetes, as cintas VHS ou os disquetes). Realizáronse dúas probas de raiado: unha suave, como a que se produciría ao facelo esvarar sobre unha superficie e outro máis profundo, usando un punzón. Os corenta discos (dous CDs por cada produto analizado) superaron a proba menos estrita. como era de esperar o comportamento na segunda non foi tan positivo: Verbatim gravable é o único que seguiu funcionando.

Vida útil

A vida de uso mediuse reproducindo durante 48 horas seguidas cada CD-R e gravando e borrando 50 veces cada CD-RW. Todos seguiron funcionando sen problema. En canto á súa resistencia ás caídas, deixáronse caer tres veces (unha por cada cara e outra de canto) desde un metro de altura sobre unha superficie de formigón. Un dos dous discos de Thinkxtra que se lanzaron rompeu.

Mención á parte merecen as etiquetas coas que algúns usuarios rotulan os compactos. En xeral están desaconselladas porque poden desestabilizar e acabar por romper o disco cando xira a alta velocidade. Pero, para comprobar se o propio adhesivo podía producir algún dano, pegáronse dúas etiquetas sobre a cara superior do compacto. Dous días despois despegáronse. Nunha segunda proba entre a posta e o despegamento do adhesivo só transcorreron cinco segundos. Emtec fallou en ambas (despréndese parte da superficie prateada onde está escrita a información), aínda que advirte na súa etiquetaxe que esta non é unha práctica aconsellable. E.com falla só na primeira proba, pero a súa etiquetaxe vén en inglés, polo que un usuario non ten por que saber que esa práctica é perigosa para a integridade do disco.

Con moito agarimo

Todos os CDs, mesmo os de maior calidade, son fráxiles e sofren o paso do tempo. Por iso é recomendable conservar sempre unha segunda copia do contido (unha copia de seguridade) noutro CD ou noutro formato, como un disco duro ou un DVD. Tamén convén replicalo cada sete anos para evitar que o avellentamento do material acabe coas fotos ou as cancións que teñamos gardadas nel. Pero, máis aló destas precaucións, unha correcta manipulación aumentará a súa lonxevidade de maneira notable.

  • Gardar os CD en envases individuais, preferentemente opacos e protexidos de temperaturas e humidades altas.
  • Collelos polos bordos para evitar deixar pegadas dactilares.
  • A exposición solar dánaos. Unhas horas no salpicadeiro do coche a pleno sol pode inutilizalos.
  • Para marcalos é preferible utilizar un rotulador para CD (os que escriben tamén sobre cristal), que non sexa de punta ríxida. Non pegar etiquetas, e menos aínda despegar as xa colocadas.
  • Non sometelos a golpes nin á acción de obxectos punzantes.
  • A mellor forma de limpalos é cunha gamuza para limpar lentes. Nunca fregar en sentido circular, senón radial. Para limpalos non convén usar disolventes ou substancias agresivas.
  • Se a información se vai almacenar durante un longo período, é preferible utilizar CD-R, xa que os CD-RW (regravables) son máis sensibles a cambios bruscos de temperatura.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto