Saltar o menú de navegación e ir ao contido
De orixe descoñecida e incurable, esta enfermidade ósea afecta a unha de cada mil persoas, na súa maioría xente nova
Os problemas coas articulacións non son exclusivos das persoas maiores. Tamén a xente nova acode á consulta queixándose de dor na cintura ou nas costas. A maioría débese a molestias que non revisten maior importancia e que se producen por sobrecargas posturais ou por exceso de peso. Con todo, noutros casos a dor é a primeira manifestación dunha alteración inflamatoria, xeralmente progresiva, que afecta á columna vertebral e ás articulacións sacroilíacas (as que unen a pelve coa columna vertebral). A Espondilite Anquilosante (EA) ou Anquilopoética, nome co que é coñecido esta patoloxía, é unha enfermidade que se dá en unha de cada mil persoas.
A súa orixe é descoñecida, pero está relacionada con factores xenéticos: o 90% dos afectados presenta o antíxeno (substancia que produce reaccións inmunitarias) HLA B27, aínda que moitas persoas nas que se encontra este antíxeno (o 8% da poboación mundial) nunca padecen espondilite. O certo é que non se puido establecer unha explicación fiable da aparición dunha enfermidade na que se cre que inflúen varios elementos.
Pese a que se descoñecen as causas, si que se expuxeron polo miúdo as consecuencias. A afección xera un proceso inflamatorio ao redor das articulacións dos corpos vertebrais e nas áreas de fixación dos ligamentos. A pequena erosión que produce no óso cicatriza con crecementos óseos que van aumentando e fusionándose ata que rodean o disco intervertebral e unen os corpos vertebrais, como sucede coas articulacións sacroilíacas, que chegan a desdebuxarse de todo en moitos casos.
Pese a que se coidaba que estas alteracións tiñan lugar de forma maioritaria nos homes, comprobouse que a súa incidencia é moi similar en ambos os sexos, se ben nas mulleres o cadro que provoca a patoloxía adoita ser máis leve, e mesmo pode pasar desapercibida en moitas ocasións.
O diagnóstico desta enfermidade presenta dificultades nas primeiras fases do seu desenvolvemento. O cadro típico ao comezo é o dunha persoa nova, de entre 20 e 30 anos, que comeza a notar dores nas costas (sobre todo á noite), por veces nas nádegas ou coxas, e certa rixidez matutina, síntomas moi pouco específicos e comúns a outras doenzas e que poden demorar a súa detección.
Cando a enfermidade evolucionou, caracterízase por:
Por veces tamén afecta ás cadeiras, xeonllos e nocellos. Poden aparecer dores no talón, similares ás que produce unha fascite plantar (dor na planta do pé co apoio e a marcha), ou ben afectar ao punto no que se atopa o tendón de Aquiles.
A uveíte, unha infección ocular, dáse a miúdo nas persoas que padecen esta enfermidade. Caracterízase por dor no ollo, borrosidade da visión e ollo vermello. Neste caso, necesítase un tratamento especializado inmediato. Ademais, as recaídas son habituais. Tamén pode causar dificultades pulmonares. Coa diminución da mobilidade da caixa torácica, os pulmóns ventilan menos e tusir, espirrar, bocexar ou mesmo respirar poden resultar dolorosos nas fases máis críticas.
Xunto á sintomatoloxía, a radioloxía e as análises de sangue son as bases para que o reumatólogo estableza o diagnóstico. Na actualidade, esta enfermidade non ten cura, pero pode ter un control sobre os seus síntomas e evolución.
Os antiinflamatorios non esteroides (AINEs) e os analxésicos alivian os síntomas. Nalgúns casos poden estar indicados o metotrexato e a sulfasalacina. A este arsenal hai que engadir un novo medicamento, aínda non comercializado, baseado nun anticorpo monoclonal de orixe humana que creou algunhas expectativas. Segundo parece, alivia a inflamación e a dor, e consegue remisións parciais das lesións estruturais das vértebras.
Nesta patoloxía é fundamental o esforzo do paciente para controlar, na medida do posible, a súa evolución, non caer no abandono físico e manter un nivel de actividade axeitado. O obxectivo é manter a mobilidade e a flexibilidade, evitar a progresión da anquilose, en suma, manter unha calidade de vida aceptable, a mellor posible.
Con todas estas medidas pódese evitar unha mala evolución da enfermidade e mellorar a calidade de vida
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI