Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O usuario debe coñecer os seus dereitos e os gastos que ocasiona o uso duns prefixos que xeran numerosas queixas
Asesoramento legal e médico, información meteorolóxica, participación en concursos, compra telefónica ou sexo son algúns dos servizos que se ofrecen a través dos chamados servizos de tarificación adicional, ou o que é o mesmo, dos números que comezan por 803, 806, 807 ou 907, este último, de uso exclusivo en Internet.
Os prefixos actuais substituíron en outubro de 2003 os 903 e 906, en funcionamento desde 1992, debido ao desenmascaramento dalgunhas fraudes e descoñecemento popular sobre as súas tarifas. Co cambio, as liñas e os seus diferentes servizos quedaron máis definidos, pero tamén aumentaron o seu prezo ata acadaren os 3,5 euros por minuto.
Con todo, as queixas non desapareceron. Das 12.000 reclamacións recibidas durante 2005 na Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, máis de 1.000 referíanse a algún destes números.
Por isto, convén coñecer algúns datos para saber diferenciar entre cada liña e evitar así sorpresas desagradables.
Se lle chega unha factura coa que non está de acordo, por non ter constancia de que utilizara estes servizos, pode negarse a pagala. Pero non de calquera maneira. Ten vostede a opción de solicitar á compañía de telefonía unha factura con información polo miúdo na que figurarán por separado as chamadas realizadas polo servizo de tarificación adicional. Se aínda non pagou a factura, vostede pode optar por pagar só a parte correspondente ao servizo telefónico, e deixar de aboar os importes cos que non estea de acordo despois de presentar a correspondente denuncia diante da súa Xunta Arbitral máis próxima ou na Secretaría de Estado de Telecomunicacións. a Lei impide así que lle corten o teléfono mentres estudan o seu caso.
Se xa pagou a factura, ten dereito, sempre que probe que vostede non realizou estas chamadas, á devolución do importe correspondente aos servizos de tarificación adicional, non ao do servizo telefónico.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI