Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Barriñas enerxéticas de plátano e de chocolate: analizadas oito mostras: Calorías e nutrientes para repoñerse do esforzo deportivo

Aínda que non faltan as irregularidades, todas cumpren co seu cometido e chama a atención que a que máis gustou na cata foi a máis barata.

Analizáronse oito barriñas enerxéticas, catro con chocolate e as outras catro con plátano, que pesaban desde 35 ata 80 gramos e custaban ben distinto: entre 12,50 euros o kilo (Aptonia chocolate) e case 38 euros o kilo (Enervit chocolate). Destinadas a quen fai deporte intenso (son demasiado enerxéticas para a poboación en xeral, e véndense fundamentalmente en establecementos especializados en produtos deportivos), estas barriñas achegan axiña ao organismo a enerxía que axuda á recuperación tras o esforzo e a compensar o gasto que implica o exercicio.

A súa composición nutricional é moi diversa: os hidratos de carbono representan entre o 60% e o 77% do produto, a graxa vai desde o 3% en Power Bar chocolate ata o 24% de Aptonia chocolate, a proteína entre o 4% e o 15%, e a achega enerxética é de 370 a 490 calorías cada cen gramos. Pero non todo termina nos macronutrientes: a análise química constatou que nas dúas mostras Enervit o contido en vitaminas era notablemente inferior ao declarado na etiqueta, que as dos Energy Cake eran as únicas non enriquecidas en vitaminas, e que Power Bar engadía ata 10 vitaminas distintas.

A análise microbiolóxica revelou que agás Enervit con plátano, que superou os límites permitidos para mofos (defecto leve), as barriñas atopábanse en bo estado hixiénico-sanitario. E a análise específica de detección de transxénicos demostrou a ausencia de ingredientes ou aditivos xeneticamente modificados nestas barriñas.

Sobresaíu na cata, con 7,2 puntos,  Aptonia chocolate, mentres que Power Bar chocolate foi a que saíu peor parada, con só 3,5 puntos e chegando a desgustar a algúns xuíces. Nas de plátano só destacou, e negativamente, Power Bar, con 4 puntos.

O galardón de mellor relación calidade-prezo recaeu na barriña con chocolate Aptonia, que é a máis barata (sae a 12,50 euros o kilo, cando o custo medio das outras sete é de máis de 30 euros o kilo) e a que máis gustou aos consumidores. É certo que ten máis graxa que as demais (o 23,5%, cando a media das outras é do 12%) e que é a máis enerxética (case 490 calorías cada cen gramos; a media das demais é un 18% menos), pero isto é admisible nun alimento destas características. Entre as que saben a plátano, Isostar é unha opción interesante.

Composición nutricional

Son produtos pensados para deportistas, e poden substituír galletas, froitas, chocolate e froitos secos, alimentos que tradicionalmente se inxeriron durante ou despois dos esforzos intensos ou prolongados. Noutras palabras, é unha forma rápida e cómoda de proporcionar ao organismo unha xenerosa dose de enerxía e nutrientes cando os necesita.

A composición destas barriñas é moi variada, por algo os seus ingredientes son ben distintos. Os máis abundantes son cereais (copos de avea, trigo, millo, arroz, farelo), groitas e froitos secos, azucre, mel, lactosa e outros compoñentes lácteos, leite en po e chocolate. Algúns fabricantes enriquécenas con proteínas lácteas ou vexetais, como as de soia, e con vitaminas e minerais.

As oito barriñas son moi enerxéticas, debido ao seu gran contido en hidratos de carbono. As dúas de Power Bar (370 calorías cada cen gramos) foron as menos enerxéticas, e Aptonia con chocolate erixiuse na máis calórica, coas súas 488 calorías/100 g. A humidade ou contido en auga destas barriñas é escasa, entre o 5,2% de Aptonia e o 11% de Energy Cake con plátano.

Hidratos de carbono, maioritarios

Os carbohidrados destas barriñas proceden tanto dos cereais (hidratos de carbono complexos) coma da sacarosa e outros azucres sinxelos como a frutosa, lactosa e xarope de glicosa. Se se engade mel, caramelo, leite condensado (leite e azucre), anaquiños de froita ou froitas desecados, o contido de azucres aumenta. Neste comparativo, as barriñas con plátano teñen en xeral máis hidratos de carbono (media do 72%) ca as de chocolate (63%), se ben unha de plátano, Energy Cake, tiña menos carbohidratos (65%) ca outra de chocolate (Power Bar, 70%). En canto á graxa, destacan Energy Cake e Aptonia, ambas de chocolate e con máis do 20% de graxa; as menos graxas foron as de Power Bar, que non chegaban ao 4%. Respecto ao perfil lipídico, nas barriñas de chocolate case a metade da graxa é saturada, a menos saudable. Nas de plátano, as diferenzas foron notables: o 80% da graxa de Isostar é saturada, mentres que en Enervit e Energy Cake andaba polo 60% e en Power Bar queda nun 23%. Agora ben, estas proporcións de graxa saturada hai que relacionalas co contido total en graxa: as barriñas con máis graxa saturada son as dúas de Energy Cake e Aptonia chocolate (ao redor de 11 gramos cada cen gramos de alimento) e as que menos, as dúas Power Bar, ambas con menos de 2 g/100g.

Por outra parte, as barriñas máis proteicas son as de Power BAr (con máis do 14% de proteínas), e no outro extremo figuran as outras con plátano: Energy Cake (5%), Enervit (4,6%) e Isostar (3,9%).

Vitaminas

Os fabricantes destas barriñas enriquécenas con vitaminas (seis das oito estudadas) e minerais (só tres barriñas), que interveñen no aproveitamento de nutrientes polo noso organismo e nos procesos de obtención de enerxía a partir dos alimentos, cometidos que adquiren especial relevancia nos períodos e situacións que implican un gran desgastamento enerxético. A análise comprobou que as barriñas máis vitaminadas son as dúas de Power BAr, enriquecidas en vitamina C, tiamina, riboflavina, niacina, ácido pantoténico, piridoxina, ácido fólico, vitamina B12, biotina e vitamina E, que se atopan en cantidade tal que, con 100 gramos dunha destas barriñas, cóbrese a cantidade diaria recomendada para todas menos unha (tiamina ou vitamina B1) delas. No polo contrario encóntranse as barriñas Energy Cake, non enriquecidas en vitaminas nin en minerais.

Os expertos en nutrición advirten de que o consumo excesivo ou desordenado destes e outros produtos enriquecidos en nutrientes pode conducir a un sobreconsumo dos mesmos se se supera a inxesta recomendada polo fabricante. E se ben unha destas barriñas pode chegar a proporcionar as cantidades diarias recomendadas de moitas vitaminas, estas poden obterse (e é máis saudable desta maneira) mediante unha dieta equilibrada e variada.

Os fabricantes non enriquecen os seus produtos engadindo unha por unha a cantidade de cada vitamina, senón que adicionan un preparado que contén as diversas vitaminas nas cantidades desexadas. Cando se detecta un déficit dunha ou varias vitaminas nunha barriña, o normal é que afecte a todas ou boa parte das engadidas: o máis probable é que se engadira menos cantidade da prevista deste preparado. Es é, quizais, o caso das dúas barriñas Enervit: todas as vitaminas engadidas agás unha (a niacina, e só na barriña de chocolate) encontráronse en proporción inferior á indicada no envase. Tamén nas barriñas Power Bar se detectou menos contido do declarado en vitaminas: en tres vitaminas na de chocolate e en dúas na de plátano. Pola súa parte, as dúas Aptonia e a de Isostar (plátano) axústanse, e mesmo nalgúns casos superan, a carga vitamínica declarada nas súas etiquetas.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto