Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Insectos: Garantía miudiña de vida

Normas europeas, nacionais e autonómicas protexen os insectos, a parte do reino animal máis numerosa e diversa, amais de peza clave da biodiversidade terrestre

A vida non sería posible no noso planeta de desapareceren os insectos. Aínda que asociamos instintivamente estes animais con algo miúdo, irrelevante, molesto e ás veces noxento, a súa presenza garante a continuidade dos procesos de xeración de vida nos nosos ecosistemas. Por iso, e aínda que poida resultar sorprendente, os lexisladores elaboraron unha enorme variedade de normas que os protexen de xeito directo ou indirecto.

A principal directiva da Unión Europea (UE) que vela por este grupo de animais é a denominada "Conservación dos hábitats naturais e da Fauna e Flora silvestres (Directiva 92/43/CEE)", pero, así e todo, por exemplo, só inclúe a 21 insectos das preto de 50.000 especies que se atopan en España. O Ministerio de Medio Ambiente, de acordo coa Lei 4/89 de protección da natureza, redactou un catálogo de especies protexidas na que inclúe 28 tipos de insectos repartidos entre catro categorías de ameaza. Pola súa banda, algunhas comunidades autónomas incluíron ou están en proceso de incluír algunhas especies de insectos en cadanseu catálogo de protección de fauna.

Lexislación insuficiente

Malia a existencia dunha lexislación específica, a protección dos insectos e a súa consideración nas políticas ambientais están aínda ben lonxe de podérmolas considerar satisfactorias, como indican desde a Asociación española de Entomoloxía (AeE) e o Centro Iberoamericano da Biodiversidade (CIBIO) da Universidade de Alacante, que afirman que de nada serve protexer unha especie se se segue contaminando ou destruíndo o hábitat no que vive.

 Actividades como a transformación dos usos do solo, a masiva utilización de pesticidas na agricultura, a recolleita de especies con finalidade lucrativa e sen criterio científico, o coleccionismo furtivo, os residuos sólidos guindados ó medio ou a contaminación das augas superficiais e mais subterráneas están causando un grave desequilibrio que leva á desaparición dalgunhas especies de invertebrados e á proliferación doutras.

A devandita directiva europea non engloba no seu nivel de protección nin un só insecto polinizador, básicos nos procesos de expansión de flores e plantas, nin os milleiros de insectos migratorios que se desprazan todos os anos entre Europa e África, nin ningún insecto característico dos ecosistemas mediterráneos. Así e todo, algúns países europeos contan con listaxes dalgúns grupos máis vistosos, como bolboretas ou cabaliños do demo, no que se inclúe unha alta porcentaxe de especies que cómpre protexer.

27.000 especies extinguidas

Os científicos identificaron e clasificaron algo máis dun millón de especies, o que supón preto do 75% de todos os seres vivos coñecidos. Así e todo, a variedade real é moito maior. As estimacións da comunidade científica oscilan entre os 10 e os 30 millóns de especies de insectos aínda sen catalogar, debido en boa medida ó gran descoñecemento que existe arredor da biodiversidade de moitas zonas tropicais. Na actualidade, o ritmo anual de descubrimento de novas especies animais sitúase en 15.000 especies, das que o 62% son insectos e polo menos unha cuarta parte delas son coleópteros (escaravellos). En España, un territorio a priori xa analizado polo miúdo, os entomólogos descobren unhas 20 especies ó ano.

Á aparición constante de novos tipos de insectos contraponse o ritmo aínda maior de extinción, cifrado na actualidade nunhas tres especies cada hora, o que representa unhas 27.000 especies menos cada ano. Por iso, a AeE coida que é imprescindible un cambio de mentalidade e a dotación por parte das institucións dun orzamento para lles poder ofrecer os medios necesarios ás persoas encargadas de estudar e de conservar a variedade entomolóxica.

Por que os insectos son tan importantes?

Os insectos, un dos grupos animais máis antigos que viven sobre a Terra, é tamén o que maior número de formas posúe na actualidade, o que amosa unha capacidade de adaptación e supervivencia ó contorno por riba do resto de formas de vida animal. Os insectos están involucrados na maioría dos procesos ecolóxicos que se dan nos ecosistemas terrestres e en boa parte de lagos e cursos de auga. Da súa participación depende a reciclaxe de aproximadamente o 20% da biomasa vexetal da Terra, sendo tamén os principais desintegradores dos cadáveres animais e excrementos. A isto engádese que máis do 60% das plantas dependen para sobrevivir dos insectos polinizadores.

 Desde un punto de vista científico, os insectos utilízanse como medio para poder alcanzar numerosos descubrimentos. Por exemplo, moitos dos coñecementos xenéticos débense á mosca Drosophila; a identificación do cromosoma X determinante do sexo debeuse a unha chinche (Heteróptero); algunhas especies son bioindicadores do estado de saúde do ecosistema e son fonte potencial de produtos farmacéuticos por descubrir. Ademais, os insectos son tamén básicos en actividades económicas humanas como a fabricación de mel e os seus derivados ou nos procesos agrícolas -a polinización en invernadoiros por abesouros aumenta a produción e moitos insectos son auténticos controladores de especies daniñas para a agricultura-. Non nos debe estrañar, xa que logo, que algunhas civilizacións antigas, que vivían en relación directa coa natureza, utilizaran algunhas clases de insectos como símbolos e que mesmo chegasen a deificalos.

España, paraíso dos insectos

España conta coa máis alta biodiversidade de Europa, riqueza que tamén se materializa no apartado de insectos. O número de especies que hai en España representa o 30% da riqueza de toda a Conca Mediterránea, con preto de 50.000 especies de insectos vivindo na rexión ibérica, illas Baleares e Canarias, das que unha porcentaxe moi alta é exclusiva dos nosos ecosistemas. Entre as especies de insectos protexidos propios de España salienta pola súa vistosidade a bolboreta nocturna Graellsia isabelae, que vive en piñeirais de piñeiro vermello e piñeiro laricio. Desde hai anos, a AeE, o CIBIO e a Dirección Xeral de Biodiversidade do Ministerio de Medio Ambiente veñen colaborando na protección deste importante patrimonio natural. Desta colaboración xurdiu, por exemplo, a elaboración do "Libro Vermello dos Invertebrados españois", no que se inclúen 142 artrópodos, entre eles 135 insectos, que deberían ter protección estrita en España. Desde o CIBIO sinálase que a súa protección futura dependerá da iniciativa que tomen este Ministerio e mais as Comunidades autónomas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto