Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O 35% das patoloxías canceríxenas vincúlanse co réxime alimenticio, polo que o seu coidado adquire unha gran relevancia
A relación entre o cancro e a alimentación é un feito. Aínda que os seus límites non están aínda moi definidos, na década dos 80 estableceuse que arredor do 35% dos cancros tiñan a súa orixe ou estaban vinculados coa alimentación. Desde aquela multiplicáronse os estudos neste eido e en 1997 publicouse un exhaustivo informe titulado "Alimentos, nutrición e prevención do cancro: unha perspectiva global", publicado polo Fondo Internacional para a Investigación do Cancro e mais o Instituto Americano para a Investigación do Cancro. Nel estableceuse que a adopción duns hábitos alimentarios máis sans pode reducir o número de casos anuais en todo o mundo entre un 30% e un 40%. Se a isto se suma deixar de fumar, as porcentaxes de redución pasarían ó 60%-70%.
Non é doado determinar con exactitude a asociación entre a alimentación e o cancro. Os hábitos alimentarios son moi distintos duns individuos a outros, e tamén o é o noso xeito de cociñar e de conservar os alimentos. Ademais, hai que considerar outras variables relacionadas coa orixe ou desenvolvemento do cancro, como o tabaco ou outras substancias ás que estamos expostos, ben no noso traballo -fume de soldadura, gases de pinturas ou vernices, etc. - ou no lugar no que vivimos -contaminación ambiental-, sen esquecermos a propia xenética. Por iso, ó establecer a relación entre dieta e cancro, polo de agora fálase de asociacións "convincentes", "probables" ou "posibles".
Por exemplo, considérase que as verduras posúen un papel protector "convincente" fronte ó cancro de boca e farinxe, esófago, pulmón, estómago, colon e recto; "probable" fronte ó de larinxe, páncreas, mama e vexiga, e "posible" fronte ó de fígado, ovario, endometrio, colo do útero, próstata, tiroide e ril. Pola contra, considérase que as dietas moi calóricas ou ricas en graxa e proteínas, cociñados como o churrasco ou os asados á grella, o abuso do alcohol e da carne, dos afumados e do sal, e mais a obesidade aumentan o risco desta enfermidade. En particular, cóidase que é "probable" que o abuso da carne incremente o risco de cancro de colon e recto, e que é "posible" que o faga fronte ós de páncreas, mama, próstata e ril.
Fibra: un consumo elevado de fibra a partir da inxestión de froitas, verduras, pan e cereais integrais e legumes resulta beneficioso. Axuda a reducir o risco de cancros localizados no tubo dixestivo e os dependentes de hormonas -mama, endometrio e próstata-.
Vitaminas: unha dieta variada rica en froitas e verduras é fundamental. A inxestión de vitamina A, de betacaroteno e doutros carotenoides -substancias naturais que lles dan ós vexetais tons amarelos, alaranxados e avermellados, ás veces enmascarados polo verde da clorofila-, desenvolven un papel protector fronte a certos cancros. As súas principais fontes son o leite e os seus derivados, a xema, vísceras como o fígado e, no tocante á pro-vitamina A, as hortalizas e as froitas. A vitamina C axuda a reducir o risco de cancros de mama, colo uterino, intestino, pulmón, boca, esófago e estómago. As súas fontes alimentarias máis importantes son as froitas (cítricos, kiwi, amorodos, melón, etc.) e as hortalizas. A vitamina E ou tocoferol tamén axuda a reducir o risco de cancro e as súas principais fontes na dieta son os aceites vexetais de primeira presión e os produtos elaborados con eles (oliva, xirasol, soia...), os froitos secos, os cereais de gran enteiro e o xermolo de trigo.
Minerais: considérase que o selenio axuda a reducir o risco de leucemia, cancro de colon, recto, pulmón, mama e ovario. Algúns estudos suxiren que niveis baixos de cinc se asocian con incidencias máis altas de cancro de esófago e pulmón. No tocante ó iodo, a súa carencia na dieta parece ter relación cun maior risco de cancro de tiroides e de mama. Os requirimentos destes nutrientes cóbrense cunha dieta variada e equilibrada.
Axentes fitoquímicos: trátase de substancias propias de plantas que se atopan en vexetais, legumes e cereais, hortalizas e froitas, pero en especial nas coles, os pementos, os tomates, a cenoria, a piña, os froitos silvestres e os cítricos. A soia contén o que se coñece como isoflavonas, tamén chamadas fitoestróxenos, substancias que exercen un papel protector fronte ó cancro de mama.
As recomendacións dietéticas que foron xurdindo sobre a prevención do cancro baséanse nunha alimentación equilibrada que, ademais, contribúe a mellorar a calidade de vida da poboación xeral.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI