Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Lingua de signos: As palabras nas mans e no rostro

Un millón de persoas comunícanse en España por medio da lingua de signos, un instrumento de comunicación rico e variado

  A lingua de signos, compartida por case un millón de persoas en España, atópase en trámites de recibir o rango de oficial, igual ca noutros Estados europeos. Esta medida recoñece o dereito á reciprocidade na comunicación das persoas que signan, é dicir, que se comunican a través da lingua de signos, e salienta, ó mesmo tempo, o valor lingüístico e cultural do idioma das mans e do rostro.

Falamos de lingua de signos, non de linguaxe. Esta puntualización, que pode parecer antollo de puristas, é precisa porque a expresión que nos ocupa non utiliza o son, pero si se considera un sistema lingüístico. De feito, non é unha capacidade, senón unha estrutura xurdida e desenvolvida espontaneamente por distintas comunidades de persoas xordas, igual do que acontece con outras linguas: do mesmo xeito que as orais empregan o son e o oído para crear a transmisión, a lingua de signos prodúcese mediante os xestos e percíbese mediante a vista, o que se coñece como signar.

Non hai un idioma único

A crenza xeneralizada é que hai unha lingua de signos para todo o mundo, pero a realidade é moi distinta. A última edición do Ethnologue, unha sociedade privada que rexistra os idiomas que se utilizan no mundo, recolle un total de 103 linguas de signos regradas, con maior ou menor número de falantes, pero coas características dunha lingua. Ó igual do que acontece coa linguaxe oral, non ten por que haber unha lingua para cada país. Por exemplo, tres linguas orais poden compartir unha lingua de signos, como acontece en Canadá, nos Estados Unidos e en México, onde só hai unha Lingua de Signos Americana. Ademais, como na fala oral, tamén se poden distinguir dialectos e xergas que caracterizan e axuntan grupos. Son linguas vivas en continua renovación, que incorporan neoloxismos así que se van precisando. Dispoñen dunha gramática propia que ordena unha conversa. De feito, a súa lingua pode ser vehículo para discursos intelectuais, retórica e poesía.

Non é mimo

As linguas de signos teñen o seu propio modo de produción e de percepción. Non se trata só de xestos de mimo cos que representan ideas ou conceptos. De ser así, unha persoa espelida sería quen de entender unha conversa sen coñecer a lingua, pero non é así, e, como no caso da lingua falada, cómpre un proceso de aprendizaxe para a súa comprensión.

O espazo de signación das mans está delimitado cara á metade do busto, pero tamén se empregan elementos non manuais, como os movementos dos beizos, músculos faciais, accións da lingua, dos ombreiros e da cabeza. Estes xogan un papel fundamental e tan importante como a acción que realizan as mans. Neles radica a diferenza entre, por exemplo, unha pregunta, unha negación ou unha afirmación.

  As linguas de signos, ó igual cás orais, organízanse por unidades elementais sen significado autónomo que, enlazadas, serven para discutir calquera tema, desde o máis sinxelo e concreto ata o abstracto e denso. Cada signo expresa un elemento ou pensamento porque así se acordou. Se non se pode utilizar a expresión xestual, como na transmisión de datos persoais (por exemplo, o nome), ou cando se precisa coñecer a escrita correcta dalgunha palabra, bótase man do dicionario dactilolóxico, é dicir, a representación manual do abecedario. O abecedario é o da lingua da comunidade, pois as linguas de signos non se escriben, entre outras razóns porque a maioría das persoas xordas len e escriben na lingua oral do seu país. Propuxéronse varios sistemas para transcribir a lingua de signos, procedentes sobre todo do mundo académico, pero descartáronse porque conteñen deficiencias no momento de captar as características físicas que utilizan as linguas de signos (en especial, os elementos non manuais e posicionais).

A súa aprendizaxe

Foi nos anos 60 cando se puxo de manifesto o gran valor lingüístico e as múltiples posibilidades que ofrecía a signación de acordo a unhas normas regradas. Isto conferiulle estatus de lingua, o que supuxo un cambio profundo na educación das persoas xordas. A partir de aí admitiuse e promoveuse a adquisición xa de cedo da lingua de signos por parte do neno con deficiencias auditivas. O obxectivo era que este instrumento de comunicación servise como peza clave para o seu desenvolvemento cognitivo e lingüístico. Fixérase evidente que o método oral puro non lles proporcionaba ós alumnos con deficiencias auditivas un nivel abondo de linguaxe, nin lles permitía comunicarse cos oíntes, mentres que a posibilidade de transmitiren a súa opinión a través da súa propia lingua, lles confería polo menos a posibilidade de non sumaren unha deficiencia máis á incapacidade da xordeira.

A aprendizaxe infantil implica un esforzo maior que ensinarlle a un neno a falar, pero se se realiza de maneira ordenada e se lle ofrece ó menor a posibilidade de se mover nun ambiente de iguais, ós 6 anos será perfectamente capaz de introducir a súa personalidade na signación. O que acontece a miúdo é que os familiares tamén deben aprender a signar. Por iso se ofrecen cursos desde asociacións e fundacións que garanten a súa aprendizaxe. Estes cursos organízanse en tres niveis: o de iniciación precisa máis ou menos 30 horas, e permite coñecer as habilidades específicas da atención, discriminación visual e axilidade manual; o nivel medio require arredor de 300 horas, e achega a alfabetización e a xestación de signos; o superior converte as persoas en bilingües.

Consellos básicos para falar cunha persoa xorda

  • Cando lle queira falar a alguén con problemas de audición, tóquelle o ombreiro.
  • Non coloque as mans diante da boca: impediralle ler nos seus beizos.
  • Por motivos lóxicos, non lle fale detrás de costas, fágao sempre de fronte.
  • Intente non ter goma de mascar, caramelos nin cigarros na boca, dificulta que lle entendan cando fala con eles.
  • Comuníquese coas persoas xordas empregando preferentemente mensaxes breves.

Relacións deste contido

Descargar esta información en PDF

PDF: Fai clic aquí para Descargar esta información en PDF (87 Kb)

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto