Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Ordenadores portátiles: Informática en movemento

A tecnoloxía portátil esténdese pola súa mobilidade e polo seu atraente deseño

Os portátiles están de moda. Tomaron en moitas casas a zona de traballo substituíndo o aparatoso ordenador de sobremesa. Como ocupan pouco espazo e resultan manexables, pódense trasladar sen dificultade e, ademais, o seu deseño atrae moito máis cás clásicas torres grises dos ordenadores convencionais. Os seus prezos están descendendo e por un custo asumible xa se poden atopar modelos con capacidades moi semellantes ás dun ordenador medio. Por algo menos de 900 euros, por exemplo, pódense adquirir modelos de marcas recoñecidas que permiten navegar por Internet, gravar e reproducir CD e DVD, xogar a determinados videoxogos e empregar a maioría dos programas que se empregan nos ordenadores de sobremesa.

Agora ben, o seu prezo é, polo xeral, maior có dun aparello de características semellantes na súa versión de sobremesa. Se se quere empregar o ordenador sempre no mesmo sitio, sae moito máis barato mercar un convencional, que, ademais, terá maior capacidade e prestacións. Se o usuario pretende traballar con el e facelo en distintos lugares, o portátil representa unha opción inmellorable.

Limitados polo peso e polo espazo

Os ordenadores de sobremesa, como non teñen por que moverse, non están condicionados por limitacións de espazo e peso. Isto permítelles albergar no seu interior un número considerable de elementos, como tarxetas de son e imaxe, lectores de CD e DVD, un procesador ou disco duro para almacenar os datos, entre outros. Ademais, os compoñentes poden estar máis separados entre si, co que a disipación da calor que xeran por seren tan potentes resulta máis doada. Por iso, a diferenza dun ordenador de sobremesa, a calidade dos compoñentes e de como están ensamblados convértese en algo esencial nos portátiles.

 

Os portátiles teñen que arranxarse para meter todos estes elementos nun espazo de 20 centímetros de ancho por 30 centímetros de longo e 2,5 centímetros de groso, é dicir, as dimensións dun maletín. Ademais, considérase que o seu peso máximo non debe exceder os tres quilos. Máis alá desta medida, son pouco transportables.

Ademais, non son tan portátiles. Precisan unha batería para poderen funcionar en lugares tan dispares como o campo, a sala de espera dun aeroporto ou un vagón de tren, onde non é posible dispor dun enchufe, e a duración das baterías non aumentou tanto como a voracidade enerxética dos seus compoñentes. A batería é a que lle dá independencia ó portátil con respecto á rede eléctrica, pero só dura tres horas como máximo (sobre todo, se facemos un uso intensivo do equipo). Despois cómpre recargala nunha toma de corrente.

Cuestión de consumo enerxético

A batería constitúe, polo tanto, un dos elementos máis importantes da tecnoloxía portátil, e a rapidez coa que o ordenador consuma a enerxía que esta almacenou determinará o seu grao de autonomía. Un portátil potente descargará axiña a batería, polo que resultará pouco práctico. Cómpre, xa que logo, que os diversos mecanismos que conforman o ordenador teñan un consumo equilibrado.

O procesador, a peza clave do ordenador, é o que maior consumo xera. Nun ordenador de sobremesa inclúense procesadores moi potentes, capaces de realizar moitas funcións complexas con rapidez. Pero estes procesadores, pertencentes á gama Pentium, descargarían a batería dun portátil en menos dunha hora.

Os fabricantes de procesadores tiveron que desenvolver unha tecnoloxía paralela para permitirlles ós portátiles executar moitas funcións sen un gasto de enerxía desmesurado e para diminuír a velocidade do equipo cando cumprise sacrificar prestacións por autonomía. O resultado foron no seu día os procesadores Centrino, na actualidade superados polos da gama Celeron. Agora ben, ningún destes procesadores alcanza as capacidades dun procesador Pentium 4, que son os que actualmente posúen os ordenadores de sobremesa. Así e todo, con eles pódense levar a cabo as funcións básicas dun ordenador e navegar comodamente por Internet.

No mercado atópanse portátiles que poden aumentar a potencia do procesador, pero sempre cun maior consumo enerxético. Tamén se pode incrementar a autonomía con baterías supletorias, aínda que se trata de accesorios molestos de transportar e o seu prezo supera os 200 euros.

Para aqueles usuarios ós que lles importe máis o procesador cá autonomía enerxética, creáronse os chamados 'portátiles de sobremesa', pensados para funcionar coa potencia dun ordenador convencional. Son moi caros -o seu prezo supera os 2000 euros-, pero permiten realizar as tarefas máis complicadas e xogar ós videoxogos máis avanzados do mercado. Iso si, sempre que haxa un enchufe preto.

A importancia de se poder 'conectar'

Por definición, un ordenador portátil é aquel que se pode mover dun lado a outro sen excesiva dificultade: pódese traballar con el no sofá ou na cama sen que iso supoña trasladar o despacho enteiro. Pero isto non significa que non poida estar conectado a outros aparellos que lle proporcionen funcionalidade, como impresoras ou altofalantes, teclados ou ratos externos (máis cómodos), discos duros de maior capacidade ou unha toma de Internet. Nalgúns portátiles, os portos USB, a conexión estándar para os máis destes aparellos, son escasos (adoitan traer só dous) e están demasiado xuntos. Para dar conectado todos estes periféricos, co portátil convén adquirir un concentrador de USB, algo parecido ó 'ladrón' da corrente eléctrica, que pode dar ata 128 portos USB a partir de un só. Con todo, os portos USB consomen moita enerxía, polo que telos en funcionamento permanentemente restaralle tempo de autonomía ó ordenador.

Outra característica que cómpre ter en conta á hora de mercar un portátil é a súa capacidade de conexión á Rede e mais a outros aparellos periféricos, con independencia do lugar en que se estea. A maioría dos portátiles que se venden actualmente levan un adaptador a redes Wi-Fi que permite conectarse a Internet sen cables. Esta característica é moi interesante cando se quere traballar en lugares públicos, como algúns cafés que lles ofrecen ós clientes acceso sen fíos a Internet, ou na casa, se a conexión doméstica a Internet conta cun router wifi.

É moi conveniente que o equipo incorpore a tecnoloxía Bluetooth, que nos permitirá conectar o portátil a outros aparellos, como teléfonos móbiles, impresoras ou axendas electrónicas (PDA) sen que cumpran cables e nun radio moi curto de acción, apenas unhas ducias de metros no mellor dos casos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto