Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Roberto Urrutia, educador social e voceiro da Asociación de Xitanos La Majarí: "O valor da familia determina o comportamento xitano"

 Profesor de acordeón, amante das rancheiras e da pelota-man, na trintena, solteiro e educador social: Roberto Urrutia é todo isto e, ademais, voceiro da Asociación de Xitanos La Majarí, con sede en Navarra. A súa actuación está centrada nas necesidades das familias xitanas, a quen lles procura atención, recursos e oportunidades para que a súa situación, en demasiadas ocasións marxinal, se vexa dignificada. Fala de familias, e non de colectivo. "Este termo está ben para falar dun grupo de profesionais con intereses en común, pero se nos referimos ós xitanos, falamos de persoas cunha cultura común, cun pasado e cuns valores propios, e mesmo cunhas características físicas determinadas. Nós somos un pobo, o pobo xitano", reivindica.

Por que unha asociación de xitanos?

Durante os 25 anos que levamos como asociación, as razóns que xustifican a nosa existencia foron variando. As necesidades hai tres décadas son distintas ás de agora. De feito, La Majarí xurdiu dunha iniciativa de Cáritas cun grupo de xitanos que achegaron os protocolos de saúde ás súas familias: calendario de vacinas, pautas de hixiene, mediación de recursos. Agora os nosos obxectivos son máis ambiciosos e están centrados na promoción da cultura. Facilitámoslles ós socios o encontro con habilidades, manifestacións e coñecementos da sociedade na que vivimos. Pero tamén tratamos de lle dar a coñecer e de lle transmitir a nosa cultura a esta sociedade. Todo isto cunha visión xitana, con pautas xitanas, para que o logro sexa eficaz, porque cómpre recoñecer a nosa realidade. Somos xitanos.

E son tan diferentes á maioría, malia a viviren no mesmo medio?

Sen dúbida ningunha. Pero non vexamos as diferenzas como algo malo. Están aí, tratemos de comprendelas e de enriquecernos con elas, non pretendamos negalas nin anulalas. Os xitanos temos detrás unha historia que nos antecede e que nos condiciona. As nosas raíces, que non rexeitamos, enorgullécennos e lévannos a ver a vida dun xeito determinado. A tradición, aquilo que os nosos anteriores coidan que é bo e tratan de protexer e de transmitir, é particular. Todo isto lévanos a comportarnos dun xeito concreto, ó xeito xitano. Pero as diferenzas non nos deben afastar.

En que se concretan esas diferenzas que proclama e defende?

O valor que se ten da familia é particular. Aí estaría a clave de todo. Non direi que a nosa concepción da familia sexa mellor ou peor, pero si definitiva. Isto conduce, por exemplo, a que os mozos casen moi novos. Senten a necesidade de se formaren en parella con fillos e de seguiren ampliando a familia. Compénsalles esa vida. Non queren agardar a teren un piso ou un traballo estable.

A súa resposta lévame directamente a outra pregunta. A comunidade xitana está á cabeza do absentismo escolar. Que acontece?

  A Primaria cúmprese. Os xitanos queremos que os nosos fillos e fillas vaian aprender á escola. O problema chega na Secundaria. A reforma educativa que obrigou á escolarización deica os 16 anos non nos axudou. Os cambios que implicou foron radicais. Que os rapaces de 12 anos tivesen que cambiar de centro e ir ó instituto sendo tan noviños non foi positivo, polo menos para nós. Aquí entran en xogo moitos matices. Que unha nena de 12 anos comparta espazo con adolescentes de ata 18 incomódanos. A realidade é así. Insisto, non a imos xulgar. Se cadra temos que aprender a confiar e a non protexernos tanto entre nós, pero a nosa historia, a que levamos nos nosos xenes, cóntanos que fomos moi perseguidos, e isto, intuitivamente, lévanos a gorecernos entre nós. Outro matiz é que a educación académica e regulada non foi vista como un valor. Esa necesidade de coñecementos útiles ou aplicables para determinadas disciplinas deixábase para outros. Agora procuramos corrixilo ou, mellor dito, apoiamos ó xitano ou á xitana que quere estudar unha carreira. E, por matizalo aínda máis, direille que moitas veces o xitano non ve reflectida a súa realidade na escola. É máis, séntese alleo ó que lle contan.

En que concretaría isto último?

Eu fun á escola e nunca estudei nin vin exemplos da nosa historia: a Historia do pobo xitano. Nin na arte, nin na literatura, nin en materia ningunha! O descoñecemento que teñen os meus compañeiros con respecto á miña cultura e ó meu pobo é total. E somos veciños, en moitos casos desde hai xeracións, pero nin sequera saben que a nosa orixe está na India. Demandámoslles ás institucións que nos inclúan nos seus programas, non como unha anécdota, senón como parte da realidade.

O xitano era nómade, pero nesta época en que o turismo é un ben de consumo e un obxectivo para moitos, non é viaxeiro.

Ben, se cadra é porque o turismo se sente como algo banal. Esa necesidade de percorrer quilómetros para coñecer un lugar non é urxente para o xitano, pero, pola contra, a de viaxar para botar unha tempada na casa duns familiares, si. O que para outros sería todo un cambio de residencia, para nós é un tempo de paso. Aí se reflicte o noso nomadismo, que eu relaciono cun trazo moi xitano: a falta de perspectiva de futuro, ou polo menos do futuro que está lonxe. Vivimos o día, e isto maniféstase en moitas das nosas actuacións e choca coa cultura do aforro, do pago a prazos e de tantas outras cousas.

Da vivenda, por exemplo.

Estamos chegando a unha estrutura de cidades herméticas. Antes, certo que había menos veciños, menos barrios e menos rúas, pero podías atopar nunha mesma rúa, ou nunha próxima, diferentes tipos de persoas, a veciñanza era heteroxénea. Agora as zonas clasifícanse cada vez máis e sepáranse os grupos sociais. E aínda que os elevados prezos da vivenda lle afectan a toda a sociedade, sen dúbida ningunha, nos grupos máis marxinais e con menos recursos fai estragos. Destes formamos parte as familias xitanas. Vémonos abocados a marchar lonxe dos centros das cidades e buscámonos para estar arroupados, co que acabamos creando espazos propios. Aínda non hai moito, na miña cidade isto non era así. As familias xitanas vivían en moitas casas, rúas e lugares. Parece que como agora non é así, non o foi nunca. E non, isto mudou.

Escoitándoo recuperamos aquela idea de que o xitano é o inmigrante perpetuo, o estranxeiro con máis de 500 anos de residencia en Europa.

  Seguimos a ser unha minoría, non censada, porque ninguén nos pregunta se somos xitanos e non hai un apartado para cubrilo no padrón. Pero facemos moita vida de comunidade e isto lévanos a recoñecérmonos. Pode sorprenderlle a quen non queira entender que a familia é tan importante para nós, tan determinante que mesmo nos distingue fisicamente. Eu son capaz de saber os apelidos polas faccións, é como se nos delatase un trazo físico característico: os ollos azuis, os beizos finos, a pel escura.

Falaba antes de que non lles gusta que a nena de 12 anos comparta instituto con rapaces de 18. Son innegables os cambios que se produciron na situación da muller nas últimas décadas, e é un proceso imparable. Como se vive no mundo xitano?

Vivimos nunha sociedade machista, para todos. E a cultura xitana é machista. Se cadra máis, pero a discusión, se non me trabuco, non é cuantitativa. Polo tanto, ninguén ten que virnos dicir como liberar á muller xitana, nin vir dar exemplo, se é que o pode dar. É a muller xitana a que ten que saber ou procurar unha maior independencia. Pero non podemos esquecer que no valor da familia está implícita a maternidade. E por iso, a muller quere ser nai, e quere estar cos fillos, e non lle importan moitas outras cousas.

Pero que acontece cando unha muller xitana quere facer outra cousa coa súa vida? Ata que punto pesa a obriga de casar?

Falar de casamentos concertados como un costume actual e habitual son gañas de facer perdurar o estereotipo. En asociacións coma esta á que pertenzo tratamos de facer ver que a idade para ser nai pode retardarse. Desde logo, tal e como está o panorama laboral e social, é obvio que canta maior formación se teña, maior liberdade e seguridade se obtén, algo que beneficia tamén ós fillos. Hoxe, se unha moza amosa calidades, gañas e interese por seguir estudando, son ela e mais a súa familia os que analizan a posibilidade de que estude. Nós non temos nada que dicir aí. Se nos piden apoio, procurarémosllo dar, pero desde logo non ditamos que comportamento é bo ou malo, pois todos son dignos.

Por que se ten que trasladar toda unha familia cando algún dos seus membros está hospitalizado?

É que o precisa o enfermo. Se non se sente acompañado pola súa xente toda non o pasa ben. A familia, xa o dixen, é o máis importante. Está por riba de calquera cousa. Son condutas aprendidas, que sabemos que debemos conciliar coas normas non escritas. Pero esa persoa que ten sensación de que hai moitos xitanos no hospital, deberíase preguntar: se o grupo non fora de xitanos, sentiríao tan numeroso? Ademais, eu coido que nesa crítica tamén hai moita envexa.

O consello de anciáns pode chegar a representar un sistema xudicial paralelo?

O criterio dos xitanos de respecto -que non patriarcas, pois ese termo non é noso- é moi valioso, pero non é comparable a un xuízo. Non se trata de aplicar leis escritas ou códigos penais. Trátase de que a súa sabedoría, respectada e recoñecida, serve para ofrecer consello ou para tomar unha decisión cando hai que solucionar problemas.

A delincuencia está moi presente nas familias xitanas.

Iso din os medios de comunicación cando salientan que o delincuente é xitano, como se fose un trazo criminal máis. A delincuencia está ligada á marxinalidade e ó fracaso escolar. O rapaz que non vaia á escola, que teña horas mortas e que non teña afeccións saudables está mercando boletos para acabar na marxinación. Isto preocúpalle moito á familia xitana. Son numerosas as asociacións como a miña nas que se organizan programas antidroga, ofrecendo alternativas de lecer e deportivas.

Nestes momentos hai unha corrente que procura recuperar o romaní, coñece a alguén que o fale?

Buff, é unha lingua moi difícil e descoñecida. O que si falamos é caló, un dialecto mestura de romaní e castelán, irrecoñecible para un profano, e moi complicado de aprender, pois non está regrado. Hai que mamalo.

Que me di da capacidade de cantar e de bailar? Tamén é innata?

Nacemos cun sentido do ritmo moi grande. Temos facultades e aptitudes. Non todos, pero as habilidades poténcianse. E, desde logo, un neno con mal oído, pero arrolado a base de rumba, cancións e bailes, polo menos terá o gusto pola arte. Para nós, a arte, o flamenco, é un xeito de entender a vida: é o xeito de vivir a vida.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto