Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A longo prazo resulta máis económica, pero require tal obra de instalación que só se recomenda se se vai reformar completamente unha vivenda
Calor durante os meses de inverno e refrixeración no verán sen que cumpra adquirir aparellos radiadores específicos nin de aire acondicionado. Aí reside unha das grandes vantaxes deste moderno sistema baseado na instalación dun conxunto de tubos, invisible para os residentes da casa.
Aínda que pareza novo, a versión antiga deste método para quentar e arrefriar utilízase en numerosas aldeas e vilas de España desde hai décadas co nome de 'glorias'. A instalación de calefacción radial, que pode ser de chan, teito ou parede e que funciona con gas ou electricidade, require unha grande obra, polo que se recomenda só se se vai realizar unha reforma integral nunha vivenda máis ben grande ou unifamiliar. Resulta máis económica a longo prazo (entre un 10% e un 30% máis có sistema de radiadores), xera unha calor máis natural e, dado que vai integrada nas paredes, no chan ou no teito, é máis estética, xa que se evitan radiadores e acumuladores nas paredes.
Entre as súas desvantaxes, amais da envergadura da obra precisa para instalar os tubos ou cables, destacan a limitación que impón nos tipos de chan (que non poden ser de madeira), o custo da colocación e mesmo o desgaste que, segundo algúns expertos, poden sufrir os mobles pola calor que emana do chan ou da parede.
O uso desta calefacción está máis estendido en lugares de Europa nos que é moi habitual vivir en casas unifamiliares ou casas pegadas e onde se dan temperaturas moi baixas durante máis meses ó ano. En moitas vivendas de Alemaña e en Suíza, por exemplo, vén instalada de serie (ata na metade das vivendas) e supón un importante aforro de enerxía. En concreto, o chan radiante permite un aforro de enerxía de entre o 10% e o 30% en vivendas e dun 60% en tendas, centros deportivos, etc.
Radiante por tubo de auga
Esta modalidade é a máis habitual. Require unha rede de tubos de polietileno que se instalan estratexicamente debaixo o chan, por onde circulará a auga quente a unha temperatura mínima de 34 ºC e máxima de 46 ºC, producida xeralmente por unha caldeira. Deste xeito acádase unha temperatura ambiente de 18-22 ºC. A auga cédelle calor ó chan ou á parede, que á súa vez a transmite ó ambiente do edificio. Estes tubos son máis caros cós cables, xa que deben ser irrompibles para aturar as altas temperaturas cando están en funcionamento, as xeadas do inverno, a aparición de cal e a corrosión ocasionada polo paso do tempo.
Calefacción radiante por tubo de auga.
É unha rede de tubos de polietileno instalados debaixo do chan, por onde circula auga quente para quentar o ambiente.
Eléctrica por cable calefactor
Este sistema utiliza a enerxía eléctrica directa para quentar un cable de aceiro inoxidable e deste xeito dáse caldeado unha habitación. É común empregar o cable calefactor nas instalacións de chan radiante e nas paredes das habitacións.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI