Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Camisetas térmicas de manga longa: Moi diferentes en prestacións

As que mellor transpiran son as que menos quentan, e viceversa, polo que convén coñecer o uso que se lles vai dar

  Os tecidos futuristas que facilitan a transpiración, que secan axiña e que manteñen a calor corporal parecen máis propios da exploración espacial ca do día a día sobre o planeta Terra. Agora ben, o desenvolvemento de novos materiais permite confeccionar prendas con propiedades nunca antes vistas e, o que é mellor, a prezos alcanzables. É o caso das camisetas térmicas: concibidas ó primeiro para o deporte (son idóneas para o esquí, o ciclismo ou a montaña) van gañando adeptos no uso urbano, pois ofrecen illamento térmico sen que o usuario se teña que envolver en varias capas de roupa.

Analizáronse oito camisetas interiores térmicas de manga longa, distintas cores, tecido fino e talle L, con prezos que van desde os 35 euros de Online ata os 64 euros de Duofold. A mellor relación calidade-prezo é Ternua, das máis baratas (46 euros), a máis resistente e cun comportamento axeitado no resto de parámetros. Outra opción interesante é Grifone (58 euros), das que mellor garda a calor, aínda que tarda en secar e lle saen 'bólas'. Para usuarios que buscan unha gran transpirabilidade (por exemplo, en deportes moi aeróbicos nos que a eliminación da suor é clave para manter a temperatura), Trango (57 euros) é a idónea.

Tensión ata esgazalas

Pensadas ó primeiro para a práctica deportiva, espérase destas camisetas que sexan duradeiras e resistentes. O laboratorio comprobou a resistencia ó estourido do tecido e das costuras probando a tensión máxima que aturan ata romperen. As oito superaron o mínimo que fixa a norma, de 450 quilopascais (kpa), se ben con diferenzas: a mellor, ben lonxe do resto, foi Ternua (o tecido rachou ó aplicar 1.078 kpa e as costuras ó aplicar 1.150 kpa) e, as máis débiles, Online (471 kpa o tecido e 516 as costuras), Trango (543 kpa e 548 kpa) e Duofold (599 kpa e 557 kpa).

En sentido estrito, non todas se corresponden co talle L (son algo máis pequenas do que deberían), se ben a norma está pensada para camisetas de punto (máis ríxidas) e non elásticas, como as analizadas. A única non ergonómica é Patagonia, e as que máis se cinguen ó corpo son Online e The North Face.

A composición das camisetas Duofold e Online non é a que declaran os seus fabricantes, polo que incumpren a norma: no primeiro caso, trátase dun 92% de poliéster e un 8% de elastano (anuncian 96% e 4%) e, no segundo, dun 78% de poliamida e un 22% de poliéster (indican 85% e 15%). Sexa cal sexa a súa composición, o feito de que as fibras empregadas sexan ocas favorece o illamento térmico, a capacidade de absorción de líquidos e a velocidade de propagación do líquido cara ó exterior. Unha vez analizado ó microscopio un corte transversal de cada camiseta, só Grifone utiliza fibras circulares ocas, as que mellor gardan a calor. O resto tamén son circulares, pero macizas. Canto menor sexa a gramaxe do tecido, menos pesará a prenda e, xa que logo, máis cómoda resultará. Só Duofold resulta máis pesado có resto, e éo cun valor notablemente superior (335 g/m2).

Calor e suor

As tres funcións básicas destas camisetas son evitar a perda da calor natural que produce o noso corpo, facilitar a transpiración e manter o corpo seco tras a actividade deportiva.

A resistencia térmica indica o grao de illamento da calor: canto maior sexa este parámetro, a prenda máis eficazmente gardará a temperatura corporal. Para comprobalo, colocouse cada camiseta sobre unha placa metálica porosa quentada electricamente a 35 ºC, que simula a pel humana. A proba desenvolveuse dentro dunha cámara climática a 20 ºC e cun 65% de humidade relativa e nela mediuse canta calor deixaban pasar. O valor mínimo esixible son 0,010 m2 C/W. Todas superaron o mínimo: Grifone (0,052 m2 C/W) e Duofold (0,061 m2 C/W) demostraron ser as mellores por mor das súas eficientes capas illantes (a primeira, por empregar fibras ocas e, a segunda, polo seu tecido de punto groso de dobre capa). A menos illante é Helly Hansen (0,012 m2 C/W, rozando o que indica a norma), seguida de Trango, The North Face e Online.

Para que unha camiseta sexa transpirable debe ofrecer unha boa capacidade de absorber a suor e, xa que logo, manter a pel seca, se ben iso redundará nun maior tempo de secado. Calcúlase medindo canto líquido é capaz de reter cada prenda: Trango é a mellor e Helly Hansen, Online e The North Face son as que menos auga son capaces de gardar. Unha vez absorbida a suor, as camisetas deben ser capaces de transportala ata o exterior da prenda. Helly Hansen, Duofold, Online e The North Face demostraron unha nula ou moi baixa capacidade de propagación da auga, ó contrario có resto, que tivo un bo comportamento. A resistencia das camisetas ó paso do vapor ofrece unha idea aproximada de como se comportarán na evacuación da suor. A proba é semellante á de resistencia térmica, aínda que neste caso a camiseta está en contacto cunha membrana microporosa, impermeable á auga pero permeable ó vapor de auga, que recobre hermeticamente a placa quentada electricamente e a través da que se fai pasar o líquido. Sete aproban (Trango, con nota) e Duofold falla pola súa moi baixa transpirabilidade.

Secado non tan rápido

Cando acabou o ensaio de capacidade de absorción (é dicir, cando cargaban con todo o líquido que daban) pesáronse cada cinco minutos ata obter o peso orixinal. Helly Hansen bota 25 minutos, Online, 30 minutos e The North Face, 70 minutos, é dicir, como parece obvio, as que menos empapan son as que menos tardan en secar. E, viceversa: Grifone e Duofold precisan 330 minutos para perderen a auga. Trango é a única que rompe esta tendencia: é, con diferenza, a que máis auga atrapa, pero só a terceira peor no secado.

As camisetas pódense dividir en dous grupos: Grifone, Ternua, Patagonia e Duofold (as catro usan fibras descontinuas) son menos transpirables, pero a súa capacidade de absorción e de propagación da auga é axeitada e secan decontado. Helly Hansen, Online, Trango e The North Face (de fibras continuas) tiveron resultados inversos. En xeral, a máis cómoda segundo estes parámetros é Trango.

O desgastamento

  Para comprobar se co uso se forman 'bólas' no tecido (coñecidas como efecto 'pilling'), as camisetas sometéronse a 18.000 ciclos de fretado nun aparello que exerce un efecto de "batedura" do tecido contra si mesmo e contra as paredes dunha caixa de cortiza normalizada. Grifone e Duofold, as peores, presentan unha resistencia inferior á mínima esixida para estas prendas, cun desmelloramento moi evidente. Ternua e Patagonia, que tamén usan o mesmo tipo de fibra, tamén obtiveron resultados discretos. As outras catro son dun fío de fibra continuo, e nelas non se observou desmelloramento no tecido.

Os dous tipos de suores (a ácida e mais a alcalina) poden estragar a cor das prendas. Non laboratorio simúlase a suor con dúas solucións de histedina, unha ácida e outra alcalina, coas que se empapa o tecido da camiseta, e colócase entre dous tecidos patrón de algodón branco prensados entre dúas placas de vidro sometidos a 12,5 kpa (quilopascais) durante 4 horas a 37 ± 2°C. As oito superaron esta proba. Tamén todas aprobaron o test de solidez ó fretado seco que indica a propensión do tecido a desprender a súa cor pola fricción con outras prendas, tanto en húmido coma en seco.

Logo de dez lavados domésticos á temperatura recomendada polo fabricante comprobouse o aspecto que ofrecían as prendas. En Grifone, Ternua, Patagonia e Duofold apareceron peluxe e contaminación de fibras. As recomendacións de lavado e estirado son diversas, pero os que pretendan secalas na secadora deberanse decantar por Grifone, Patagonia, Helly Hansen e Duofold, porque as outras catro aconsellan o secado tradicional.

Encollen e destinxen?

As camisetas térmicas interiores deben ir axustadas ó corpo sen apertar. Tras os sucesivos lavados e secados domésticos deben manter a chamada estabilidade dimensional, é dicir, non deben encoller. Para comprobalo, o laboratorio someteu as oito camisetas a múltiples lavados e secados seguindo sempre as instrucións do fabricante. O encollemento que se lles permite ós tecidos de punto debe ser como moito do 3%. Ningunha das oito camisetas encolleu máis do permitido lonxitudinal nin transversalmente. A que mellor mantén as súas dimensións iniciais é Trango (só encolle un 0,5%), mentres que a máis variable resulta Helly Hansen, ata un 2% máis pequena que cando se mercou.

O lavado tamén pode facer que as cores das camisetas (algunhas delas moi intensas) migren a outras roupas durante o lavado, co conseguinte deslucimento das prendas. O test de solidez ó lavado consiste en lavar cada camiseta xunto cun pano branco para comprobar se este acaba colorado. Todas as camisetas superaron esta proba, aínda que Duofold demostrou o peor comportamento: o pano branco quedou lixeiramente tinxido.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto