Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Croquetas de xamón ultraconxeladas: Enormes diferenzas no contido de xamón

Unha mostra non contén xamón (emprega só aroma), mentres que outra ten máis do 20% de xamón e carne

Os alimentos precociñados ultraconxelados, entre os que destacan as croquetas, son cada vez máis habituais na cesta da compra, moi probablemente porque só hai que frixilos e en poucos minutos o prato está feito. Ademais, son sabedores, podémolos conservar durante meses no conxelador e frixilos sen os desconxelar previamente cando se precisan.

Estudáronse a etiquetaxe, a composición nutricional, a posible presenza de transxénicos e o estado hixiénico-sanitario de sete mostras de croquetas de xamón conxeladas: La Cocinera, Findus, Pescanova, Maheso, Prielá, Nicolasa e Freisa. Seis delas comercialízanse en envases de 500 gramos, Prielá faino en bolsas de 400 gramos e o prezo por quilo variou desde os 2,60 euros de Maheso ata os case 5 euros de Pescanova. A análise revela que as croquetas son un alimento nutritivo e non moi calórico, aínda que ó frixilas aumenta notablemente o seu poder enerxético, e que a cantidade de xamón (ou de xamón e carne) que conteñen varía desde o 0% de Nicolasa -que emprega só aroma de xamón- ou o 2% de Freisa ata o 14% de Findus ou o 22% de Prielá. Doutra banda, cinco das sete mostras recoñecen engadir glutamato, aínda que o conteñen en cantidades moi inferiores á permitida.

  A análise microbiolóxica demostrou que todas elas se atopaban en correcto estado hixiénico-sanitario, mentres que a análise específica de organismos xeneticamente modificados comprobou que ningunha mostra contiña transxénicos.

Polo seu uso como aperitivo ou como acompañamento doutros pratos, o consumo de croquetas normalmente é ocasional e moderado; por iso, as súas características organolépticas (sabor, textura, aparencia, cheiro...), medibles nunha cata, adquiren un valor preferente. Os consumidores piden especificamente que as croquetas teñan un tamaño apropiado, unha bechamel fina e non grumosa e unha cantidade de xamón axeitada. Tras cotexar os datos das análises cos resultados da cata, a mellor relación calidade-prezo correspóndelle a La Cocinera: algo caras (4 euros o quilo), destacaron na cata e foron as de mellor composición nutricional. Moito máis baratas (2,60 euros o quilo) e cunha cantidade máis ca correcta, as croquetas Maheso son unha opción moi interesante, aínda que tamén as de Findus (3,75 euros o quilo) constitúen unha boa alternativa.

Que teñen e como se elaboran

As croquetas de xamón industriais compóñense habitualmente de auga, leite, amidón ou fécula (espesante), pan relado, xamón curado, fariña de trigo, aceite (xirasol, millo, soia) ou graxa vexetal, sal e, case sempre, aromas. O xamón preséntase en anacos máis ou menos grandes e en cantidades distintas. Os aditivos máis comúns nestas croquetas son o glutamato (E-621, potenciador do sabor permitido pero innecesario nun produto de calidade), conservantes, estabilizantes, espesantes e emulxentes.

Para fabricalas, o primeiro é amasar os ingredientes que compoñen a masa base (aceite vexetal ou margarina, fariña, auga e leite, fundamentalmente); deseguido, engádese o resto dos ingredientes, e obtense así o recheo das croquetas, que tras esta operación se coce. Así que se remata a cocción, arrefríase o produto e en máquinas especiais comézase a preparación das croquetas. Posteriormente, engádese o pan relado e as croquetas sométense a ultraconxelación a unha temperatura de 40 ºC baixo cero. Para rematar, envásanse e almacénanse en cámaras especiais a uns 30 ºC baixo cero.

Etiquetaxe

Unha vez revisadas as etiquetas de sete mostras, só se observou un incumprimento de norma, aínda que de grande importancia: a denominación de venda "Croquetas de xamón" de Nicolasa é incorrecta, xa que non contén xamón. Trátase dun fraude ó consumidor; o nome correcto deste produto sería "Croquetas con sabor a xamón".

Doutra banda, conviría que os fabricantes indicasen nos envases o número de unidades (moi distinto, como se puido comprobar) que contén cada envase, pero só Findus e Pescanova informan disto. Ademais, resúltalle moi útil ó consumidor coñecer a composición nutricional destes produtos: a maioría proporcionan esta información, pero Nicolasa e Freisa non o fan.

Calidade e composición nutricional

  Pescanova e La Cocinera contiñan as croquetas máis pequenas, unhas 30 unidades cun peso medio de 17 gramos cada unha, mentres que a bolsa de Prielá ofrecía só 15 croquetas, cun peso medio de 34 gramos. Os catadores criticaron as primeiras por excesivamente pequenas e a estas últimas, por demasiado grandes. O resto de mostras teñen desde 18 unidades (Freisa) ata 24 por envase (Nicolasa e Maheso) e un tamaño intermedio que lles gustou ós consumidores.

Doutra banda, estas croquetas non son moi calóricas, conteñen entre as 150 calorías de Pescanova (as menos enerxéticas) e as 230 calorías cada cen gramos de Prielá, pero o aceite que absorben durante a súa fritura engádelle moitas calorías ó produto que o consumidor finalmente inxire, se ben boa parte do aceite de fritura absorbido polo rebozado se pode eliminar colocando papel absorbente de cociña no fondo do prato ou fonte. A achega calórica das croquetas determínaa o contido de hidratos de carbono (entre o 21% e o 25%, segundo as mostras), graxas (entre o 4% e o 12%) e, en menor medida, proteínas (entre o 4% e o 7%). Os hidratos proceden da fariña, do pan relado, do amidón (espesante) e do leite. Pola súa banda, as proteínas están no xamón e na carne de porco engadidas e mais no leite, polo que son de alto valor biolóxico. Nicolasa, as únicas que carecen de xamón e de carne, teñen só un 3,7% de proteína e Freisa un chisco máis, o 5%.

As máis proteicas son as de Maheso, pois achegan ata un 7,3% deste nutriente, mentres que a maioría se move entre o 5% e o 6%. As graxas proceden principalmente do aceite vexetal ou graxa animal e da margarina empregados na fabricación das croquetas. As menos graxas, e tamén as menos calóricas, foron Pescanova (4% de graxa) e La Cocinera (5%), mentres que as máis graxas e máis enerxéticas foron Prielá, cun 12% de graxa; o resto de mostras andaron arredor do 9%.

Glutamato: aditivo prescindible

O glutamato monosódico ou E-621, potenciador do sabor que contén sodio, é un aditivo prescindible que se engade para potenciar o sabor de mesturas de especias, alimentos conservados e procesados, sopas de sobre, taquiños de caldo, aliños para ensaladas, etc. O contido de glutamato está limitado (por igual en tódolos produtos alimenticios): admítese ata un máximo de 10.000 ppm ou partes por millón, o que equivale a 10 miligramos por gramo. Só cinco das sete mostras estudadas recoñecen que engaden glutamato, pero aparece en todas elas, o que non significa que se trate dunha irregularidade: nas dúas que non o indican na súa etiqueta (Pescanova e La Cocinera), a súa escasa presenza é atribuíble ó contido natural de glutamato de xamón ou á carne das croquetas. De tódolos xeitos, as cantidades detectadas nas outras cinco mostras é moi inferior ó máximo permitido. Freisa, as croquetas con máis glutamato, tiñan só 1.287 ppm deste aditivo saborizante, oito veces menos do permitido.

Xamón: ingrediente estrela

Atendendo ás etiquetas, dúas das sete mostras (La Cocinera e Prielá) engaden, amais de xamón, carne de porco. A análise computou conxuntamente as cantidades destes dous ingredientes, pesando os anacos cárnicos. Nicolosa, malia a se denominar "Croquetas de xamón", carece de xamón; incorpora, para ocultar esta ausencia, aroma de xamón. As de Freisa conteñen só un 2,2% de xamón, mentres que as Pescanova quedan nun máis aceptable pero tamén discreto 8,3% de anacos cárnicos. As croquetas con maior proporción cárnica (22%) son as de Prielá, e o resto de mostras ofrecen entre un 12% e un 14% de anacos cárnicos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto