Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O carácter asintomático e o risco de patoloxías cancerosas vinculadas a tumores intestinais esixe unha grande atención, sobre todo a partir dos 40 anos
O cancro de colon, o terceiro con maior taxa de mortalidade no mundo, ten na transformación de pólipos intestinais en tumores malignos unha das súas principais causas. Un pólipo intestinal é un tumor circunscrito, un avultamento na parede intestinal de tamaño variable. O fundamental é determinar a súa constitución microscópica, é dicir, o tipo de células que o constitúen, pois o interese destes pólipos radica na súa capacidade de evolucionar a tumores malignos. Os pólipos poden ser únicos ou múltiples e afectan sobre todo ó intestino delgado e ó colon ou intestino groso.
Cando o número de pólipos é elevado fálase de polipose intestinal, que se vincula con enfermidades ben diferenciadas que se engloban baixo o nome de "Síndromes polipósicos". O máis frecuente é a Polipose Intestinal Familiar Difusa, de carácter hereditario e non ligada ó sexo. Pode permanecer asintomática durante anos e, a medida que a enfermidade progresa, especialmente cando comezou a dexeneración maligna, aparecen dores cólicas abdominais, feces líquidas con mal cheiro, perda de sangue, anemia... e afectación do estado xeral. Nestes casos a resección do colon é a única solución.
A importancia dos pólipos depende da súa morfoloxía histolóxica, é dicir, dos seus tecidos: poden ser pólipos neoplásicos, é dicir, con tecidos que substitúen ós normais e xeralmente canceríxenos (adenomas e carcinomas) ou non neoplásicos (hamartomas, inflamatorios e hiperplásicos), que son benignos.
Os síntomas que provocan son pouco específicos: o máis frecuente é o sangrado, a presenza de sangue nas feces. Tamén poden aparecer dores abdominais recorrentes, obstrución intestinal, tenesmo rectal (sensación de necesidade de ir defecar), estrinximento, anemia crónica... O máis habitual é que permanezan durante anos asintomáticos.
O diagnóstico dos pólipos é sobre todo radiolóxico e realízase visualizando o interior do colon mediante rectosigmoidoscopia ou colonoscopia. A exploración aprovéitase para efectuar un estudo histolóxico da lesión e a súa extirpación, debido a que, aínda que non todos os pólipos dexeneran en lesións malignas, a polipectomía endoscópica (extirpación do pólipo) representa a estratexia máis eficaz para previr o cancro colorrectal.
Benignos
Malignos
A lesión cancerosa pódese localizar en calquera parte do colon, pero a máis frecuente é no colon descendente, sigma e recto. O diagnóstico precoz da lesión é fundamental para evitar a expansión do tumor, xa que a supervivencia depende do grao de extensión. Canto máis localizado se atopa cando se detecta, maior é o grao de supervivencia.
Para o diagnóstico precoz cómpre que os individuos con risco de cancro colorrectal, sobre todo a partir dos 50 anos, sigan unha serie de controis periódicos.
Na actualidade, a cápsula endoscópica está sendo obxecto de avaliación. É unha alternativa cara, pero semella que mellora moito o diagnóstico das lesións intestinais polas imaxes que ofrece. Como se fose submarino que navega polo tubo dixestivo e cunha autonomía de 8 horas, a cápsula toma imaxes cada 2 segundos que se procesan e se converten nun arquivo de vídeo.
Pero a prevención do cancro de colon pasa tamén pola adquisición de hábitos hixienico-dietéticos. Os factores dietéticos máis implicados no cancro de colon son a elevada inxestión de graxas e a inxestión insuficiente de fibras e mais o exceso de calorías e a obesidade. O papel de substancias antioxidantes como as vitaminas A, C, D e E e mais de B-carotenos, calcio e selenio non está moi claro aínda, pero cóidase que xogan un papel preventivo.
No tocante ó uso dalgúns fármacos como preventivos, o máis estudado é o dos antiinflamatorios non esteroideos (AINES) como a aspirina e os inhibidores da COX-2: o seu consumo prolongado parece asociarse a unha menor probabilidade de desenvolver adenomas. O mesmo acontece co tratamento hormonal a base de estróxenos e proxestáxenos, que parecen diminuír o prevalecemento de adenomas colorrectais. Pero polo momento non existen datos abondos que permitan defender un tratamento quimiopreventivo para evitar o cancro de colon na poboación xeral, a excepción das recomendacións sobre o estilo de vida e a dieta. Nos grupos de alto risco estase probando en estudos controlados a quimioprevención, con resultados esperanzadores.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI