Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Invernadoiros: O cultivo baixo os mantos de plástico

Almería alberga a meirande produción hortofrutícola do mundo grazas ó uso da agricultura en ambiente controlado

Os invernadoiros son hoxe moito máis ca plásticos que cobren zonas hortofrutícolas. A súa mellora foi tan grande que evolucionou ata a súa denominación. O que en pequena escala se coñecía como invernadoiros, pasa a se denominar Agricultura en Ambiente Controlado (CEA) cando a agricultura se converte nunha industria que ocupa milleiros de hectáreas. En zonas como Almería chegou a acadar tales cotas de sofisticación que se regula o clima interior ata extremos en que se selecciona o grao de humidade segundo os datos transmitidos por fibra óptica desde sensores a un sistema computerizado.
A este procedemento sumáronselle métodos hidropónicos, é dicir, substituíuse a terra por algún tipo de substrato, como grava, areas, pedra pómez, serraduras, arxilas expansivas ou carbóns, ós que se lles engade unha solución nutritiva que contén todos os elementos esenciais precisos para o normal crecemento e desenvolvemento das plantas. Precisamente Almería, a horta de Europa, concentra a maior produción hortofrutícola do mundo. A colleita anual achégase ós tres millóns e medio de toneladas pertencentes a 30 especies diferentes.  

Á vangarda da tecnoloxía

Non todos os recintos son iguais, e máis aínda no caso almeriense, onde as producións se caracterizan por un marcado carácter familiar. Así e todo, nesa provincia andaluza atópanse as plantacións máis modernas do mundo, que en ocasións mesmo avantaxan as israelís e holandesas, pioneiras neste tipo de cultivos.
Baixo os plásticos ríxidos e hermeticamente pechados plásmanse os avances tecnolóxicos, como os que forzan o ciclo natural das plantas, partindo de sementes híbridas resistentes ós patóxenos máis comúns e que producen hortalizas de rápido crecemento e longa vida, para que cheguen inmaculadas ó seu punto de partida cara á distribución. Esta ciencia supón o mantemento da planta nas condicións idóneas para producir as 24 horas do día durante os 365 días do ano. O salto tecnolóxico significou un avance no tocante á calidade, pois posibilitou o control de pragas, a diminución no consumo de fitosanitarios e o aproveitamento ó máximo da auga da rega.

Control desde as estacións meteorolóxicas

O que en definitiva procura a agricultura baixo plásticos é un abastecemento de alimentos máis grande, menos custoso e máis seguro. A posibilidade de ofrecer melón en xaneiro non é máis ca unha anécdota atraente para algúns mercados, pero en definitiva trátase dunha mellora non substancial. O relevante é modernizar o primeiro sector, unha das industrias máis grandes do mundo, na que maior é o número de xente involucrada dun ou doutro xeito. Tendo en conta que algúns invernadoiros son manexados por estacións meteorolóxicas, pódese dicir que esa modernización xa se acadou. Nestes invernadoiros, os sistemas computerizados de control climático manteñen en todo momento as condicións óptimas de luz, temperatura e humidade relativa, claves para obter a maior produtividade dun cultivo. A estación meteorolóxica, formada por sensores exteriores, está conectada á estación de clima mediante fibra óptica para asegurar a fidelidade dos datos obtidos, en función dos cales, xunto cos sensores interiores de temperatura e humidade relativa, se controla o clima do invernadoiro. A estación de clima é o cerebro da instalación. Este equipo procesa os datos recibidos dos sensores e, en consecuencia, dálles as ordes precisas ós equipos da ventilación cenital e lateral, á calefacción, ó sistema de recirculación do aire e ó de humidificación. Ademais, o programa inclúe alarmas por altas ou baixas temperaturas, por fallos na rede de cables ou nos sensores e os cambios necesarios que cómpre realizar en virtude da hora do amencer e do solpor, consecuencia da altitude e lonxitude xeográfica en que se atopa o invernadoiro. 

O problema ecolóxico: os desmontes e os residuos

O poñente máis ó sur da Península Ibérica mudou de cor nos últimos 20 anos. De ser un deserto castaño pasou a se tinguir de branco PVC. Esta metamorfose pódese observar nas imaxes aéreas que se poden ollar en internet, aínda que non cómpre recorrer ás fotografías da NASA. Desde calquera monte próximo ás explanadas albíscanse os polígonos nos que se suceden as 'fábricas agrarias' e pódese ver a forma que adquiriu o outrora escenario das películas de 'spaghetti western'. En contra do que puidera parecer, as críticas das asociacións ecoloxistas non foron polo de agora moi intensas. De feito, recoñecen como positiva a transformación socioeconómica da zona.
Así e todo, e por mor da enorme proliferación destes sistemas de cultivo, dun tempo a esta parte multiplicáronse as peticións desde diversas organizacións para que se fiscalice e limite o crecemento incontrolado de invernadoiros. As hectáreas libres comezan a escasear e estase procedendo ó desmonte, é dicir, á ocupación de outeiros con ecosistemas a miúdo únicos. A esta chamada de atención súmase a obriga de desenvolver procedementos de xestión de residuos, sobre todo da combustión dos plásticos desbotados.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto