Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Educación e Novas Tecnoloxías: Enciclopedias en Internet: mellor ca no papel?

As páxinas de consulta da rede presentan numerosas vantaxes e cada vez menos inconvenientes

As enciclopedias e dicionarios, que ata hai uns anos se adquirían polo xeral a través de subscricións e se pagaban en prazos mensuais, estanse trasladando ós poucos a Internet, desde onde se poden consultar aboando unha pequena cota e outras veces gratuitamente. Na actualidade, estes novos métodos de consulta de información conviven nos fogares e oficinas cos tradicionais exemplares de tapa dura.

Medios aínda recentes

Os novos sitios de Internet para facer consultas, de datos, de conceptos ou da súa tradución a varios idiomas, espertan aínda os receos dos usuarios afeitos á referencia do exemplar de papel, que vén avalado polas editoriais e institucións que se encargan de editalo. Moitas destas páxinas percíbense como demasiado recentes e inestables como para conteren datos fiables.

O usuario pensa, e ás veces ten razón, que non ten o mesmo valor o resultado dunha busca manual nun dicionario da Oxford University Press có que a mesma busca realizada na páxina de Internet dalgunha empresa que non acredita coñecemento académico ningún, aínda que desenvolvera un programa eficiente. É certo que existen numerosas páxinas de consulta e de dicionarios en rede que están limitadas tanto desde un punto de vista académico coma pola súa baixa eficiencia. Pero en moitos outros casos, as consultas en Internet son tan fiables coma no papel e, ademais, engaden unha serie de vantaxes.

Para comezar, cómpre analizar a cuestión do espazo. Desde un ordenador portátil pódese consultar calquera dato na rede. Para facer o mesmo en papel hai que dispor dos 32 tomos da Enciclopedia Britannica, os máis de 100 de Espasa ou os 24 da Enciclopedia Larousse. Tras o espazo, vén a comodidade, xa que as consultas en Internet implican non ter que manexar os pesados tomos de enciclopedias e dicionarios. Tamén a rapidez na consulta é unha gran vantaxe, pois para moitas persoas resulta molesto e incómodo ter que buscar páxina a páxina un determinado dato -sempre e cando, por suposto, o ordenador non estea apagado, pois agardar a que se acenda pode acabar coa paciencia máis temperada.  

A Britannica xa é virtual

O usuario que aprenda a buscar atopará en Internet todo tipo de información gratuíta e organizada de xeito sinxelo e eficiente. Pode acceder tamén desde o seu ordenador a enciclopedias de recoñecido prestixio académico. A Britannica soubo ver desde o comezo que lle cumpría adaptarse ás novas tecnoloxías e dixitalizou os seus contidos no portal Encyclopaedia Britannica (http://www.britannica.com).

Esta enciclopedia permítelle facer consultas de primeiro nivel a calquera usuario de xeito gratuíto, pero se se quere afondar un chisco na consulta hai que se facer subscritor. Os prezos varían desde os 56 euros anuais ata os 9,5 euros por un só mes. O prezo da Britannica en papel anda arredor dos 1000 euros.

Entre as vantaxes da versión dixital da Encyclopaedia Britannica están os 75.000 artigos que posúe e mais as animacións e infografías que axudan á súa comprensión e que son imposibles na versión de papel. Ademais, a diferenza da súa irmá de tapa dura, os datos da versión dixital actualízanse con frecuencia. O único problema que ten para o usuario español é que está integramente en inglés.

Un modelo semellante segue o portal Encarta da empresa Microsoft. Encarta mércase nas tendas en soporte DVD, que despois se actualiza desde Internet. Ten 41.000 artigos en español e custa preto de 40 euros. O feito de que Encarta se comercialice en soporte físico chama a atención porque, en xeral, os formatos CD-ROM e DVD tenden a ser substituídos como soporte multimedia polas consultas na rede. O ritmo de substitución está en función do progresivo incremento do número de fogares conectados. Segundo o último 'Barómetro do Consumidor 2005' da Fundación Eroski, o 43% dos fogares españois teñen nos seus ordenadores acceso a Internet.

Wikipedia, a enciclopedia participativa

Os sitios web que teñen un nome que comeza co prefixo 'wiki' son, por definición, comunitarios, o que quere dicir que calquera pode acceder ós seus contidos, modificalos e engadir outros novos. Con esta filosofía participativa naceu no 2001, e en Internet, a Wikipedia (http://www.wikipedia.org), a enciclopedia máis grande coñecida nunca.

Amais da enorme cantidade de información que alberga (máis dun millón e medio de artigos, 800.000 deles en inglés e máis de 74.000 en castelán), a principal característica da Wikipedia é a súa orixe popular. Foi construída ó longo dos seus catro anos de vida por centos de miles de usuarios que foron introducindo e editando artigos sobre os máis variados temas. Outras características importantes son que non hai que pagar por usar a Wikipedia, que non cómpre encher ningún formulario e que non hai que aturar publicidade ningunha.

O único 'pero' que se lle pode poñer é que ningunha autoridade académica avala o que nela se di, polo que é posible atopar algunhas inexactitudes en determinados artigos que reciben poucas visitas e revisións. Para consultas a nivel superficial, e para consultas de certa profundidade nalgúns temas, a Wikipedia é unha boa opción.

Dicionarios 'on-line'

Tamén os dicionarios se enchufaron á rede. No ámbito do castelán, un dos casos máis exemplares de adaptación a Internet é o do Diccionario de la Real Academia (DRAE). Desde a súa páxina pódese atopar o significado de máis de 100.000 palabras. Ademais, o DRAE creou unha ferramenta que permite consultar o dicionario soamente premendo o rato. O DRAE on-line (http://www.rae.es) é completamente gratuíto, mentres que a súa versión en tapa dura pode chegar a custar 136 euros.

Para os que desexen consultar a tradución dunha palabra a outro idioma, unha das opcións máis populares é Diccionarios.com (http://www.diccionarios.com). Trátase dun portal que permite buscas de todo tipo de palabras en castelán e mais dos seus sinónimos. A busca pódese facer a partir da palabra ou desde aproximacións se o usuario non a lembra con exactitude. Tamén dispón dun servizo que ofrece todas as formas posibles dun verbo. Inclúe, ademais, un tradutor español-inglés, inglés-español. Custa uns 20 euros anuais.

Wordreference (http://www.wordreference.com) é outro dicionario de Internet moi empregado, xa que traduce palabras do inglés ó castelán, ó francés e ó italiano. Tamén actúa en sentido inverso e é totalmente gratuíto.

Para rematar, se o que se precisa é un tradutor de textos completos, sen dúbida Babylon (http://www.babylon.com) é o mellor. Trátase dun programa de pagamento que traballa en moitos idiomas.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto