Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Confianza, respecto e autoestima aparecen como os grandes remedios para evitar o bloqueo do apetito sexual
A ausencia de desexo é un dos problemas sexuais máis frecuentes na nosa sociedade. O estrés, os conflitos na relación, a falta recorrente de momentos de intimidade ou o padecemento dun período de astenia está en moitas ocasións na raíz do problema. Para solucionalo, non sempre cómpre recorrer a un especialista na procura de axuda. Seguramente, con maior relaxación, cunha conversa íntima, cun agarimo ou cun capricho se recupera o gusto, ou, polo menos, se lembran os encontros como pracenteiros e se botan de menos, aínda que se deixen para outro momento (que convén non retardar en exceso).
Non obstante, cando a inhibición do desexo se sente como un mal perenne, difícil ou imposible de superar, cando un período de apatía se prolonga e comeza a causar outros problemas ou cando se intentou realizar cambios na relación e non se deu, o malestar débese tomar en serio. A falta de desexo non é unha parvada, un capricho ou unha situación á que haxa que se resignar. De feito, o desexo sexual é unha emoción que prepara as persoas para poder vivir unha acción afectiva. Pero acontece que, en ocasións, non se pode sentir aínda que se busque; o desexo resístese a aparecer, xa que o pulo de desexar non só depende da vontade. Fanse presentes factores inhibidores e estimulantes, e segundo o predominio duns ou doutros en diferentes situacións, o desexo materializarase ou non. Por exemplo, o amor é un grande estimulante para que se faga presente, mentres que o medo é un forte inhibidor que o anula ou desbota.
Non hai que confundir desexo sexual con excitación sexual. A excitación é unha resposta fisiolóxica que implica manifestacións físicas como a erección ou a lubricación. O desexo é o impulso que leva a buscar o pracer. É certo que, en condicións normais, desexo e excitación actúan de xeito complementario. Agora ben, en ocasións pódese dar unha alta intensidade do desexo e, así e todo, producirse bloqueos na excitación sexual. Ou á inversa.
O certo é que como consecuencia de problemas de excitación xorden problemas de desexo. A orixe de moitos destes casos devén de patoloxías médicas como a diabetes, a hipertensión ou problemas cardíacos; ou son efectos secundarios de fármacos e intervencións cirúrxicas. Grazas ó coñecemento desta relación causa-efecto, cada vez é máis usual o seu diagnóstico e habitual a prescrición protocolaria das medidas que se deben tomar para a súa corrección, que inclúen niveis farmacolóxicos e psicolóxicos.
Pero o desexo é outra cousa. A súa ausencia, sinxelamente, resúmese na falta de querer gozar do pracer. Como é posible que aconteza isto? Pois acontece, e moi a miúdo, a teor dos datos clínicos das consultas de especialistas, que confirman que é un dos problemas que máis pacientes xera. É algo moi corrente, pero ó mesmo tempo moi particular, pois cada persoa desexa ou inhibe o seu desexo por causas diferentes.
A baixa autoestima e o sentimento de culpa son os dous grandes inhibidores e bloqueadores do desexo sexual, pero neles subxacen outras causas que convén revisar.
Afecta a inhibición do desexo sexual de igual maneira ó home e á muller? Os estudos realizados ata o momento indican que o bloqueo sexual é máis habitual na muller ca no home. Valores e educación distintos, xunto con expectativas diferentes do que se agarda da persoa en función do seu xénero, condicionan e levan a muller a mesturar o amor romántico co pracer, a manter un papel pasivo nas relacións e a ser ela obxecto do desexo pero non desexar.
Unha vez asumida a realidade deste desequilibrio, a sociedade preocupouse de xeito especial en amparar un cambio, e non en van numerosos estudos acordan pautas necesarias para mellorar a vida sexual da muller, moitas veces receosa de admitir o problema ou desmotivada para demandar un cambio.
Para dar acabado coa inhibición do desexo sexual hai que procurarse a un mesmo e a unha mesma:
O desexo sexual como experiencia subxectiva permite e é susceptible de ser educado e potenciado, de aí que a súa inhibición poida ser tratada, traballada e superada. Tanto o home como a muller están preparados pola natureza para desexar e buscar o pracer. Facelo de xeito satisfactorio, desde o respecto a un mesmo e ós demais, con honestidade ás propias crenzas e ás alleas é unha facultade do ser humano que vive en liberdade.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI