Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A lectura das etiquetas é fundamental para o consumidor, xa que algúns deles non son tan "light" como tentan parecer
O consumo de produtos light incrementouse nos últimos anos e esta tendencia parece non ter freo, debido á maior preocupación que os consumidores amosamos pola nosa saúde e aparencia física. Segundo datos procedentes da Enquisa Continua de Orzamentos Familiares do 2003, realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), arredor dun 6% das persoas entrevistadas afirmou adquirir estes produtos para manter a liña ou mellorar a saúde, en particular as mulleres.
Un produto light é aquel cunha achega enerxética -a enerxía mídese en calorías e en joules- polo menos un 30% máis baixa cá do seu alimento de referencia, é dicir, o mesmo alimento pero na súa versión natural. A redución enerxética acádase diminuíndo a cantidade ou substituíndo os azucres ou as graxas por outros compoñentes menos calóricos.
En persoas que se atopan en boas condicións de saúde non está xustificado recorrer a este tipo de produtos, se ben se consideran axeitados para quen deba limitar a achega enerxética da súa alimentación ou a cantidade de graxas e/ou azucres por mor dalgún trastorno ou enfermidade.
Comermos light sen produtos light. En xeral, as persoas procuran comer alimentos de similares características ós tradicionais, pero dunha menor achega enerxética. Desde o punto de vista dietético e nutricional resulta adecuado que o consumidor desexe alimentos menos graxentos e con menos azucres, pero cómpre ter en conta que para iso non é indispensable recorrer ós produtos light. Comendo menos de 'certas cousas' e cociñando os alimentos da maneira axeitada, danse reducido as graxas e os azucres sen necesidade de optar polos produtos light, que polo xeral son máis caros e non resultan apetecibles como os alimentos ós que pretenden imitar.Na actualidade, a única referencia que teñen as empresas do sector alimentario para cualificaren os seus produtos como light é o acordo elaborado en 1990 pola Comisión Interministerial para a Ordenación Alimentaria (CIOA). Trátase dunha serie de recomendacións, polo que non existe un marco legal que obrigue polo momento a cumprir cos requisitos propostos, como, por exemplo, que a redución do valor enerxético con respecto ó produto de referencia sexa, polo menos, do 30%. Isto propiciou que non todas as empresas cumpran con este acordo, polo que se atopan no mercado produtos light ou lixeiros (galletas, cacao en po, patacas fritidas, zumes...), cunha achega enerxética practicamente idéntica á do seu equivalente de referencia, e coa diferenza de que o seu prezo é notablemente superior. É labor do consumidor revisar a etiqueta e comprobar, neste caso, se realmente a redución de enerxía do produto o fai adecuado.
Variedades de produtos light
Produtos con menos graxa. Son útiles para diversificar a alimentación de quen ten que controlar a cantidade de graxas da súa dieta, como en caso de hipercolesterolemia, hipertrigliceridemia, certos trastornos hepáticos ou da vesícula biliar, problemas pancreáticos e de exceso de peso. Os de maior emprego son: salsa fina tipo maionesa lixeira, margarina e manteiga light, queixos e xamón cocido baixos en graxa, leite e iogures desnatados, etc.
Produtos con menos azucre ou sen azucre. Son útiles para quen ten que controlar o consumo de azucres, como é o caso das persoas con diabetes, hipertrigliceridemia, sobrepeso ou obesidade. Cómpre salientar que non todos os produtos nos que se inclúe a mensaxe "sen azucre", "sen azucre engadido", "con frutosa", "apto para diabético" son light ou baixos en calorías. Son baixos en calorías se empregan edulcorantes non calóricos, mentres que se incorporan frutosa (azucre presente nas froitas, hortalizas e mel) no canto de sacarosa ou azucre común, poden proporcionar a mesma enerxía ou mesmo algo máis cós alimentos convencionais, en función do resto dos seus compoñentes, polo que non serían axeitados para quen ten exceso de peso.En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI