Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Nunha familia con problemas non hai un culpable: so conflitos débense a deficiencias na interacción entre os seus membros
As relacións humanas xeran as maiores ledicias, pero tamén son fonte de problemas. En toda agrupación humana, ben no traballo, no contorno social ou na familia, a convivencia xera conflito. Isto é natural, pero o que hai que procurar é que os conflitos non se tornen un problema. Se isto acontece no traballo ou noutros ámbitos nos que os vínculos persoais son secundarios, a experiencia non é agradable, pero resulta especialmente dolorosa cando o fallo se orixina na familia. Dela agárdase afecto e con ela compártese o obxectivo principal de medrar e desenvolverse como persoa na vida. Por iso, cando as relacións familiares non funcionan hai que procurar amañar o problema. Non é un labor doado. Para intentalo é fundamental coñecer as súas pautas e mecanismos para así analizar correctamente como xorden os conflitos e cales son as solucións máis axeitadas.
Unha familia é unha unidade que non pode ser reducida á suma das características das partes, senón que é un conxunto de interaccións de personalidades e circunstancias. Cando o seu funcionamento é axeitado promove o desenvolvemento integral dos seus membros e procúralles un estado de saúde favorable. Pola contra, cando unha familia arrastra unha marcha inadecuada convértese nun factor de risco e propicia a aparición de síntomas e enfermidades nos seus membros. Ata agora ese proceso concibíase de xeito lineal: había unha causa ou un causante que provocaba un efecto. Pero este enfoque non é correcto. Cómpre rompermos con ese erro e asumir unha idea determinante: nunha familia con problemas non hai un culpable, senón que os conflitos se deben a deficiencias na interacción familiar.
Cando nas familias se xeran situacións problemáticas provocadas por algún dos seus membros (por problemas co alcohol ou co consumo de drogas, fracaso escolar, depresións...), este non se debe concibir como un problema, senón como o portador das problemáticas familiares. Non se debe dicir: "mira que problema ten ese fillo", senón "esa familia ten un problema". Nese momento, no canto de buscar receitas e consellos, o máis importante é analizar por que a familia non está funcionando. Un bo instrumento de análise é comprobar o grao de cumprimento dos indicadores de saúde familiar. Así pódese atopar a orixe do conflito e a fórmula para traballar para solucionalo.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI