Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

María Teresa Bazo, catedrática de socioloxía: "A xubilación debería volver ser un dereito e non unha obriga"

 María Teresa Bazo, catedrática de socioloxía da Universidade do País Vasco, é autora de investigacións e publicacións que a colocaron á vangarda do coñecemento da socioloxía da vellez. Receptora de diversos premios á súa carreira, asinou o primeiro estudo sobre o maltrato e abuso ás persoas anciás realizado en España. Coordinadora do grupo de traballo "Socioloxía da vellez" na Federación Española de Socioloxía, representa a España na International Network for the Prevention of Elder Abuse (INPEA), organismo avalado pola Organización Mundial da Saúde. As súas últimas investigacións incidiron na necesidade de cambiar conceptos arredor da xubilación e en alertar a sociedade sobre o trato que se lles dá ós vellos.

Mantén que a xubilación pasou de ser un instrumento do Estado do Benestar a unha ferramenta de xestión laboral. En que sentido?

A partir do capitalismo tardío, a xubilación, que foi concibida como un medio para producir o anovamento da forza de traballo ó tempo que permitía que os traballadores se retirasen coa seguridade dunha pensión, converteuse nunha ameaza para quen alcanzaba certa idade. Estas persoas vían achegarse a posibilidade de entrar no grupo de posibles prexubilados, pero coa incerteza de non saberen a que idade lles ía tocar, co que non había xeito de se preparar para ese momento ou de se anticipar a el. A xubilación comezouse a ver como un instrumento útil para reducir o desemprego, para aumentar as taxas de rotación e para acadar unha forza de traballo máis nova, eficiente e menos reivindicativa. E non se tiveron en conta os intereses do traballador.

Dío porque estaba obrigado a aceptala ou polas condicións sociolaborais ás que era conducido?

Por ambas as dúas cousas. Os traballadores víronse atrapados entre a opción de se xubilar, aceptando unha pensión que lles proporcionaba recursos moi limitados para a supervivencia, ou a de se enfrontar a un mercado laboral, de non aceptar a prexubilación, no que as oportunidades de atopar emprego diminuían para eles. Esta dicotomía agudízase coa presión de gobernos e sindicatos para que os traballadores máis vellos se retiren e lles cedan o seu posto ós máis novos. Todo isto xera unha discriminación por idade no mercado laboral, pois aínda que non se recoñeza así, os traballadores de máis idade e con máis dereitos son tamén os que máis custan, e as empresas tenden a reducir custos desfacéndose deles. Antes de inventar a xubilación e de institucionalizala, as persoas retirábanse do mundo laboral cando coidaban que tocaba ou cando as circunstancias, case sempre físicas, os obrigaban, dado que, sobre todo nas sociedades preindustriais e na primeira sociedade industrial, os máis vellos eran percibidos como funcionais. E aínda que non fosen recoñecidos tan útiles coma os mozos, non se pensaba en retiralos forzosamente. Hoxe en día, se a xubilación é chamada dereito, debería ser voluntaria, ou polo menos debería flexibilizarse a idade na que unha persoa deixa de traballar. Igual de inxusto resulta obrigar a alguén a permanecer nun posto de traballo a partir de determinada idade como impedirlle desenvolver unha actividade a alguén capacitado.

Hai voces que anuncian a posibilidade de que non abonden os cartos para que os que hoxe traballan e pagan as pensións poidan recibir o que lles corresponda nos seus anos de retiro. Que hai de fundamento neste temor?

O sistema de pensións segue sendo viable, funciona e o Estado debe seguir a ser o seu principal garante. É un feito que en ningún momento histórico houbo tanta riqueza como a que existe actualmente. Estoume referindo, por suposto, a Europa. Polo tanto, resulta un paradoxo cuestionarnos se os artífices desa riqueza non van poder gozar dunha compensación que eles mesmos están xerando. Houbo anos nos que, a causa do baixo índice de natalidade, se temeu que a pirámide de poboación quedase seriamente afectada e que a poboación activa fose inferior en número á poboación de pensionistas. Pero todo parece indicar que a inmigración está paliando este risco, e que nun futuro inmediato o feito de que a man de obra non sexa excesiva pode ata levar a un aumento de salarios e a un incremento das cotizacións á Seguridade Social. O celme da cuestión é, unha vez máis, dar distribuído esa riqueza de xeito que alcance a todos.

Daquela, esas recomendacións que se suceden sobre a conveniencia de facerse cun plan de pensións que garanta un retiro digno, son atinadas?

Non están de máis, ser prevido non fai mal. Ademais, o sistema de pensións non é xusto nin pretende selo, e tampouco pode. Tenta alcanzar o maior número de persoas, pero, sobre todo, non pode esquecer as menos favorecidas, polo que quen máis achega non recibe despois na mesma proporción. A pensión máxima pode non ser correlativa ó que se tributou, pero é solidaria para poder atender a todos. Por iso nunca sobra procurar outras fontes financeiras particulares.

Que ingresos debería ter unha persoa xubilada para vivir dignamente?

Garantida a vivenda, a alimentación e a saúde, dependerá do nivel de vida que cada persoa estea afeita a levar. O que ten que procurar a xubilación é que, se se produce un cambio, non sexa a peor, e que permita manter as condicións en que a persoa vivía cando traballaba. No aspecto psicolóxico, como ante calquera cambio do ciclo vital, é preciso un proceso de adaptación. Hai que procurar non caer nunha vellez anticipada, aínda que a xubilación o fora. É fundamental manter a actividade mental e física, e percibir que a xubilación implica tomar decisións e realizar eleccións.

Deixando a un lado os condicionantes económicos, que respostas debe atopar na sociedade?

Na madurez, as persoas senten que son as mesmas ca antes, non tenden a autodefinirse coma vellas e non o son, pois falar con propiedade da vellez é facelo de falta de autonomía e non de ter moitos anos. Así que, ó se xubilaren, as persoas continúan realizando boa parte das actividades que realizaban antes, non sendo as laborais. Liberarse destas obrigas permítelles reestruturar o seu tempo e dedicalo ó lecer e ó voluntariado, á familia e ós amigos. Por iso, a sociedade debe estar á súa altura e ten que lles proporcionar posibilidades para desenvolver actividades atractivas, incluíndo recursos materiais e non-materiais. Esta relación retroalimentarase, pois a idea de sentirse útiles e necesarios para os demais fai que moitas persoas xubiladas lle realicen importantes contribucións, tanto materiais coma afectivas, á familia e á sociedade, o que, sen dúbida ningunha, contribúe ó benestar de todos.

Que acontece coa muller que é ama de casa e nunca se xubila?

Aínda que siga desenvolvendo labores domésticos, xa non ten que cumprir co protocolo paralelo ó da súa parella en horarios, nin compartir as preocupacións laborais, así que en certa maneira tamén se xubila. De feito, a esa idade son moitas as mulleres que comezan a desenvolver actividades fóra da casa. Unha situación que si me gustaría salientar é o cambio profundo que produce a viuvez cando un é aínda moi novo, pois é un acontecemento traumático que inflúe notablemente no benestar e na saúde. Superado o tempo de dó, deberían experimentar nesa etapa das súas vidas un sentimento de autorrealización. Pertencen a unha xeración de mulleres que tiveron moi escasas oportunidades para formarse, aprender e exercer a liberdade persoal. As actividades culturais e formativas supóñenlles a apertura a mundos descoñecidos, e auméntanlles a seguridade para participar na conversa das persoas máis novas e mellor formadas.

Por que se centra tanto as actividades en accións altruístas?

A idea de realizar unha actividade na xubilación adoita unirse á noción de lecer, no sentido de actividade privada de obrigas. Pero a falta de obriga non significa carencia de sentido da responsabilidade e do compromiso. Nalgúns casos, as actividades que realizan ata se chegan a considerar como un servizo público, pois axudan a outras persoas e á propia sociedade. Isto lévanos unha vez máis a reflexionar sobre a importancia de dotar de infraestruturas e de atención á poboación máis vella, máis alá de consideracións sanitarias.

É vostede autora do único estudo que se realizou en España sobre o maltrato, abuso ou neglixencia coas persoas anciás. Lelo pon medo: en termos xerais, no 68% das situacións observouse neglixencia no coidado físico; no 46% dos casos, no coidado afectivo, e no 10%, maltrato físico. O maltrato psicolóxico-emocional rexistrouse no 32% das situacións, o material no 17% e o sexual no 1%. Vai acontecer como coa violencia sobre a muller, que cando se comece a denunciar as cifras van ser escandalosas?

Custa aceptalo, pero os datos revelan que o 5% dos vellos son obxecto de maltrato por parte dos seus familiares. Se traducimos esa porcentaxe a termos absolutos, a cifra é moi alta, e, mesmo así, polo de agora, nin os axentes políticos nin os sociais tomaron consciencia destas situacións de violencia, e ata carecemos dunha regulación que protexa os dereitos das persoas anciás vulnerables. Cómpre elaborar instrumentos que lles permitan ós profesionais sanitarios e sociais detectar posibles casos e contribuír a deseñar políticas sociais que lle fagan fronte a esta situación. Unha alta porcentaxe dos maltratadores mantén unha relación de dependencia económica coa vítima, á que espolian pensións, patrimonio e outros bens.

Pode acontecer que o ancián estea mal coidado por descoñecemento, e non por desidia nin desinterese?

Insístese, precisamente por iso, na necesidade de dotar a sociedade de ferramentas. Os vellos, cando chega o momento en que precisan ser asistidos na súa vida cotiá, prefiren polo xeral permanecer nas súas casas, baixo o coidado dun ser querido. E aínda que non quixeramos, esa é xeralmente a única alternativa, pois existen só 2,7 prazas en residencias públicas e privadas por cada cen persoas maiores de 65 anos. Por iso, as institucións están dobremente obrigadas a proporcionarlle recursos a quen se fai cargo dos anciáns dependentes. Ofrecer servizos de cátering, asistencia domiciliaria, centros comunitarios de lecer, axudas para cambiar de residencia ou adaptar a propia, cursos sobre técnicas sanitarias... Son moitas as necesidades e están formuladas! Agora só falta que se queiran levar a cabo!


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto