Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Oito caixas de bombóns de chocolates variados, analizadas: Por graxos e calóricos convén moderar o seu consumo

Cen gramos de bombóns proporcionan entre 510 e 580 calorías e boa parte da súa graxa é saturada

 Os bombóns, cubertos de chocolate amargo ou con leite, recheos de praliné, de licor ou de café, son para moita xente, polo pracer inmediato que proporciona o seu consumo, unha tentación á que resulta difícil resistirse. De todos os xeitos, en España o consumo de chocolate e doutros derivados do cacao (3,7 quilos por persoa e ano) é menor ca noutros países europeos: Suíza, Noruega, Austria, Bélxica e Reino Unido superan os 8 quilos por persoa e ano. Segundo a norma vixente, un bombón de chocolate é un produto do tamaño dun bocado, constituído por chocolate recheo ou por unha mestura de chocolate, chocolate con leite, chocolate familiar con leite, chocolate branco e outras materias comestibles, sempre que o chocolate represente, polo menos, o 25% do peso total do produto.

CONSUMER EROSKI levou ó laboratorio e posteriormente someteu a unha cata oito mostras de bombóns variados en caixas de cartón, cun peso neto desde 200 ata 370 gramos e cun prezo ben distinto: saían desde 20 euros o quilo (Valor) ata case 34 euros o quilo (Uña).

Na elaboración dunha caixa variada de bombóns empréganse como ingredientes azucre, cacao, manteiga de cacao, outras graxas vexetais, chocolate con leite, chocolate branco, chocolate negro, trufa, praliné, café, froitos secos, licores e aromas, entre outros. Obviamente, a composición nutricional varía, non xa dunhas marcas a outras, senón duns bombóns a outros da mesma caixa. Esta análise estudou en cada mostra a caixa enteira, xuntando todas as unidades de bombóns de cada caixa por moi diferentes que fosen. Xa que logo, os comentarios sobre a composición nutricional de cada mostra refírense á do contido total de cada caixa de bombóns.

Aínda que para a maioría dos consumidores se trate dun produto de consumo ocasional e vinculado a celebracións ou días especiais, os bombóns son un alimento e como tal cómpre analizalos e telos en conta: sexa cal sexa a súa variedade, reúnen unhas características nutricionais que, definitivamente, os arredan dunha dieta equilibrada e saudable. Por mor do seu gran contido en hidratos de carbono (entre o 49% e o 64%, segundo as mostras) e graxas (26%-38%), son moi enerxéticos: cen gramos destes bombóns proporcionan entre 510 e 580 calorías. E unha boa parte da súa graxa é saturada, a menos saudable; ademais, resultan indixestos para os estómagos delicados. O seu consumo esporádico (aínda que conveña que sempre sexa moderado) non lle presenta problemas á maioría das persoas; agora ben, cómpre que se absteña de consumir bombóns quen sufra de obesidade, hipertrigliceridemia, diabete, trastornos dixestivos ou pedras na vesícula biliar.

O estado hixiénico-sanitario foi correcto nas oito caixas e en ningunha se detectaron ingredientes modificados xeneticamente. Tamén a etiquetaxe foi correcta en todos os casos.

  Aínda que un dos parámetros de calidade do chocolate é a súa cantidade de cacao (materia prima de elevado custo), non se cuantificou o seu contido en cada mostra, pois, ó se tratar de produtos variados, non se podería dicir que a maior cantidade de cacao mellor é a calidade do chocolate empregado, porque se unha caixa ten máis bombóns con chocolate branco (carecen de cacao, só teñen manteiga de cacao), ou máis recheo de froitos secos, con licor ou galleta, a masa total tería menor proporción de cacao, o que non equivale a que os seus bombóns sexan de menor calidade, senón que a súa caixa, amais de chocolate, utiliza outros ingredientes (tamén de calidade e mesmo máis caros có chocolate) que fan máis variada e, en ocasións, máis atraente, a caixa.

Dos resultados da cata xurdiron tres grupos: o mellor cualificado foi o composto por Guylian, Trapa e Lindt; non tanto coma os do primeiro grupo, pero tamén citados como preferidos, foron Nestlé e Lacasa; e o terceiro grupo fórmano as mostras restantes, que obtiveron valoracións inferiores. A mellor relación calidade-prezo é Trapa, cun prezo intermedio e cun perfil de graxas algo máis saudable ca Lindt, a segunda opción máis interesante.

Etiquetaxe e envase

Á hora de estudarmos e cualificarmos a etiquetaxe destas oito caixas variadas de bombóns, tivéronse en conta a normativa aplicable a este produto ("produtos de cacao e chocolate destinados á alimentación humana") e mais a norma xeral de etiquetaxe. Velaquí a información obrigatoria da etiqueta: marca rexistrada, denominación de venda, identificación da empresa (nome e enderezo), lista de ingredientes, peso neto, lote, data de consumo preferente, modo de conservación ("Nun lugar fresco e seco") e campo visual, todo escrito en castelán. Todas as etiquetas se axustaban ó establecido por ambas as dúas normativas. Agora ben, agradécese tamén que se indique o número de bombóns que contén cada caixa, información que unicamente ofrecen Uña (38 bombóns), Lindt (34 bombóns) e Lacasa (20 bombóns).

Como se elaboran os bombóns de chocolate

O chocolate dos bombóns obtense a partir de pasta de cacao, azucre, manteiga de cacao, graxas vexetais e, segundo sexa a variedade, outros ingredientes como leite en po e sólidos lácteos. Na súa fabricación, a primeira operación é mesturar os principais ingredientes (pasta de cacao, azucre, manteiga de cacao e outros) en máquinas amasadoras. Deseguido refínase a mestura, é dicir, móese finamente para obter partículas tan diminutas que non se aprecian cando se degusta o bombón. A seguinte fase é o cunchado ou axitación durante varias horas, que fai que a mestura queza por fricción, evaporándose a auga e os ácidos volátiles. Tras o cunchado vén amornar ou arrefriar o chocolate, que alcanzou os 70 ºC-80ºC na fase anterior; para rematar, moldéase o produto dándolle a forma e tamaño desexados e incorporando os últimos ingredientes: froitos secos enteiros, cacao en po, etc.

Graxa e bombóns de chocolate

O elevado contido en graxa provén da manteiga de cacao e, en menor proporción, do leite. O leite representa só entre o 1% e o 5% destes bombóns tomados no seu conxunto. Na manteiga de cacao predominan os ácidos graxos saturados de cadea longa, entre os que se atopa o ácido esteárico que, a diferenza do resto de graxas saturadas, non aumenta os niveis de colesterol no sangue do consumidor. A manteiga de cacao presenta outros ácidos graxos, como o palmítico (saturado, pouco saudable), o oleico (monoinsaturado) e o linoleico (poliinsaturado e esencial).

A media de graxa total representou o 34% do produto e foi desde o 26% dos bombóns Cadbury ata o 38% de Guylian e Valor. Dentro desta graxa predominan os ácidos graxos saturados, cun 52% de media, sobre os insaturados, cun 48% de media. Os ácidos graxos saturados, como é ben sabido, son os menos saudables. Só nos bombóns Trapa son maioritarios, cun 61%, os ácidos graxos insaturados. Agora ben, como o verdadeiramente relevante é o efecto destas graxas saturadas na saúde do consumidor, esta análise separou o esteárico (graxa saturada, pero carente dos efectos pouco saudables do resto das graxas saturadas) dos que resultan nocivos cando se inxiren en exceso.

Trapa e Lacasa son dúas das mostras con mellor perfil lipídico, pois teñen unha pequena proporción de graxas saturadas non saudables: só o 21% e o 26% da súa graxa total, respectivamente, é saturada, mentres que Lindt e Guylian conteñen as maiores proporcións de graxa saturada (32% e 28%, respectivamente). É ó ter en conta os valores de graxa total de cada produto cando os bombóns de Trapa e Lacasa demostran ser os máis saudables no tocante a graxas: de cada cen gramos destes bombóns, non chegan a 8 os gramos destas graxas pouco saudables, mentres que en Lindt e Guylian están arredor dos 11 gramos.

Desde unha perspectiva nutricional, o que cómpre subliñar non é tanto o perfil da graxa, senón que os bombóns son moi enerxéticos por mor do seu alto contido de azucres e graxas: de media, proporcionan 550 calorías cada cen gramos, as mesmas cás abelás e outros froitos secos, moito máis saudables cós bombóns. As oito mostras superaron as 500 calorías, e os valores foron desde as 508 calorías en Cadbury ata as 581 calorías cada cen gramos en Guylian.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto