Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Grafoloxía: O que desvela a nosa escrita

Aínda que a grafoloxía está cuestionada como ciencia, si que está admitido o seu valor para analizar trazos da personalidade

A grafoloxía é unha técnica que, valéndose da análise da escrita, permite coñecer a personalidade dun individuo. Algunhas correntes confírenlle estatus de ciencia, outras rexeitan por completo esta catalogación. Sen entrarmos na polémica, si existe acordo en que posúe pautas científicas que rexen a análise dun especialista e que lle permiten definir trazos xerais do carácter e aspectos da conduta. A súa aplicación está tradicionalmente ligada á psicoloxía, pero tamén se axudan dela os departamentos de Recursos Humanos das empresas, que analizan a escrita e mais a sinatura para engadirlle datos ó perfil dun traballador, a rama neurolóxica da Medicina -a análise de manuscritos dun paciente serve de axuda na detección, grao e desenvolvemento dalgunhas patoloxías- e, por suposto, os forenses, tanto clínicos coma policiais, porque a letra, como as pegadas dactilares, é única e inimitable.

Unha ferramenta auxiliar

A fiabilidade do estudo grafolóxico depende de que se dea illado da adiviñación coa que se mestura en demasiadas ocasións, e de que se ofrezan conclusións que, efectivamente, axuden a coñecer o autor da letra. O labor é arduo, pois a materia coa que se traballa, a escritura, é moi atraente para que os lingoreteiros a fagan obxecto das súas adiviñacións. Calquera manual que aluda á grafoloxía concordará con que a escrita redonda corresponde con persoas tranquilas e pasivas, ou con que unha sinatura lexible é a dun suxeito responsable pero soberbio. Estes trazos responden ós arquetipos que, desde Platón, filósofos e estudosos do ser humano veñen utilizando para clasificar personalidades, así como ós temperamentos definidos por Hipócrates.

  Así e todo, son moitos os trazos que cómpre estudar, e moitas as variantes que teñen que levar a concluír que a grafoloxía resulta oportuna e útil. E é que as conclusións grafolóxicas non se limitan a enumerar variantes de tipos de letras, senón que se axudan da súa análise para perfilar caracteres e poder describir unha persoa. Por iso, os especialistas serios en grafoloxía parten dunha rama científica e adoitan ser neurólogos, psicólogos, filósofos ou psiquiatras que fan dela unha ferramenta auxiliar coa que atender a un paciente. De feito, as asociacións nacionais e internacionais de grafoanalistas dotáronse dun código deontolóxico que, entre outras regras, recolle a de "absterse de impartir ensinanzas de prácticas mánticas (adiviñatorias), para evitar a confusión producida pola unión do científico co opinable e o conseguinte descrédito e falta de seriedade que tal proceder lle ocasiona á profesión de grafólogo e á ciencia á que este serve".

En que se basea a súa oportunidade e a súa utilidade?

A grafoloxía estuda a escrita manuscrita. É esencial que as letras saian do acto de escribir con bolígrafo ou pluma e non con lapis, pois este disimula os trazos ó entorpecer o movemento do que resultan. A grafoloxía tamén pode analizar debuxos a modo de símbolo. Un exemplo é o Test da Árbore desenvolvido polo neurólogo Koch nos anos vinte, convertido hoxe en día nun recurso habitual da psicopedagoxía, sobre todo nas escolas primarias.

Pero son dúas as áreas nas que a grafoloxía resulta especialmente útil: a peritaxe e a psicanálise na súa concepción máis ampla. Maxistrados, bancos e policías sérvense da evidencia de que cada escritura é diferente. Deste xeito, se teñen que se asegurar do autor dunha sinatura ou atopar pegadas en manuscritos, válense da análise gráfica de documentos e da comparación de rúbricas realizadas por peritos, que chegan a ofrecer probas concluíntes. Menos obxectiva, pero tamén moi valiosa, é a analítica da grafía, que axuda a definir a psique dunha persoa, tanto para descubrir patoloxías como causas de comportamentos, etc.

Como se le nas letras?

  Foron sobre todo filósofos alemáns e doutores franceses os que máis se preocuparon en investigar a grafoloxía, creando teorías e probando hipóteses, para superar impresións subxectivas e ofrecer leis obxectivas. Así, concluíuse que para poder definir os trazos dun suxeito desde a súa escrita, unha análise grafolóxica debe ter en conta a persoa que escribe e a situación na que o fai.

A persoa posúe un temperamento, un carácter, uns xenes, un sistema nervioso, un xénero e idade que determinan en si unha maneira de ser.
A situación na que se escribe, como factores ambientais, sociais, escolares, familiares, culturais e mesmo estados transitorios, determinarán o resultado da escrita.

Nun estudo polo miúdo analízase a orde do escrito, a distancia entre liñas ou a proximidade ás marxes, entre outros aspectos, para coñecer a estrutura mental dun suxeito. Tamén se estuda o tamaño da letra, que garda relación co nivel de autoestima e co grao de expansión do suxeito; a inclinación das letras, para saber en que medida a persoa se relaciona cos demais; a dirección das liñas, para atopar a estabilidade emocional; a presión con que se imprime a grafía, para avaliar o nivel enerxético dunha persoa; a rapidez da escritura, que desvela as reaccións dun individuo ante distintas situacións que lle xorden; a continuidade, é dicir, o grao de unión ou separación das letras e das palabras, o que permite coñecer o nivel de constancia e regularidade dun individuo na súa actividade, vida afectiva e pensamentos; e, para rematar, a forma ou estrutura xeral da escrita, que dá conta do comportamento cultural, ético e moral.

Que conta a nosa sinatura?

Se analizar a escrita se toma en ocasións como un xogo, a sinatura serve máis, se cabe, de comodín para elucubracións e infundadas análises pseudopsicolóxicas. Os estudos serios da sinatura utilízanse, as máis das veces, para realizar peritaxes a entidades financeiras de tarxetas de crédito ou para verificar documentos de carácter legal, co exclusivo obxectivo de certificar a autoría lexítima dunha rúbrica. Deducir dela trazos conclusivos dunha psique é demasiado superficial, aínda que serve como un elemento máis ó efectuar unha grafoanálise seria.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto