Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Novas tecnoloxías para gravar televisión: A hora de xubilar o VHS

A revolución dixital dos gravadores de televisión non acaba de chegar ó salón, malia as súas vantaxes con respecto ó VHS e os seus prezos, cada vez máis baratos

O DVD converteuse nunha realidade cotiá no eido do lecer doméstico. Son moitos os fogares cun reprodutor de DVD para ver películas, documentais e series mercadas ou alugadas. Así e todo, non son tantos os que empregan este formato para gravar a programación. Resulta habitual que o aparello de televisión teña conectados á vez o reprodutor de DVD e mais o gravador de cintas VHS. A situación parece algo estraña se se considera que hai no mercado unha ampla gama de gravadores dixitais de televisión que presentan unha serie de vantaxes impensables na era da cinta de vídeo e que ademais melloran con diferenza a calidade do VHS. Estes novos aparellos, que permiten gravar tanto en formato DVD coma nun disco duro de gran memoria coñecido como HDD, tamén serven para ler discos DVD.

Un paso de xigante

Non só se trata de que tanto a imaxe coma o son sexan mellores, senón de que os novos gravadores son máis cómodos de manexar e programar. A súa tecnoloxía permite avanzar e retroceder na gravación a gran velocidade, eliminando os ruidosos rebobinados da cinta VHS. Tampouco hai que agardar a que remate a gravación dun programa para ver o xa gravado. Os novos gravadores tamén están preparados para gravaren varios programas en distintas canles e en diferentes idiomas, para logo escoller o desexado. Ata permiten editar as gravacións eliminando os molestos anuncios. Todo iso sen considerar o manexable e doado que resulta gardar nos estantes un disco DVD con respecto á aparatosa cinta de vídeo; ou a capacidade de almacenar gravacións que ten un HDD no seu disco duro, que pode chegar a acumular nalgúns casos máis de 700 horas de vídeo.

 

Os gravadores HDD posúen unhas vantaxes superiores ás do gravador DVD. Mentres que o gravado nun disco DVD non se pode manipular unha vez que a gravación rematou, o HDD permite editar os programas como se queira, eliminando as partes sobrantes. Tamén se pode actualizar vía Internet a programación, aínda que as cadeas que emiten en formato dixital (como algunhas empresas de cable, satélite ou a incipiente televisión terrestre dixital) xa inclúen, xunto á emisión, a grella para facilitar a programación destes equipos.
Outra característica interesante dos HDD é que, grazas á información dixital que as cadeas ofrecen en Internet, poden axustar a gravación do programa desexado, previndo atrasos ou cambios na hora da súa emisión. E mesmo se poden programar para que cada semana graven o mesmo programa ou capítulo da serie favorita.

Prezos ó alcance

Así e todo, os gravadores DVD e HDD están lonxe de se consolidaren como obxecto de consumo masivo. Á hora de buscarmos culpables, se cadra poderíase pensar que o seu prezo é un dos maiores. En realidade, produciuse nos dous últimos anos un abaratamento importante destas tecnoloxías e xa se poden atopar gravadores DVD de sala (non confundir cos gravadores instalados dentro do ordenador) por baixo dos 200 euros. Nos gravadores HDD os prezos oscilan entre os 300 euros e os 500 euros. Nalgúns aparellos, que posúen un disco duro cunha memoria superior á da maioría dos ordenadores, o prezo alcanza os 700 euros.
Xa que logo, a primeira decisión que o consumidor debe tomar é que tecnoloxía lle convence máis e canto está disposto a pagar por ela. En principio, parece claro que un gravador HDD é máis apetecible ca un que só grave DVD, pero a diferenza de prezos entre ambos os dous sistemas é notoria. Convén non esquecer que a maioría dos gravadores HDD teñen tamén a posibilidade de gravar e ler discos DVD para conservar os rexistros en formato físico.

A calidade non sempre casa co espazo

A cantidade de horas que entra nun disco DVD varía segundo a calidade de imaxe que queiramos obter: cantas máis horas gravemos nun DVD, máis minguará a súa calidade. Un DVD programado para gravar unha hora de televisión amosa unha calidade óptima; se se dobra o tempo de gravación, aínda se manteñen altos os niveis de imaxe e son. Pero se se almacenan nun só disco catro horas ou máis de televisión, a calidade do gravado ata pode ser peor cá do VHS.
De optar por adquirir un gravador exclusivamente DVD, cumprirá decidirse por formar unha ampla colección de discos de curta duración con gravacións de boa calidade, ou ben concentrar as gravacións nuns poucos discos de maior duración e baixos niveis de audio e vídeo. Hai que ter en conta que o prezo dun disco DVD oscila entre os 50 céntimos e os sete euros, e que a súa fiabilidade varía unha chea en función do seu prezo. Recentemente apareceron no mercado os gravadores DVD de dobre capa. Trátase dunha tecnoloxía que dobra o tempo de gravación respectando a calidade. O inconveniente que presenta esta tecnoloxía é o prezo, pois adoita ir combinada con HDD, e os seus prezos oscilan entre os 500 euros e os 900 euros.

Como elixirmos un gravador

  • É importante informarse polo miúdo sobre as características dun aparello antes de o adquirir, pois hai unha morea de modelos e prezos. Internet pode ser un bo medio para comparar.
  • A función time-shifting é importante, xa que permite tanto programar gravacións como prever cambios na programación e facer pausa na emisión. Algúns aparellos non posúen esta función.
  • Asegurarse de que o gravador acepta MP3 e outros formatos de audio (Ogg, WMA...) non está de máis. Así amplía a súa funcionalidade á dun reprodutor de audio. A maioría dos aparellos len este formato.
  • Se se ten unha cámara de vídeo ou de fotografía dixital, é importante escoller un aparello que posúa unha conexión Fire Wire para poder pasar as as películas e as fotografías para editalas.
  • Algúns gravadores teñen incorporado un lector de cintas de vídeo (VCR). Poden ser moi útiles e cómodos para reciclar sen problemas a videoteca.
  • No caso de que se desexe descargar ou enviar vídeos por Internet, hai que se asegurar de que o gravador HDD acepta os formatos VidX e XviD, xa que son os máis utilizados neste medio.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto