Saltar o menú de navegación e ir ao contido
As gargalladas provocan efectos positivos, tanto físicos coma psicolóxicos, e son un hábito saudable que convén pór en práctica a cotío
Umberto Eco urdiu toda unha trama policial entre os muros dunha abadía na Alta Idade Media para expor o poder da risa. En O nome da rosa sucédense ata crimes para agarcharlle ó pobo a defensa que supostamente fixera Aristóteles sobre a bondade das gargalladas. Isto é, por suposto, ficción, pero non está exenta de realidade, xa que houbo tempos e lugares -aínda os hai- nos que o sensato e maduro era permanecer serio, calado, taciturno. A risa e un bo humor frecuente asociábanse a frivolidade e inmadurez. Afortunadamente, as investigacións, como aquela que imaxinou o escritor e semiólogo italiano, avalaron algo que a sabedoría popular intuía e que hoxe a ciencia demostra: rir é saudable.
A risa está localizada na zona prefrontal da codia cerebral, a parte máis evolucionada do cerebro. Nesta zona, segundo os expertos, reside a creatividade, a capacidade para pensar no futuro e a moral. Así e todo, así que imos cumprindo anos e se nos supón máis sabidos, perdemos a espontaneidade de nos deixar levar pola risa, de buscar a gargallada ou de atoparlles a parte cómica ás situacións. Por iso, hai veces que convén aprender a rir, ou a lembrar como se ría.
Sigmund Freud atribuíulles ás gargalladas o poder de liberar o organismo de enerxía negativa. Esta capacidade foi cientificamente demostrada cando se descubriu que o córtex cerebral libera impulsos eléctricos negativos un segundo despois de comezar a rir. En lóxica relación con esta evidencia, nos últimos lustros afianzouse a risa como terapia.
Cando rimos, o cerebro emite unha información necesaria para activar a segregación de endorfinas, especificamente as encefalinas. Estas substancias, que posúen unhas propiedades semellantes ás da morfina, teñen a capacidade de aliviar a dor e mesmo de enviar mensaxes desde o cerebro ata os linfocitos e outras células para combater os virus e as bacterias. As endorfinas desenvolven tamén outras funcións, entre as que salienta o seu papel esencial no equilibrio entre o ton vital e a depresión. Delas depende algo tan sinxelo como estar ben ou estar mal. Como se pode comprobar, aprender a rir é algo máis importante do que semella a simple vista.
Unha das liñas de traballo nalgúns centros de psicoterapia é a risoterapia, que consiste en estimular a produción de distintas hormonas que xera o propio organismo con exercicios e xogos de grupo. O seu cometido é o de potenciar o sistema inmunitario en xeral e facilitar a superación de diferentes bloqueos. Empréganse técnicas que axudan a liberar as tensións do corpo e así poder chegar á gargallada, como a expresión corporal, o xogo, a danza e exercicios de respiración ou masaxes. Trátase de dar rido dun xeito natural e san, de que as gargalladas saian do visceral e irracional, coma nos cativos. No fondo, ó que se aprende é a orientar a percepción das situacións para que cando nos vexamos nela riamos, con nós mesmos e cos demais.
Nalgúns casos contados cumprirá acudir a centros nos que se practique a risa e o bo humor como método terapéutico, pero o habitual será autoadministrar a risa buscando ocasións para facelo:
Rir é unha función biolóxica necesaria para manter o benestar físico e mental. É un xeito excelente de relaxarse, de abrir a nosa capacidade de sentir e de amar.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI