Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Cólicos infantís: Un choro molesto pero inocuo

Descoñécese con exactitude a causa dun episodio que afecta ó 15-20% dos lactantes

Un lactante de poucos meses é un ser indefenso e cun serio problema: o de non poder comunicarse, o de non poder expresar se algo lle doe nin onde lle doe. A súa única manifestación nestes casos é o pranto. Pero un neno non sempre chora porque lle doe algo, pode facelo durante horas sen que pareza existir unha razón, e isto preocupa a pais e nais e chega a exasperalos, sobre todo se esta situación se repite un día si e outro tamén. A impotencia e ansiedade que o choro constante do neno provoca leva a que a miúdo os nenos sexan sometidos a tratamentos inxustificados.

Que son os cólicos do lactante?

Un lactante pode chorar durante horas e varios días seguidos. Estes episodios de choro infantil denomináronse, con mellor ou peor fortuna, cólicos infantís ou cólicos do lactante, un fenómeno que afecta ó 15-20% dos nenos nos 3-4 primeiros meses de vida. Con posterioridade establecéronse uns criterios para definir o cólico infantil como episodios paroxísticos de pranto e irritabilidade, que duran máis de tres horas ó día, se presentan durante tres días ou máis á semana e apareceron polo menos durante tres semanas.

  Os expertos exclúen deste termo os episodios que se presentan en lactantes con algunha enfermidade que puidese explicar a dor, o choro e a irritabilidade. O campo redúcese, polo tanto, a episodios en lactantes sans. Pódense presentar episodios de choro en lactantes con patoloxías do sistema nervioso, dor de oídos por diversas causas, infeccións, estrinximento, intolerancia ás proteínas do leite, refluxo gastroesofáxico, intolerancia á lactosa, fisura rectal, rabuñadas, abrasións... Pero os casos cun motivo que sustenta e xustifica o choro representan só o 5% do total. No 95% restante non hai nada que explique as longas choreiras, o que os converte en cólicos infantís auténticos. Comezan ás dúas semanas de idade e o normal é que se resolvan de xeito espontáneo ós catro meses de vida.

O desenvolvemento dos nenos que sofren estes cólicos é igual có dos demais, non se observaron diferenzas. Ó primeiro, pensouse que a orixe destes episodios estaba no tracto gastrointestinal, porque durante o episodio o abdome disténdese, ergue as pernas sobre o abdome e ás veces hai eliminación de feces ou gases por recto. Falábase de espasmos, de aires retidos, de distensión intestinal..., pero nunca se puideron contrastar alteracións destas ou doutras características.

Síntomas

Os síntomas do cólico infantil son claros e pódense dividir en dous grupos:

  1. Principais:
    • Pranto paroxístico vespertino que dura 2-3 horas.
    • Está inquedo, molesto, irritable, axitado, coa cara un chisco vermella.
    • As pernas flexionadas sobre o abdome.
  2. Secundarios:
    • Meteorismo, gases abdominais, estrinximento, parece esfameado pero non acouga coa comida.

    O episodio acaba como comezou, o bebé reláxase e tranquilízase case de súpeto.

Diagnóstico

Realizáronse todo tipo de investigacións, desde estudos gastrointestinais ata exames da conduta, e nunca se deron establecido alteracións de ningún tipo. Algúns admiten a teoría de que os cólicos infantís se poderían deber a unha hipertonía do esfínter anal, unha falta de coordinación entre a relaxación do piso pelviano -o puxo-, a forza para defecar e a relaxación do esfínter anal. A causa de non poder defecar con normalidade, as contas contráctiles do intestino atópanse con que ó final o esfínter está pechado, o que podería orixinar a dor, pero non hai nada demostrado. O diagnóstico é, polo tanto, un diagnóstico de exclusión, é dicir, ante un lactante con episodios de choro pero san, no que o pediatra non observa alteración ningunha, establécese o diagnóstico de cólico infantil.

A calma, o mellor tratamento

Unha vez establecido o diagnóstico, a pregunta que se fan tódolos pais é: "como se poden tratar os cólicos?".

  O primeiro que cómpre ter en conta é que o cólico do lactante non é unha enfermidade, que o neno é san e que o cadro se resolve espontaneamente. Durante os episodios hai que evitar, sobre todo, pórse nervioso. E hai que entender que máis ca un tratamento, o que hai que saber é como 'manexar' a situación. Para iso, o mellor é paciencia e mais calma, pois non hai unha medida eficaz para solucionar o problema. As investigacións analíticas dos estudos publicados evidenciaron que ningunha das terapias empíricas utilizadas, que van desde o uso dalgúns fármacos ata os cambios dietéticos, pasando por masaxes, deron resultado. Comprobouse que o emprego de medicamentos antiespasmódicos, algo frecuente, non só é ineficaz, senón que pode ser perigoso por alterara a motilidade intestinal, que pode chegar mesmo a unha parálise (ileo). Tamén se empregou a diciclomina, con respostas aceptables, pero a posibilidade de reaccións adversas graves motivou que se retirara da venda en moitos países.

Os cambios dietéticos ou os alimentos hipoalérxicos tampouco resultaron efectivos, como tampouco o foron as masaxes. Hai que admitir, polo tanto, que tódolos lactantes normais e sans choran, e choran máis nos tres primeiros meses de vida, que os episodios de pranto varían duns individuos a outros e que estes episodios desaparecen espontaneamente ós 4-5 meses.

Espasmos de pranto

Preséntanse a partir do segundo ano de vida e poden aparecer nalgúns casos ata os 5 anos. Estes episodios caracterízanse porque durante unha perrencha a respiración detense. O 5% dos nenos presentou algunha vez algún episodio deste tipo co conseguinte susto para os familiares e para quen o presencia. Hai dous tipos de espasmos, aqueles nos que o neno presenta cor azul ou morada na cara ata que a respiración se restablece e de inmediato ten pranto intenso, e outros nos que amosa unha intensa palidez, chega a esvaecer e despois chora con intensidade.

En ambos os dous casos a falta de respiración é moi breve, non se produce falta de osíxeno que poida danar o cerebro, nin ten nada que ver coa epilepsia nin con outros trastornos. A pesar do aparatosos que son, os episodios son benignos. Non se sabe a causa, o que si parece é que hai unha transmisión xenética porque case sempre hai antecedentes de que outro membro da familia presentou os mesmos episodios. Non hai tratamento e o único que hai que facer é manter a calma.


Relacións deste contido

Descargar esta información en PDF

PDF: Fai clic aquí para Descargar esta información en PDF (86 Kb)

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto