Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Relacións virtuais: Liberdade ou dependencia?

As mensaxes de móbiles, o envío de correos electrónicos ou as conversas nun chat non lles provocan relacións anómalas nin nocivas ós seus protagonistas, pero pódense volver un problema se se converten no único instrumento de relación

Sócrates afirmou: "Vou falar coa cabeza tapada, para que, galopando polas palabras, chegue axiña ata o final, e non me free, de vergoña, ó ollarte". Escoitado isto, o seu discípulo Platón, nun dos seus diálogos escritos, demostrou que é máis doado establecer unha relación cunha persoa á que non ves, á que nunca viches e á que probablemente nunca verás, ca cunha persoa á que ves, sobre todo cando o que se quere transmitir son afectos e sentimentos amorosos. Aínda que estes filósofos da Antiga Grecia non coñecían as novas tecnoloxías da comunicación do século XXI, as súas palabras axúdannos a entender o fenómeno que se está producindo na nosa era: as relacións persoais remotas que se valen da palabra escrita para comunicarse.

Bo ou malo, segundo o uso

A posibilidade de establecer relacións a través dun chat, por medio de SMS ou con correos electrónicos é máis doado ca facelo en persoa. Faise sen os impedimentos físicos que impón a importancia que os factores estéticos teñen na actualidade e serve tamén para eludir condicionantes económicos e sociais do medio habitual. Agora ben, a ausencia destas características pode facer, tamén, que o que se diga non sexa tan verdadeiro como se pensa. A razón é que se agachan facetas que cando se fala cara a cara non gusta que queden en evidencia. A vergonza, a timidez e o medo ó ridículo quedan superados nun medio virtual porque falamos coa "cabeza tapada". E, aínda que a linguaxe escrita é inferior en matices, ten a vantaxe de eludir as barreiras que deveñen dos roles que cada cal desenvolve na sociedade.

Isto, como todo, ofrece vantaxes e aspectos negativos. Grazas ás novas tecnoloxías establécense relacións interesantes entre persoas con gustos e inquietudes semellantes, e mesmo poden librar a unha persoa do illamento, pero tamén a poden sumir nunha realidade de mentiras e confusións que pode xerar graves e perigosas frustracións.

Nova vía para relacionarse

  Que se busca nas relacións por Internet? Preténdese substituír as relacións persoais cara a cara polas relacións ciber por consideralas máis gratificantes? Búscase en Internet un xeito de ampliar o círculo de relacións habituais que mantemos no noso contorno físico máis próximo?

As máis das veces, a rede convértese en vía de contacto con persoas e grupos que doutro xeito permanecerían inaccesibles. Grazas a esta ferramenta supéranse distancias físicas e sáciase a curiosidade de coñecer máis xente, con quen, polo xeral, se comparten afeccións e intereses. Ata aquí, todo é positivo. O problema xorde cando esas relacións substitúen as mantidas por contacto e proximidade. Así e todo, non por iso se debe matar o mensaxeiro e converter Internet nunha ferramenta maligna. Non se debe facer pola sinxela razón de que as patoloxías que evidencia son preexistentes. É dicir, Internet non é a causa de relacións anómalas, senón a oportunidade de que persoas con problemas emocionais fagan uso desta rede para superalos e, sen querelo, queden atrapados nela ata o punto de que se transforme no seu único modo de comunicación.

O seu atractivo: a sensación de liberdade

As persoas que se relacionan a través de Internet experimentan unha sensación de liberdade que non obteñen nas relacións ordinarias. Aínda que se deben seguir unhas regras e unhas normas propias do medio, as charlas prodúcense de tal xeito que permiten actuar desde o convencemento de que se eludirán posibles consecuencias non buscadas. O internauta cre controlar a situación e busca fórmulas de expresión impensables noutros contornos. Ademais, a escrita descubre interioridades que na vida cotiá permanecen ocultas e esta actividade posibilítalle practicar unha vella afección da humanidade: o simulacro, a posibilidade de xogar a sermos outras persoas, de vivirmos outras vidas, aínda que sexa de maneira pasaxeira. Pero, sobre todo, quen comparte con outras persoas o seu tempo e espazo grazas a Internet sente que pode romper o compromiso cos seus interlocutores de xeito unilateral sen máis explicacións.

Todo o sinalado, salvo a incapacidade de non asumir compromisos, non é nin bo nin malo. Xogarmos a ser outro é unha práctica unida ó home e á muller. De feito, hai persoas que fan diso a súa profesión (velaí están os actores). Descubrir matices de un mesmo grazas á plasmalo por escrito pode ser positivo; sentirse libre e seguro co que se fai, tamén. Daquela, por que xorden as dúbidas?, por que se temen consecuencias negativas a esta práctica?

As persoas que atopan en Internet unha fórmula máis que sumar ó seu xeito de se relacionar co mundo farán da rede un lugar onde se expresen felices e sociables; onde poden aprender, conversar e compartir sentimentos, ideas e coñecementos. Serviranse desta nova ferramenta para facela un instrumento máis no seu desenvolvemento persoal e social.

Pola contra, Internet pódese converter nun refuxio e espertar patoloxías ocultas ou alimentalas. É unha ferramenta que ofrece a oportunidade de vivir unha irrealidade sen conexións coherentes, algo moi atraente para quen non se sente feliz consigo mesmo. Tamén é un medio que posibilita facer dano e que expón a sufrilo. A alerta dispárase cando esta ferramenta, que dá liberdade, ou que polo menos ofrece a sensación de dala, se converte nun novo xeito de escravitude do que a vítima, ademais, non é consciente.

Como detectar que hai demasiada dependencia

  • As horas libres dedícanse de xeito exclusivo a relacionarse con outras persoas a través de Internet.
  • Descóidanse os lazos anteriores de amizade, ou ata se rompen.
  • A persoa afectada nega a súa dependencia porque non lle gusta escoitar que se está 'enganchando' ó chat, ó SMS ou ós foros.
  • Amósase agresivo e irritable se non dá establecido conexión.
  • Oculta información sobre os amigos 'virtuais'. Se nalgunha ocasión falou deles, deixa de facelo.
  • Dedícalle moitas máis horas a unha conversa virtual do que é capaz de dedicarllo a unha relación persoal, mesmo roubando horas de sono, de traballo ou doutras obrigas.

A elemental pregunta de se todo isto das relacións por Internet é bo ou malo non ten máis resposta cá da percepción dos resultados da experiencia: se navegar fai a persoa máis persoa, máis equilibrada, máis feliz, máis sociable, máis culta, haberá que considerar que Internet é un instrumento inaprezable de desenvolvemento persoal e social. Se, pola contra, é o refuxio de patoloxías ocultas, a oportunidade para vivir a irrealidade que mantén ó individuo sen conexións coherentes ou a posibilidade máis doada de facer dano ou de sufrilo, haberá que pensar que a persoa que navega pola rede quedou 'enredada' nela e o que en principio podía ser unha oportunidade de liberdade se converteu nunha modalidade máis sofisticada de escravitude.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto