Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
A actividade débena elixir os propios nenos e nenas, preferiblemente segundo os seus gustos, carácter e habilidades
Ximnasia, danza, judo, natación, informática, idiomas, teatro, pintura, música... As actividades extraescolares convertéronse nun complemento da xornada escolar de moitos nenos e nenas e mesmo nunha materia máis e nun desafogo para os pais cunha densa axenda laboral. Realízanse fóra do horario escolar e contribúen a espertar inquedanzas, a reforzar os seus coñecementos nalgunha área, a fomentar a creatividade e a desenvolver valores. Pódense realizar tanto nos propios centros educativos coma en academias ou clubs deportivos, aínda que polo xeral as actividades son as mesmas. A diferenza radica no prezo, que adoita ser menor nas escolas porque normalmente están subvencionadas.
No tocante ás preferencias, segundo o primeiro informe do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no que se usa o novo método do Ministerio para avaliar a calidade do ensino, cómpre salientar que o 65% dos alumnos españois practica deporte -fútbol, judo e ximnasia rítmica son os máis demandados-, mentres que só un 17% está interesado pola informática como actividade extraescolar, un 15% polo ballet e un 35% polos idiomas, maioritariamente polo inglés.
Os expertos sinalan que as actividades extraescolares son útiles na medida en que favorecen o desenvolvemento persoal do neno, e que este debe vivilas como unha experiencia lúdica, como un tempo dedicado ó xogo, distinto ás clases convencionais. Á hora de elixir unha actividade educativa ou deportiva para o fillo, é fundamental contar coa súa opinión favorable; se non, ó pouco vaise sentir desmotivado e se cadra acaba detestando esa actividade. Tampouco se pode abusar delas: un neno non está preparado para soportar unha xornada de adulto e unha sobresaturación pode ocasionarlle estrés emocional.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI