Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Máquinas de afeitar eléctricas: A mellor, a máis sinxela

O maior prezo dunha maquiniña significa máis accesorios e funcións pero non un mellor apurado nin menos irritacións na pel

Analizáronse sete máquinas de afeitar eléctricas moi distintas para investigar, entre outras cuestións, se os diferentes sistemas de afeitado inflúen no apurado conseguido e no grao de irritación que lle causan á pel do usuario. O seu prezo oscila entre os 70 euros de Braun 5444 e os 137 euros de Philips HQ7740. A mellor relación calidade-prezo é a de Braun, xa que, amais da máis barata, foi a mellor valorada polos usuarios, pois conseguiu o mellor rasurado, aínda que á súa vez é a máis limitada en prestacións.

Estas máquinas de afeitar, ó seren aparellos eléctricos, deben superar unhas estritas probas de seguridade que verifiquen que non son perigosas para os usuarios. Tralos pertinentes exames de laboratorio, as sete demostraron ser seguras. Así e todo, os resultados non foron tan positivos cando se comprobou a súa compatibilidade electromagnética, a posibilidade de que perturben a outros equipos eléctricos ou de que sexan alteradas por unha descarga eléctrica. As sete son inocuas para o resto de aparellos, pero o cargador de Philips HQ7740 deixa de funcionar definitivamente cando se lle aplica unha descarga electrostática por contacto de ± 4kV, polo que non se pode seguir empregando a máquina (só funciona a baterías); este é un fallo moi grave, xa que este tipo de descargas son inferiores ás que se producen cando o ambiente está "moi cargado" e ó tocar coa man unha superficie metálica sentimos unha cambra.

Sistemas de corte

Estas máquinas empregan dous sistemas de afeitado: coitelas xiratorias ou láminas vibratorias. Na proba de uso ningunha técnica se amosou superior á outra, xa que o mellor afeitado o ofrece unha máquina con láminas, o segundo e o terceiro mellor son de coitelas, os dous seguintes de láminas e os dous últimos novamente coitelas. Polo tanto, este non é un factor esencial.

Os cabezais onde van inseridas as coitelas son basculantes, polo que se adaptan ó contorno da cara para conseguir un afeitado máis apurado. Os dous modelos de Braun son os únicos que lle brindan ó usuario un modo "estático" se este prefire que o cabezal non balancee. As coitelas, como todos os elementos cortantes, desgástanse co uso. Nas máquinas analizadas pódense substituír sen que cumpra desbotar o aparello todo. As menos duradeiras (a teor do expresado nos seus manuais) son as dúas de Remington e mais a de Panasonic, que hai que substituír cada ano. As que máis aguantan son as de Philips, que poden chegar ata os dous anos.

As mostras analizadas inclúen tapa protectora, sistema corta-patillas e bolsa de viaxe, agás Braun 5444, sen este útil de transporte. Os cabezais de Panasonic, Remington R9400 e Braun 6680 pódense limpar baixo da billa. A limpeza dos máis cómpre facela en seco cun pequeno cepillo.

Tamaño e peso

Unha máquina de afeitar debe ser pequena e de pouco peso para que resulte manexable. A menor, con diferenza, é Braun 5444 (58x135x32 cm), seguida de Panasonic (un 56% máis grande) e Braun 6680 (59%). As máis voluminosas son Remington R9400 e as dúas de Philips, máis do dobre de grandes cá máis pequena. Así e todo, Remington R950 é a menos pesada (175 gramos) e Braun FreeGlider 6680 é a de maior peso, con 250 gramos. O seu consumo eléctrico é realmente reducido e en todos os casos axústase ó que indican na etiqueta: desde os 2,2 W de Philips 6445 ata os 9 W de Philips HQ7740.

Philips 6445 soamente funciona enchufada á rede eléctrica, a outra Philips (o modelo HQ7740) só o fai con baterías, co que, cando se descarga, hai que agardar a que volva cargar para usala de novo. As cinco restantes poden funcionar mediante ambos os dous sistemas de alimentación.

Algúns equipos inclúen un dispensador de loción que hidrata o rostro así que se vai avanzando no afeitado, calmando a irritación producida; é o que se coñece como "afeitado húmido", presente só en Philips HQ7740 e Braun 6680, que incorporan unha mostra destas locións.

Proba de uso: a clave

Catro homes que adoitan afeitarse con máquinas probaron as sete mostras segundo recomendan en cada manual e valoraron, do 1 ó 10, diversos ítems seguindo un protocolo estandarizado (UNE-EN 61254:1997) que mide a aptitude á función destes aparellos.

Logo de cada afeitado, os usuarios responderon a varias cuestións sobre o apurado (eficacia do corte da barba) en distintas zonas da cara (pescozo, fazulas, queixo e bigote) e a irritación producida na pel. A maioría dos equipos alcanzaron unha puntuación notable na eficacia do apurado e na ausencia de irritación. As excepcións foron Remington R9400, con 6 puntos sobre 10, e Remington R950, con só 5,8 puntos (en boa medida pola sensación de irritación que deixa na pel, sobre todo no pescozo) e, polo tanto, as peores con diferenza neste apartado. Braun 5444 (8,3 puntos sobre 10: a mellor, tanto en apurado coma en ausencia de irritación), Philips HQ7740 (8,1 puntos) e Philips 6445 (7,8 puntos) demostraron ser as máis eficaces neste ámbito, que, moi posiblemente, é o máis importante de toda a análise. A mellor cortapatillas foi a de Braun 5444, e a peor a de Remington R9400, que só chegou ós 6,5 puntos sobre 10.

No tocante á valoración da maquiniña en si (deixando á marxe a súa eficacia), todas aprobaron e conseguiron, de media, polo menos un notable. As dúas Philips e Braun 5444 situáronse por riba de 8 puntos sobre 10. Os usuarios, en contra do que poida parecer, non lle deron excesiva importancia ó sistema de alimentación: as máquinas mellor valoradas son unha que só funciona enchufada á rede eléctrica (Philips 6445), outra que só o fai con baterías (Philips HQ7740) e unha terceira que admite ambos os dous sistemas (Braun 5444).

Todas igual de boas de limpar

  Segundo os usuarios todas as máquinas resultan boas de limpar, e, como era previsible, a mellor neste apartado é unha das que admite a limpeza húmida: Philips HQ7740, con 9,3 puntos sobre 10. Choca que a segunda mellor sexa unha que se debe limpar en seco cun pequeno cepillo: Philips 6445. Tamén superan os oito puntos Panasonic (8,3 puntos) e Braun FreeGlider 6680 (8 puntos); ambas as dúas pódense limpar baixo da billa.

Segundo os usuarios, as máquinas máis silandeiras foron as de Philips e as máis ruidosas Braun FreeGlider 6680 e Panasonic ES7026. Por que non se mediu o ruído no laboratorio dun xeito obxectivo? Os decibelios que emite un aparello non indican ben o molesto que resulta o seu ruído, xa que inflúen factores como a frecuencia. Por iso, preferiuse un exame subxectivo dun apartado esencial nun produto que en ocasións se emprega mentres outras persoas dormen.

A información que ofrecen (manuais, precaucións sobre seguridade...) é correcta, agás no período de garantía de Panasonic, que indica un ano no canto dos dous anos ós que obriga a lei. Remington ofrece un período de proba de 30 días tralos cales é posible cambiar o produto. No tocante á súa calidade global, Braun 5444 e Philips 6680 alcanzan o 'moi ben', seguidos de Barun 6680 e Panasonic, que acadan o 'ben', Remington R9400 e Remington R950, que quedan nun aceptable, e, para rematar, Philips HQ7740, que suspende non pola súa mala aptitude á función (que é excelente), senón por fallar na proba de compatibilidade electromagnética, un defecto que con relativa facilidade pode inutilizar definitivamente o aparello.

Canto duran as baterías?

Para comprobar a autonomía de cada batería (Philips 6445 só funciona conectada á rede eléctrica) cargouse e descargouse cada equipo unha vez e foron recargados de novo. A proba consistiu en pór en marcha cada equipo en períodos de uso de cinco minutos 'ó aire' (é dicir, a máquina acesa sen que fixera presión sobre ningunha superficie) separados por intervalos de 24 horas ata quedar sen batería.

A que máis dura é precisamente a que non permite o seu uso enchufada, Philips HQ7740, que superou os 85 minutos de funcionamento. Séguena Braun 6680, con 66 minutos. A de menor duración foi Remington R950, con só 42 minutos de autonomía.

Teñamos en conta, de todos os xeitos, que nun uso normal, a fricción fará que se consuma máis electricidade e que a autonomía sexa menor.
Pero, polo menos tan importante como a duración da batería é o tempo que tarda en cargar. Por exemplo, Remington R950 ou Braun 5444 necesitan 16 horas para encherse, moito máis tempo ca Braun 6680, Panasonic e a outra Remington, que só precisan unha hora de carga. Iso si, todas advirten cando a batería está preto de se esgotar.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto