Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Origami ou papiroflexia: Moito mais ca unha paxariña

Calidades artísticas, educativas e terapéuticas definen unha afección estendida en todo o mundo

  Pasatempo, arte, recurso educativo, técnica matemática e científica, instrumento de rehabilitación médica e psicolóxica... Son moitas as calidades que acompañan a práctica do origami ou papiroflexia. A simple vista a actividade redúcese a dobrar un papel para darlle formas diferentes prescindindo de calquera outro material que non sexa o propio pergameo. Agora ben, tras desta habilidade agáchanse infinitas posibilidades.

En Europa, a arte milenaria xaponesa de dobrar un papel para que adquira un significado chamouse papiroflexia. Aínda que con características comúns, trátase de dúas disciplinas con usos e aplicacións independentes. En Xapón vai máis alá de ser unha afección, en ocasións exquisita. De feito, nos seus comezos as pregaduras relacionábanse con actos relixiosos e cerimoniosos. Utilizábanse para realizar ofrendas ou representar accións heroicas, pero a medida que o papel se fixo popular e se abaratou o seu prezo, o campo en que se aplicaban os coñecementos das estruturas de papel ampliouse, e de simples paxariñas chegáronse a facer figuras moi complexas.

Unha disciplina con múltiples aplicacións

A súa visión artística. Seguir as pautas para realizar unha pregadura e acadar a representación visual daquilo que se persegue crear é o resultado dunha elaboración artesá. Moitos afeccionados a esta disciplina afirman que cumpre algunhas das características que definen a consecución da beleza e que a consideran unha arte. De feito, o carácter simbólico das figuras confírelles un valor de comprensión e recoñecemento en todo o mundo.

O seu carácter como pasatempo. Mergullarse nas técnicas da papiroflexia e dar feito figuras cada vez máis difíciles é un entretemento que proporcionará bos momentos de lecer. Cómpren doses de imaxinación, intuición, orde e interese de superación persoal. Ademais, trátase dun lecer barato e flexible para o que é doado atopar tratados, cursos especializados ou clubs que reúnan afeccionados.

Como recurso educativo. Aínda que facer recortables é unha actividade limitada ós primeiros anos de educación, en Xapón, China e nos países nórdicos concíbese a papiroflexia como unha materia interdisciplinaria con outras materias en cursos máis avanzados. Está demostrado o seu valor pedagóxico para o sentido creativo e artístico, pero tamén axuda á capacidade de concentración e é un bo xeito de exercer a motricidade fina das mans porque desenvolve, entre outros aspectos, a percepción espacial.

  Técnica matemática e científica. A xeometría, tanto descritiva coma espacial, atopa unha importante axuda para a demostración de teoremas na representación material a través de elaboración de figuras. Un bo xeito de ampliar a investigación ou de lle conceder unha visión máis particular consiste en trasladala ás figuras de papel, e se se fai sen engadidos, simplemente pregando un papel, a calidade científica aumenta. Esa figura, e o propio proceso do pregado, axuda a comprender conceptos como diagonal, vértice, mediana ou bisectriz.

A súa aplicación na saúde. Aínda que polo de agora non é usual, a prescrición facultativa de dedicarlle un tempo diario ó origami para a rehabilitación de traumatismos óseos ou de afeccións tanto nerviosas coma musculares nas mans adquire unha importancia crecente. Tamén se gabaron as súas vantaxes en psiquiatría como terapia ocupacional e de axuda á formación de diminuídos psíquicos. De feito, persoas con minusvalías poden ser verdadeiros artistas pregando papel.

Como aprendermos a dobrar papel

A papiroflexia non é cousa de rapaces, de xente aburrida nin de excéntricos orientais. A súa aprendizaxe require doses de curiosidade e algo de habilidade manual. Nos comezos pódese acudir a cursos que ofrecen a miúdo clubs de papiroflexia, para gañar adeptos, ou sociedades recreativas, pero tamén se pode optar pola autoaprendizaxe. Se algo non falta neste campo son manuais e páxinas web. Os comezos son doados -facer unha paxariña non require moita destreza- pero así que a afección medra os retos son cada vez máis complexos, non só para seguir as instrucións dunha figura, senón tamén polo desexo de inventar unha propia.

Nesta disciplina universal existe a vantaxe de contar con símbolos internacionais, o que facilita a transmisión de modelos duns autores a outros, sen que a diferenza de idioma constitúa un obstáculo. De feito, ten tamén a súa propia linguaxe: esquina sempre será cada unha das catro puntas dun cadrado; a pregadura, cada unha das liñas por onde se dobra o papel; a marca, a liña que queda no papel despois de efectuar unha pregadura; o nó, onde se cortan dúas ou máis pregaduras ou marcas... e así ata completar un profuso glosario de termos específicos.

Dobrar y desdobrar

  Algunhas pautas: para dobrar unha figura non cómpre ser un experto, só hai que lembrar uns cantos consellos que, se se teñen en conta, facilitaranlle o camiño a quen desexe ser un bo origamista.

  • Empregar papel manexable.
  • Realizar unha pregadura coidadosa e pulcra, especialmente nos vértices.
  • Traballar nunha superficie dura e lisa. Iso dá máis exactitude.
  • A exactitude alcánzase pasando a unlla do dedo polgar ó longo da pregadura.

    Os pasos seguintes serán máis doados.

  • A exactitude mellora a calidade da figura rematada.
  • Seguir coidadosamente a secuencia de cada modelo.
  • Non eliminar pasos.
  • Pór atención en cada paso, na súa dirección e execución.
  • Practicar e pensar como xerar novas figuras.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto