Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

O oso pardo: A recuperación do rei dos bosques

As institucións apostan pola conservación e pola defensa dunha especie en vías de extinción

  Hai séculos, o oso pardo estendíase por toda Europa, pero esta situación mudou de xeito drástico nas últimas décadas. De feito, España, xunto con Francia e Italia, alberga as poboacións máis ameazadas do mundo desta especie en perigo de extinción. A xa de por si preocupante situación agrávase no caso dos osos españois, xa que son os únicos representantes puros dunha das tres liñas evolutivas do oso pardo en Europa e das cinco que parecen existir no mundo.

Na actualidade, segundo a Fundación Oso Pardo, existen tres poboacións, dúas na Cordilleira Cantábrica, cuns 100 osos, e outra nos Pirineos, cuns 17 exemplares divididos en dous núcleos, un no Pirineo Central, nos vales de Arán e Pallars e zonas contiguas en Francia, e outro no Pirineo Occidental, entre Aragón, Navarra e o veciño Bearn, en Francia. A poboación do Pirineo Central procede de 3 osos traídos de Eslovenia que se introduciron sen problemas en Francia en 1996 e 1997. Esta correcta adaptación tamén se está producindo noutros lugares de Europa, como recentemente no Trentino (Italia), o que demostra que o traslado de osos desde zonas con gran cantidade de exemplares a outras con núcleos reducidos se pode realizar con éxito.

Protección legal

O oso pardo e o seu hábitat están protexidos pola lei. A caza do oso foi prohibida de maneira temporal en 1952 e de maneira definitiva en todas as Reservas Nacionais en 1967. Desde 1973, a especie está protexida e a súa caza está prohibida en todo o territorio español. A Lei de conservación da natureza de 1989 esixiu a posta en marcha de medidas para mellorar a súa situación. En 1995, o novo Código Penal estableceu un castigo de ata dous anos de cárcere por matar un oso e tipificouno como delito ecolóxico. Na actualidade, matar un oso pode ser penado con multas de ata 300.000 euros.

As administracións tamén están tomando un papel activo na conservación deste mamífero. As comunidades de Cantabria, Asturias, Castela e León e Galicia contan con plans de recuperación, con medidas contra o furtivismo, o mantemento dos hábitats naturais, o aumento e mellora de proxectos de investigación e de programas de sensibilización entre a poboación, e mais con compensacións ós sectores agrícolas ou gandeiros que viven en zonas oseiras e o pagamento de danos producidos por estes animais. Ademais, está previsto que durante o outono se poña en marcha un plan coordinado entre os gobernos de España, Francia e Andorra para a recuperación do oso pardo no Pirineo con accións semellantes, entre as que destaca a liberación de cinco femias polo Goberno francés, despois de que en novembro do ano pasado Cannelle, a derradeira osa autóctona da vertente francesa, fora abatida por un cazador. A liberación deses cinco exemplares forma parte dun proxecto que pretende duplicar a poboación de oso pardo antes do 2008.

Amais da implicación institucional ou dos sectores que poden estar afectados directamente pola presenza do oso pardo, a colaboración da poboación en xeral tamén é moi importante. De feito, pódese axudar con traballos de mellora do seu hábitat como repoboacións forestais ou plantacións de árbores froiteiras, co aviso ás autoridades ou ONG se se ve un oso para que extremen a súa vixilancia ou coa denuncia de calquera estrago ou ameaza cara a el ou cara ó seu hábitat.

Ameazas para o oso pardo

O oso pardo precisa amplos territorios en bo estado e coas menores interferencias humanas posibles. Os problemas están relacionados cos danos ó sector gandeiro, a interacción coa caza ou a fragmentación do seu hábitat pola construción de infraestruturas e aproveitamentos forestais. As súas ameazas máis importantes son:

  • Furtivismo: Trátase da principal ameaza. A morte dun só exemplar en poboacións tan pequenas é unha perda irreparable. Os osos poden ser vítimas de lazos -aínda que estean dirixidos a outros animais-, cepos, batidas de caza en zonas e épocas críticas, etc.
  • Destrución e alteración do hábitat, ben sexa por deforestación, incendios, minería a ceo aberto, ampliación da rede viaria, instalación de tendidos, construción de infraestruturas de subministración enerxética, pistas de esquí, etc., que constitúen barreiras que aumentan a fragmentación das súas poboacións e a perda da súa diversidade xenética.
  • Presión turística e molestias en áreas sensibles. Especialmente delicadas son as molestias ás osas con crías, aínda que tamén son moi negativas as batidas en épocas críticas, como a hibernación.

O oso pardo ibérico

  O oso pardo ibérico (Ursus arctos pyrenaicus) é o animal terrestre máis grande da fauna ibérica, aínda que é a especie de oso máis pequena do mundo, xa que os machos rara vez exceden os 180 quilogramos e as femias roldan os 130 quilogramos. Os poucos osos pardos que viven en liberdade en España non son bos de ver. Así e todo, nalgunhas ocasións achéganse cando hai panais, praderías ou soutos con baias, e o máis habitual é atopar as pegadas e marcas que van deixando. A coloración da súa pelaxe varía desde un crema pálido ata o pardo escuro, pero sempre cun peculiar ton máis escuro, case negro, nas patas, e amarelado na punta dos pelos. Trátase dun animal plantígrado porque apoia ó andar todo o seu peso sobre as plantas dos seus pés e é un dos poucos animais capaces de poñerse a dúas patas, aínda que só o fan en determinadas ocasións, como en pelexas polas femias ou cando se senten ameazados. A fama de agresividade que o arrodea é inmerecida, xa que rara vez culminan o seu ataque.

A procura do alimento determina o seu xeito de vida e os seus movementos, e precisa extensións bastante amplas para moverse a gusto, descansar, refuxiarse e hibernar durante o inverno. Na Cordilleira Cantábrica a hibernación adóitase dar de xaneiro a marzo, aínda que depende da rixidez do inverno e da dispoñibilidade de comida. Durante este repouso invernal, o oso deixa de comer, beber, defecar e ouriñar, e mantén as súas constantes funcionais grazas ás graxas acumuladas durante o outono. O oso definiuse como un carnívoro arrepentido, cunha alimentación baseada no consumo masivo de froitos e das partes máis dixeribles das plantas, e completada con materia animal, desde formigas ata preas de grandes mamíferos. É capaz de cazar presas silvestres, aínda que só o fai ocasionalmente e en situacións favorables, atacando crías de corzos e cervos ou adultos esgotados ou enfermos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto