Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Un dos aspectos que contribúe a unha boa calidade neste período vital e que lle proporciona benestar e felicidade é a vivencia íntegra da sexualidade
A transición entre o estado reprodutor e non reprodutor da muller como consecuencia do remate da función ovárica coñécese como climaterio. Neste período distínguense tres estadios: a premenopausa, a menopausa e a posmenopausa. Polo tanto, en sentido estrito, a menopausa é a etapa na que cesan definitivamente as hemorraxias cíclicas cando se culmina a modificación na produción dos óvulos de hormonas femininas (estróxenos e proxesteronas). Isto significa que finaliza a capacidade reprodutiva, pero, nin por asomo, que cesa a actividade sexual, nin en desexo nin en capacidade de gozo.
O cambio, sen dúbida cualitativo, maniféstase de xeito neurovexetativo coa aparición de abafos, suores, palpitacións, vertixe, mareos e cefaleas ou dores de cabeza. Tamén orixina modificacións somáticas pola diminución de coláxeno, co que a pel perde textura e elasticidade. Pode comezar un proceso de osteoporose, a distribución da graxa é distinta e tense maior tendencia á hipertensión, á diabetes e ó colesterol. Ademais, produce trastornos do sono, atrofia xenital e sequidade vaxinal.
Estes síntomas son comúns ás máis das mulleres, pero, ademais, e dependendo de cada unha, a menopausa pode supor alteracións psíquicas e dificultades sociais. Que sexan máis ou menos pronunciadas, e máis ou menos traumáticas, depende da percepción que cada muller ten da súa vida. Os capítulos de choreiras, maior susceptibilidade, irritabilidade, dificultade de concentración e de memoria, ansiedade, aumento da sensación de fatiga e aumento ou diminución do desexo sexual son consecuencia da etapa que se emprende. Do que se trata é de convertela nun período gratificante, positivo e completo. Neste sentido, vivir con satisfacción a sexualidade é importante, xa que deixar de ser reprodutora non implica deixar de sentir desexo sexual e pracer, nin incapacita a muller para ofrecelo.
A sexualidade é unha capacidade inherente á persoa, que se adecúa ó momento evolutivo e ás súas circunstancias específicas. Está ligada á necesidade de amar e que nos amen, e á necesidade de sentir pracer e facer sentir pracer. E nin para amar nin para sentir hai límite de idade. É certo que durante o período do cambio corporal, hormonal e psicolóxico que supón a menopausa se poden manifestar síntomas que inciden directamente na apetencia de entrar no xogo sexual.
A sequidade vaxinal, os abafos, as cefaleas ou o insomnio non son os mellores compañeiros do desexo, pero só deben ser impedimentos circunstanciais e teñen bo amaño grazas ós xeles, cremas e outros fármacos. Son outros síntomas os máis difíciles de resolver. Todos aqueles que afectan ó mundo interior da muller, menos evidentes pero máis determinantes. A súa superación dependerá moito de como se afrontaran as dificultades noutras épocas da vida.
A menopausa non é o elemento determinante que poida producir un cambio na vida sexual da muller, pero si é un proceso de cambio no que xorden dificultades.
Acudir á consulta xinecolóxica, co fin de informarse e coñecer os cambios que imos experimentar.En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI