Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Andrés Vicente Gómez, produtor de cine: "Nunca farei unha película da que non estea orgulloso"

 

"De todas as profesións que interveñen nunha película, a función do produtor é se cadra a máis descoñecida ou, mellor dito, a peor coñecida. Ó produtor perségueo unha imaxe de home obeso, pegado a un puro, que viaxa nun coche grande e que manexa moitos cartos, cando en realidade é un profesional que exerce un oficio dentro da engrenaxe da industria do cine".

Esta definición debémoslla a Andrés Vicente Gómez, responsable da produtora máis importante do cine español, Lolafilms. A oscarizada Belle Epoque, as exitosas Torrente e El día de la Bestia, a aplaudida Remando al viento, Jamón Jamón, Soldados de Salamina, La Comunidad, El año de las luces, Beltenebros... son algúns dos títulos máis salientables do seu traballo. Estas películas escribíronas guionistas da altura de Rafael Azcona, dirixíronas autores como Fernando Trueba, Pilar Miró, Alex de la Iglesia, Gonzalo Suárez ou Bigas Luna, e abordaron distintos xéneros cinematográficos: drama, comedia, suspense... Todas elas son películas moi diferentes, na súa intención e no seu orzamento, pero cun denominador común: o seu produtor é Andrés Vicente Gómez.

En que consiste o seu oficio?

O produtor é a persoa que ten unha idea, que pode xurdir da lectura dunha novela, da visión dunha curtametraxe ou sinxelamente estar inspirada nunha noticia. Quérea levar ó cine e para iso encárgalle a un guionista a escritura do relato cinematográfico e busca un director, que será quen se responsabilizará da rodaxe, con todo o que iso implica: non só dirixir, tamén facer a selección final dos actores, dos equipos, dos exteriores, da montaxe... Este primeiro proceso pode estar financiado polo produtor e, a partir de aí, se o proxecto segue adiante, tratará de obter os créditos bancarios e as colaboracións das empresas que queiran participar na película.

Por que é produtor?

O destino das persoas a miúdo está marcado por un feito accidental. O meu xurdiu ó rematar o bacharelato. Tiña dúas opcións: traballar nun banco ou nun hotel. En contra dos desexos dos meus pais, eu inclineime polo segundo, e ós tres meses de comezar, un produtor de cine estranxeiro que vivía no hotel onde traballaba convidoume a participar nun proxecto que comezou sendo unha oficina pequena de representación de actores. Aquilo gustoume, así que marchei a Inglaterra a aprender ben inglés, unha obriga se quería dedicarme ó cine. Ó cabo dun tempo, o produtor chamoume para me convidar a traballar con el e empecei como axudante. Niso estaba cando xurdiu a oportunidade de viaxar a París para incorporarme ó equipo da familia Salkind. Aquela foi a miña Sorbona particular. Volvín e producín Comanche Branco, con Joseph Cotten, un wéstern rodado en Madrid. Nela si fun eu quen puxo o diñeiro, botando man dos meus aforros e dunha indemnización que me deron por sufrir un accidente de coche que tiven en Finlandia. E así comezou todo.

Contado parece sinxelo, pero Lolafilms é a produtora máis importante do cine español. Algún segredo haberá.

  Procurei entender o negocio do cine como algo global no que o produtor ten que dispor de coñecementos en todos os procesos dunha película, e sumarlle a isto unha sensibilidade sobre o que o público demanda ou o que lle pode interesar a un segmento do público que vai ó cine. Nas miñas mans está saber adaptar o proxecto á película, porque nada ten que ver unha película estadounidense de 150 millóns de dólares, distribuída en centros comerciais de todo o mundo, cunha película especializada dirixida a un nicho de público que entende o cine como arte e non como espectáculo. E non me podo esquecer da distribución, unha fase clave, na que, ademais, quedas só. Cando acaba unha rodaxe, os seus participantes liscan a outra cousa e a obra queda de novo en mans de quen a comezou. Del depende que vaia medrando, que se estree, que se vexa, que chegue ás televisións, que estea nos festivais e que se proxecte noutros países.

Con tanto traballo, dálle tempo a ver outro cine que non sexa o seu?

É parte do meu traballo. Recibo arredor de 120 películas ó ano que me remiten as tres academias de cine ás que pertenzo: a americana, a europea e a española, e así dispoño na miña casa de case toda a produción mundial de estreas importantes e doutras que non o son. Ademais, asisto a festivais, onde teño a oportunidade de ver aquilo que non me chega. Tamén vou cos meus fillos e sobriños ver estreas ás que doutro xeito non iría. E déixome guiar por revistas especializadas de varios países.

Failles caso ós críticos?

Contrariamente ó que pensan algúns e malia o arbitrarios que son, adoitan ter razón. A súa visión é a dun público e serve como referencia, á marxe de influencias ou intereses. Ademais, coma en todo, o xuízo de valor é responsabilidade do lector. Unha película iraní pode obter moi boas críticas, ser unha obra cinematográfica importante, pero as loas estarán motivadas por características que nada teñen que ver cunha película feita para centros comerciais. Esta recibirá críticas negativas no tocante ó seu valor como obra artística, pero non hai dúbida de que cumprirá o seu cometido de encher salas e de entreter a un público que busca pagar unha diversión así, co que cumpre os seus propios valores.

Trátase de facer cine ou de encher salas?

Non son cousas contraditorias. No cine, só unha de cada 10 veces se acada o éxito, e nós intentamos evitar as outras nove, porque queremos que aquilo que rodamos se vexa. Nunca insistín en facer películas das chamadas de autor, aínda que traballei con Saura, con Erice, con Maura e con Vicente Aranda. Pero tamén fixen películas moi comerciais porque entendo o cine como unha industria cultural que é un negocio.

E onde está a fronteira entre o cultural e o negocio?

O meu límite é non facer unha película que considere vergonzosa. De feito, estou orgulloso de todo o que producín. Nun 80% apaixonoume o proxecto, o outro 20% foron películas para cubrir unha conxuntura ou que considerei que lle apetecería ver ó público, pero que se non foran comerciais nunca faría. Pola contra, si teño feito moitas películas sabendo que non eran comerciais.

Un exemplo que nos leva a preguntarnos se o cine é industria, espectáculo ou arte.

O cine é unha industria, e moi importante, que move moitos cartos e que lles dá traballo a milleiros de persoas. Hai un cine que é arte, de feito é o movemento artístico por excelencia do século XX. Xogando a imaxinar, poderiamos asegurar que Goya, de vivir o século pasado, sería cineasta. Pero non todo cine é arte, aínda que si todo o cine ten unha identidade cultural. Películas malas, regulares ou boas son unha representación simbólica que nace dunha interpretación particular do mundo. Por poñer un exemplo: películas arrepiantes dos anos 60 axúdannos a revisar toda unha época, é dicir, son testemuño do que acontecía, de como vestían as persoas, de como se relacionaban, que crían, que non crían.

E iso xustifica que estea subvencionado? A pintura tamén é unha expresión cultural e en moi poucos casos recibe axuda dos Orzamentos.

Non creo que o cine deba ser subvencionado como factor cultural ou expresión artística, senón pola súa condición de industria, neste caso deficitaria. Os produtos teñen unhas custas moi grandes, e no caso do cine español, difícil de amortizar polo limitado do seu mercado. Iso dos 300 millóns de hispanofalantes é unha falacia, precisamente pola dimensión cultural. Non vale só falar a mesma lingua, hai que compartir unha cultura, e, sen dúbida, a de España é diferente á ecuatoriana, por exemplo. Ademais, o valor como mercado de América Latina é insignificante. Polo tanto, se o goberno considera importante que exista o cine español, como pode considerar importante a execución de autoestradas, débelle ofrecer axudas industriais. Igual que fixo coa prensa, á que lle subvencionou o papel. En definitiva, pódese cuestionar o interese do Estado no cine, pero non o seu papel financiador. Non menos de 80 países financian o seu cine, así que o que acontece aquí non é tan raro como ás veces se pinta.

Co propósito de ampliar mercado e para universalizar o produto, discútese a conveniencia de rodar en inglés.

É un debate aberto hai xa moito tempo, pero só estaría xustificado en películas de alto orzamento. Cunha película máis modesta chegarás ó público ó que realmente te dirixes. Decidir a cal dos dous grupos pertence un proxecto é unha decisión clave, na que constantemente cometemos erros. Acabo de facer unha película baseada na novela de Vargas Llosa, La fiesta del Chivo, e rodeina en inglés porque me custaba 8 millóns de euros e calquera película que custe máis de 6 millóns é moi difícil de amortizar. Pero ata que non se estree non saberei se atinei ou non.

Por que lle xorden as dúbidas?

Os xéneros que máis lle gustan á xente que vai ó cine son o grande espectáculo, a comedia pícara e a de zombis. Hai excepcións, películas máis profundas que triúnfan, pero tampouco nos poden levar ó engano. Por poñer un exemplo, Solas foi unha película que fixo que se ergueran moitas voces pedindo máis producións deste tipo, cando en realidade ó cabo do ano se fan 50 películas do tipo de Solas, o único que non todas acadan ese aquel que as fai máxicas e que lles permite alcanzar o gran público.

Pero, daquela, o espectador é tan parvo como o pintan algúns críticos por consumir películas de zombis, ou é moi listo por aplaudir a maxia cando se produce?

O gran público vai ó cine a se entreter, a consumir un produto de lecer. Outro público minoritario quérese enriquecer co que ve. Este último, ás veces, ve unha película de grandes almacéns, mentres que os primeiros nunca ven unha obra artística. Pero isto acontece en todas as ordes. Está quen merca unha revista do corazón e o que escolle unha de ciencia. Está quen vai ó cine a divertirse, e o que vai pasalo ben pensando. Dúas posturas igual de respectables.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto