Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Vantaxes e inconvenientes da sanidade privada
Unha persoa de clase alta ou media alta con profesión liberal, que busca comodidade tanto á hora de acudir ó médico como cando ten que ser hospitalizada, e que valora moito a posibilidade de elixir o médico especialista. Este é, a grandes trazos, o perfil do cliente dos seguros sanitarios privados. En España o 17% da poboación, é dicir, arredor de 7 millóns de persoas, teñen contratado un seguro de asistencia médica privada, segundo datos de Investigación Cooperativa entre Entidades Aseguradoras e Fondos de Pensión (ICEA).
A saturación dos servizos sanitarios adscritos á Seguridade Social, o progresivo aumento do nivel de vida en España e un paulatino cambio de mentalidade na importancia que se lle outorga a todo o relacionado coa saúde explican que hoxe a sanidade privada sexa un negocio á alza: no 2004, a contratación das súas pólizas medrou un 4% con respecto ó ano anterior, converténdose nun dos sectores da aseguradoras que mellor comportamento amosou.
A medicina privada ofrece, polo xeral, varios tipos de pólizas, pero a máis estendida -cun 86% da cota de mercado- é a da asistencia sanitaria completa (médicos de familia, especialistas...) con servizos no territorio nacional e no estranxeiro e libre elección de médicos dentro dos cadros da compañía. Xinecoloxía, pediatría e traumatoloxía son as especialidades máis demandadas polos usuarios da sanidade privada. Xunto con estas prestacións, os seguros privados tamén cobren a asistencia hospitalaria, intervencións cirúrxicas, urxencias, partos, análises, exploracións, tratamentos, medicina xeral e especializada, asistencia a domicilio, etc.
Pero non é ouro todo o que reloce. As compañías de asistencia sanitaria privada non son máis ca empresas na procura de negocio e esíxenlle ó novo asegurado unha saúde case de ferro: antes de aceptar un cliente, sométeno a un recoñecemento médico polo miúdo tralo cal deciden se o admiten. Ante a máis mínima sospeita de que presente complicacións de saúde nun futuro inmediato, poderá ser rexeitado: unha persoa con moitas probabilidades de enfermar non é o cliente ideal.
Outro aspecto pouco coñecido destas empresas é o período de carencia que aplican: algunhas coberturas das pólizas non son efectivas desde o primeiro momento, e iso coa finalidade de evitar clientes que buscan beneficiarse inmediatamente das vantaxes da sanidade privada. Poderano facer, pero só logo de ser durante un tempo usuarios 'non problemáticos'.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI