Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Pranchas eléctricas de cociña: Só dúas aproban en seguridade

A posibilidade de sufrir queimaduras ó coller as súas asas é o único que penaliza a estas grellas, que permiten cociñar dun xeito san e sabedor

  Analizáronse sete pranchas eléctricas de cociña que custan desde 35 euros (BJM) ata 84 euros (Fagor). Foron precisamente estas dúas pranchas as únicas que superaron todas as probas de seguridade. A mellor relación calidade-prezo é BJM, unha boa prancha que dispón da maior superficie de cociñado, aínda que foi a peor valorada na proba de uso realizada por consumidores. Fagor, a máis cara, revélase como unha opción interesante para quen priorice na súa elección o criterio da calidade e foi a mellor na proba de uso.

Estas pranchas de cociña permiten preparar pratos sabedores practicamente sen aceite de firtir (redúcese a inxestión de graxa e de calorías) e minimizar a perda de nutrientes que causan outras técnicas culinarias. Ademais, son boas de usar e de limpar, polo que cada vez se empregan máis.
As sete grellas estudadas son de aluminio e a súa superficie está composta por unha lámina metálica revestida con substancias poliméricas para que sexa posible cociñar con pouco ou nada de aceite sen que os alimentos se peguen.
O laboratorio comprobou que nin sequera a altas temperaturas o recubrimento das pranchas desprendía substancias tóxicas que poidan contaminar os alimentos.

Seguridade, clave

As sete grellas foron sometidas a probas de seguridade moi esixentes, que só BJM e Fagor superaron no seu conxunto. As asas demostraron ser illantes abondo e alcanzar unha temperatura moi por baixo do que indica a norma, pero a regulamentación vai máis alá e tampouco permite que sexa posible o contacto das mans con zonas de risco (como a superficie da placa) cando se suxeita a asa. Nesta proba fallaron Delonghi, Ariete, Princess, LeBonVivant e Ufesa, onde zonas moi quentes da placa quedan preto dos dedos que suxeitan as asas.

Comprobouse que as pranchas reflectisen todas as marcas e indicacións establecidas para este tipo de aparellos, que non fose posible acceder cos dedos a partes con carga eléctrica, que a corrente de fuga e rixidez dieléctrica non supere os máximos establecidos, o seu comportamento ante un funcionamento anormal, a resistencia das asas ó lume e ás correntes superficiais, que non se movan ó seren colocadas sobre un plano inclinado de 10º, a súa resistencia mecánica; e que as asas non se afrouxen cun uso normal. No tocante ás asas, as das sete illan ben da calor, para o que empregan plásticos e/ou aceiro. Tamén as sete dispoñen dun termóstato que apaga e acende o equipo para que a placa se manteña á temperatura desexada, e dunha luz para saber cando entra en funcionamento.

Os sete cables pódense separar de candansúa prancha, o que facilita a limpeza desta, aínda que, ó parecer, impide o cómodo sistema recollecables. O máis longo e o que maior liberdade ofrece á hora de colocar a prancha lonxe dun enchufe é o cable de Princess, con 260 centímetros, mentres que os máis teñen unha lonxitude moi inferior: desde 111 cm (BJM) ata 125 cm (Fagor).

Delonghi, Ariete, Fagor e BJM dispoñen dun eficaz depósito onde se recolle a graxa e mais os restos dos alimentos, o que facilita a limpeza. Outros accesorios son o tello transparente que incorporan Delonghi e Ariete (evitan que zarrapique fóra), os pinchos de Delonghi para a elaboración de espetos, a bandexa para servir comida de BJM e as espátulas de madeira de Fagor, Princess, LeBonVivant e Ufesa, para evitar que se raie a superficie.

Proba práctica

Once usuarios probaron estas pranchas seguindo as recomendacións dos seus manuais e puntuaron diversos aspectos do 1 ó 5. O obxectivo era comprobar como se desenvolven estas placas nas diversas circunstancias que depara o seu uso a cotío na cociña. A que demostrou mellor comportamento foi Fagor. A que máis lixeira quece é Fagor (lévalle 4 minutos), seguida de Ariete (4 minutos e 15 segundos) e a que quece máis a modo é BJM (6 minutos e 30 segundos). Fagor foi tamén a mellor en homoxeneidade do quecemento da súa superficie, cun 5 sobre 5, seguida de Princess, con 4,7 puntos. Ufesa e BJM foron as peores neste apartado. Doutra banda, Delonghi e Ariete suspenderon en facilidade de uso e limpeza polos seus excesivos accesorios desmontables. Polo xeral, as placas con superficie ondulada resultaron máis difíciles de limpar cás lisas. O manual de instrucións menos útil foi o de BJM, e o máis completo o de Fagor. Doutra banda, as sete grellas fallaron na claridade do seu indicador de desconexión automática. Fagor obtivo tamén a mellor puntuación nas instrucións para un primeiro uso, algo no que fallaron LeBonVivant, BJM, Ariete e Princess.

Os usuarios valoraron moi positivamente a existencia dun depósito para recoller graxa e restos, especialmente o de Fagor, aínda que os de Delonghi, BJM e Ariete tamén levaron boas cualificacións. No tocante á seguridade, os usuarios consideraron a Delonghi e Ariete como as máis seguras e suspenderon a BJM e Princess porque entenderon que non axuntaban os requisitos esixibles, algo que, como se comprobou na proba de laboratorio, non se correspondía coas prestacións obxectivas de BJM, unha das dúas que aproban en seguridade. BJM (2,8 puntos sobre 5) é a única que non acadou o aprobado na nota final do exame realizado polos consumidores. Ufesa (3 puntos) e LeBonVivant (3,1 puntos) quedan no suficiente, sobre todo por non obteren boas valoracións en aspectos técnicos. Ariete (3,4 puntos), Delonghi (3,5 puntos) e Princess (3,3 puntos) situáronse algo por riba.

A mellor na proba de uso foi, con diferenza, Fagor, ó acadar como nota final 4 puntos sobre 5, e que, amais dos elementos devanditos, foi moi ben valorada polo seu deseño, que os usuarios definiron como "moderno".

Manuais e indicacións

Delonghi e Ufesa son as dúas únicas pranchas de cociña estudadas que indican -como é preceptivo- a posición de apagado cun cero, e non coa palabra "off" ou cun pictograma, dos que non todos os usuarios coñecen o significado. Princess non indicou adecuadamente no seu manual que só un equipo técnico pode substituír o cable.

  Os documentos de garantía de Ariete e Princess non son correctos, o primeiro por estar integramente en italiano e o segundo pola súa pésima tradución e por ofrecer só un ano de cobertura, no canto dos dous obrigatorios. Isto non obsta para que todos os equipos estean protexidos durante os dous anos que fixa a Lei de garantías de bens de consumo do 2003.

E, aínda que non cheguen a incumprir a normativa, sería desexable que Princess, LeBonVivant e BJM incluísen información sobre un primeiro uso da grella, porque non o fan. BJM tampouco fala da limpeza e mantemento, nin incorpora receitas. Destacan positivamente Fagor e Ufesa por seren as únicas en facer referencia a aspectos ambientais.

Potencia, tamaño e peso

Canto maior sexa a potencia dunha prancha de cociña máis posibilidades de cociñado ten o usuario e, evidentemente, máis electricidade consome o equipo a pleno rendemento.

A potencia recoñecida destas pranchas variou desde os 1.300 W de Delonghi ata os 1.600 W de Ariete, aínda que non en todos os casos este dato se correspondeu coa realidade: a norma permite unha desviación de ata o 10% por defecto e de ata o 5% por exceso entre a potencia indicada e a real, pero Princess funcionaba cun 23% menos de potencia do que anuncia (é dicir, con máis do dobre da desviación permitida) e LeBonVivant deu un 11% menos.

No tocante ás súas dimensións, dáse o aparente paradoxo de que a prancha coa superficie útil máis pequena (Fagor, con 837 cm2) é o dobre de grande ca Princess (46 x 25,5 x 4,5 cm), a que menos avulta. A máis grande (e, polo tanto, máis incómoda de gardar) é Delonghi, que ocupa case tres veces máis cá máis pequena (Princess).

Superficie útil: a que ofrece máis superficie aproveitable para cociñar é BJM, cun 74% máis cá da máis pequena (Fagor).
Tamén son moi diferentes no tocante ó seu peso: desde os pouco máis de dous quilos de Ufesa e LeBonVivant ata os máis de catro quilos de Ariete e Delonghi.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto