Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Deportes náuticos: Pautas para gozar do lecer do mar

O tirón en verán da vela, do windsurf ou do surf non debe deixar de lado as necesarias medidas de seguridade e urbanidade

  A aprendizaxe e a práctica da vela, surf e windsurf atraen en España a milleiros de persoas que cada verán aproveitan as súas vacacións para gozar destes deportes náuticos. A multiplicación da demanda nestas datas pode influír no grao de cumprimento das normas de seguridade e urbanidade, moitas veces obviadas por se tratar de prácticas temporais e de carácter afeccionado. Dez días de tempo, o contacto cunha escola federada, a ausencia de problemas cardiorrespiratorios e estar disposto a gastar arredor de 250 euros son as únicas condicións para iniciarse neles. Esta facilidade de acceso plásmase máis a miúdo do desexable no esquecemento dunhas regras, algunhas escritas e lexisladas, outras tácitas, que intentan evitar o perigo para quen o practica e para quen comparte as augas.

Surf

Surfear non é sinxelo, aínda que os coñecementos básicos sobre como facelo se poden aprender nunhas poucas clases, non máis de 20. Para poder recibilas, cómpre ter máis de 12 anos, saber nadar, contar cun certificado médico que acredite que nos atopamos en óptimas condicións físicas (o médico de cabeceira realiza o exame básico) e aboar uns 250 euros. O prezo inclúe o alugueiro do equipo. Esta actividade conta coa vantaxe de que non cómpre facer un exame sobre coñecementos teóricos que permita licenciarse para poder practicalo, e coa desvantaxe de que é preciso un alto grao de habilidade e implicación persoal. O seguro federativo é obrigatorio.

Un bo surfista debe:

  • Coñecer ben a praia onde vaia facer surf, estudar con atención as ondas e as correntes dominantes.
  • Saber as horas das mareas e dos ventos, que poden chegar a ser perigosos, sobre todo os de terra, que afastan o deportista da praia. Pódense obter na Cruz Vermella ou en clubs deportivos.
  • Non practicar o surf só.
  • Respectar as zonas prohibidas para o surf e, en calquera caso, manterse lonxe de bañistas, submarinistas e pescadores.
  • Revisar o cabo elástico que une a táboa ó pé para apreciar se está desgastado e, nese caso, substituílo axiña.
  • Se non ten moita experiencia, empregar un chaleco salvavidas.
  • En caso de accidente, non abandonar nunca a táboa.

 

Windsurf

O windsurf é un deporte que experimentou un grande avance, sobre todo no campo da tecnoloxía: empréganse materiais de vangarda que logran a adaptación ergonómica da táboa e da vela a cada deportista. Para gozar dun nivel aceptable recoméndase recibir polo menos dous cursos de iniciación básica e outros dous de experiencia avanzada, que se poden prolongar durante 15 días con dúas horas diarias. O prezo supera os 300 euros, e inclúe o alugueiro do equipo. Con eles conséguese dominar a posición de izada e de navegación exercitando o equilibrio; aprender a montar e desmontar o aparello; e dominar conceptos básicos de navegación e rumbos.

Tamén o windsurfista debe coñecer as súas regras.

  • Non se debe afastar da costa máis dunha milla, e debe vixiar o clima e mais verificar as horas das mareas e coñecer as correntes dominantes da zona.
  • Debe respectar as zonas prohibidas á navegación, as distancias mínimas de praias e utilizar as canles balizadas. Débese manter lonxe de bañistas, submarinistas e pescadores.
  • É fundamental utilizar protección contra o frío (traxes isotérmicos) e optar por cores rechamantes na vela, a táboa e a vestimenta, que inclúe o chaleco salvavidas. O uso do casco protector, aínda que non obrigado, si se recomenda. O chaleco debe ter unha cor viva. Se practica windsurf de velocidade, mellor con casco protector.
  • Hai que levar un kit con lanterna, luces químicas ou bengalas, e algún alimento de alto poder nutritivo.
  • Non se debe navegar en solitario. É fundamental informar a alguén do lugar ó que se vai e de cando se pensa regresar, para que poidan dar a voz de alarma se se retarda a chegada.
  • Non hai que abandonar nunca a táboa intentando chegar á praia ou costa a nado. Non convén sobreestimar as forzas: é preferible facer sinais desde a táboa, subindo e baixando lentamente os brazos estendidos.
  • Evítanse sobreesforzos empregando táboas cun sistema de remolque fiable situado a proa.

A vela

  Os cursos para debutante comezan cunha breve introdución teórica ós fundamentos básicos da navegación a vela: aparello, ventos, trimado ou manexo de velas, orza e temón. A continuación, practícanse as manobras básicas nunha canle balizada e sáese a navegar no propio barco acompañado dunha lancha de seguridade. Este é o xeito máis usual de aprender vela lixeira. Son necesarias 2 horas diarias durante dúas semanas para alcanzar nocións básicas, aínda que insuficientes para converterse en navegante. Aínda que é un deporte menos físico có windsurf, o coñecemento de cuestións do mar e o uso de aparellos é igual de importante. O prezo da aprendizaxe non supera os 300 euros.

Normas básicas para a navegación:

  • Evitar navegar en solitario e manter contacto visual cos seus compañeiros de travesía. Establecer un sistema de sinais.
  • Respectar ós demais usuarios da auga, sexan bañistas ou barcos. Hai que controlar o risco de colisión.
  • Non afastarse da costa nin saír ó mar ó serán.
  • Utilizar casco se hai risco de bater a cabeza contra as rochas.
  • A hipotermia é un perigo moi serio: vestirse da maneira adecuada.
  • En caso de accidente, non abandonar a vela. Facilítase a localización e serve para manterse a flote.
  • En caso de brétema, pór rumbo á costa orientándose polos sons e o compás.
  • Non dubidar en pedirlles auxilio ós Centros de Salvamento Marítimo e seguir as instrucións dos rescatadores das unidades aéreas ou marítimas que lle asistan.
  • Aprender e practicar técnicas de salvamento en grupo e de autosalvamento.

Outros deportes

Aínda que menos populares, cada vez son máis os que practican o kitesurf e o wakeboard, polo que convén achegarse ás súas normas.

O kitesurf é unha actividade do mar e do vento. O deportista deslízase cunha táboa sobre a auga, sostido por un papaventos. É indispensable realizar un curso con monitores titulados e con experiencia para poder personalizar o curso ó nivel de cada alumno. O wakeboard é un dos tantos deportes extremos que apareceron nos últimos anos. Consiste en realizar intrépidos saltos e xiros utilizando unha táboa que se enfronta ás ondas formadas pola embarcación que tira do wakeboarder.

Ambas as dúas disciplinas comparten unhas normas comúns:

  • É imprescindible aprender en centros especializados para que quen o practica e mais o espectador poidan realizalo con seguridade.
  • As zonas de práctica deben estar despexadas e dispor dunha ampla zona de seguridade a sotavento, evitando sempre as zonas con xente e bañistas.
  • Hai que navegar a sotavento de espigóns, windsurfistas, bañistas e embarcacións.
  • Hai que consultar as previsións meteorolóxicas, en especial se hai vento en terra.
  • Non se debe saír á auga se non se controla a técnica en terra.
  • Hai que navegar cunha orientación que permita volver á praia e non hai que afastarse demasiado da costa.
  • Hai que utilizar casco para evitar golpes na cabeza.
  • As táboas teñen pouca flotabilidade, polo que é obrigado utilizar chaleco salvavidas.
  • Hai que evitar a navegación ó serán e ter un contacto en terra que vixíe.
  • Nunha situación delicada, non abandonar o equipo, xa que permitirá unha máis fácil localización.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto